Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inquietante futuro

viernes, 14 de diciembre de 2018
A. Huxley escribíu o libro que limos todos, "Un mundo feliz" cando o futuro só era presente líquido. Unha parábola dun mundo inhumano creado por seres humanos. Pero tanta aséptica felicidade remataba colgada, cos pés xirando no ar. Mundo feliz ou pesadelo.

Agora Noah Harari, un dos gurús da intelectualidade, describe un futuro que inquieta. No libro "Homo Deus. Breve historia del mañana" advirte sobre o rumbo de avances científicos e tecnolóxicos. De loar os beneficios xa se encargan as multinacionais. Homes tentando seren Deus, con destrezas para deseñar e mesmo 'fabricar' seres humanos. E avisa que os produtos económicos máis rendibles neste século serán o corpo, o cerebro e o xenoma humano. Conta que a inmortalidade, o alongamento e mesmo a creación de vida inorgánica son os campos onde hoxe máis invisten. A fin de contas o principal xacemento de riqueza é o cerebro humano. O problema é cando tanto cerebro se concentra en Silicon Valley, sede de xigantescas multinacionais tecnolóxicas que desafían o poder político dos pobos.

Non temos moita idea do que son os algoritmos. Sospeitamos que toman as decisións importantes na nosa vida, con quen casar, que comer, ou que sensores biométricos miden niveis de azucre, tensión, que síntomas avisan de enfermidades. Múltiples datos nas mans de multinacionais xestionando unha privacidade que xa non existe. Cousiñas moi caras se hai que estendelas a millóns de persoas innecesarias.

O que estamos a ver é que a desigualdade económica é a outra cara da moeda da desigualdade biolóxica. Os máis ricos teñen mellor saúde, todas as posibilidades para ser máis listos e formados, máis creativos, mellores. E van constituir unha élite con enormes capacidades e posibilidades fronte a unha crecente masa que vive precariamente, non viaxa, non le nin se forma, que come comida lixo barata e pouco saudable. Outra vez homes alfa, beta, gamma, épsilon subhumanos: unha porcentaxe salientable de seres prescindibles no trunfante sistema económico que salva ao 1%.

Se os datos son activos necesarios e rendibles, non poden acabar nas poutas de xigantescas corporacións tecnolóxicas cun poder maior que o dos gobernos democráticos. Non se pode deixar o inmenso poder da biotecnoloxía e da intelixencia artificial nas mans da economía. Éche a política a que ten que soster as rendas.

O futuro tecnolóxico asusta pero está aí: todo un reto para familias, profesores, políticos que non se poden permitir ser analfabetos nas novas tecnoloxías. E outro asunto pendente e dificilmente mensurable: a felicidade humana, flor delicada que da sentido á vida e que escapa dos algoritmos. Non pode acabar colgada, xirando no ar e seguindo os rumbos incertos da rosa dos ventos dun futuro inquietante.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES