Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Principio de acción-reacción

jueves, 13 de diciembre de 2018
Tamén na física clásica podemos aprender filosofía, e non temos necesidade de coñecer as matemáticas que esixe a cuántica. Botemos unha ollada, se non, a Terceira Lei de Newton, na que se anuncia que toda acción desencadea unha reacción igual, pero contraria. E pensamos que se pode extrapolar á sociedade, porque, cando non se ten en conta no ámbito da dinámica social, sempre aparecen o seus efectos indesexables polas consecuencias que arrastran.

Pero o bo de Newton parece como se quixera anunciar as outras dúas leis igualmente de aplicación social: A da inercia, que podemos referir ao “tancredismo”, e a do cambio de movemento, que implica a forza motriz impresa, que supoño que procede extrapolala, e traducila, á sociedade polos apoios que se teñan, sobre todo politicamente, dentro do propio país, e á capacidade de actuar en relación a outros países consecuentemente cos contidos de certas inoportunas actitudes, e se non, lembremos a chulería dun líder que foi presidente español con motivo dun desfile da bandeira americana.

Pero nos cambios sociais, deliberadamente introducidos, é xa ocioso recordar que quen pretenda activalos, se non carece de sensatez, ha de ter moi en conta os ritmos dinámicos de cada sociedade, sobre todo se realmente desexa que os seus obxectivos non provoquen reaccións indesexables que os neutralicen. Estes días, no ámbito da política, en España, houbo unha indiscutible emerxencia dunha nova forza política que sorprendeu a todos os implicados, activos e pasivos; pero seguro que ninguén pensou en se é unha resposta reaccionaria (no sentido da lei newtoniana) a certas accións impregnadas de inconsistencia e inoportunidade, que implican flagrantes contradicións e actualizan decisións desafortunadas. Por isto, talvez non se debería esquecer, sobre todo por aquelas persoas responsables do control de certos comportamentos, que non hai impulso máis grande e eficaz a abandeirar, por exemplo, aberracións dun comunismo bastardo nun país, que os despropósitos do neocapitalismo, nin para activar un extremismo ideolóxico, que a imprudencia de quen menos o desexe desde o oposto.

Permítannos ofrecerlles aquí, a propósito, algo que limos na revista dixital “Tendencias 21”, na que o editor da mesma escrebe un artigo que non ten desperdicio, porque, na nosa interpretación, explica moi ben algunhas ideas que xa deixamos apuntadas en colaboracións anteriores neste mesmo medio, e recolle as reaccións de determinados países, a nivel xeopolítico, envoltas nunha bruma cultural que impide que se presenten con suficiente claridade; pero resgardan os seus peculiares intereses da suspicacia allea, que, cun sutil paradoxo, vese fortalecida polas accións dos países máis afectados, sen nin sequera percibirse diso.

Estes países elites, segundo o autor do artigo, comentando dúas obras de D. Pedro Baños, son Estados Unidos, Rusia e China, investidos do poder de crear unha cultura de masas que ocultan os seus obxectivos, e fan que sexa fácil de compartir polos outros países, debido ao ideal humanista que exhiben, impulsando a todos a aceptalo, sen pararse a reflexionar ata onde encerra un afán de poder e dominio do mundo.

As obras de D. Pedro Baños están publicadas en Ariel, e titúlanse ASÍ SE DOMINA EL MUNDO (2.017) e O DOMINIO MUNDIAL (2.018). Parece que o mundo global baila, escrebe o autor do artigo, D. Eduardo Martínez de la Fe, “ao compás do que estas elites definiron como claves do futuro humano: a democracia, a economía de mercado, o liberalismo económico, a iniciativa privada e o capitalismo”. O autor das obras chama a esta estratexia XEOPOLÍTICA CULTURAL, destacando o interese de influenciar estes países elite noutros, mediante os medios de comunicación dos que hoxe dispoñemos e, sen dúbida, utilizamos con escasos criterios críticos, incluso nas mesmas chancelarías.

Por iso, ocorréusenos pensar que o empacho tecnolóxico e científico, cando se utiliza como vehicular de mensaxes solapados, só pode barutarse cunha boa formación naquelas disciplinas que algúns grupos ideolóxicos pretenden excluír ou debilitar no ensino, porque son as que nos dotan das necesarias referencias críticas, para que o recurso á cultura amasada tecnolóxica e cientificamente non serva de cebo manipulador, subrepticiamente, das diversas configuracións institucionais doutros países, catalizado pola ilusión creada nos países elites para ir consolidando un poder global.

Se inserimos estas consideracións xeopolíticas na análise das accións gobernamentais de moitos países, afondando no esencial e prescindindo de matizacións ideolóxicas, non é difícil descubrir unha flagrante contradición, porque pretenden acadar obxectivos propios sen decatarse de que eles mesmos son coadxuvantes das reaccións que provocan nos países elites, que perseguen outros, incluso contrarios, cunha sutil estratexia estudada.

Acaso non lles din algo os envelenamentos en Inglaterra, que, como non son tan sutís, ben poderían conducir a unha manobra de distracción?. Pensemos, como recurso exemplar simplemente pedagóxico, que o interese que ten Rusia en debilitar a UE estivera centrado en separar a Inglaterra, co cal lograba dous obxectivos:

Debilitar a unha e a outra, tendo en conta a importancia da incorporación do Reino Unido á UE. E isto levaríanos a preguntar ata onde decidiron os ingleses o BREXIT, e ata onde foron instrumentos dos países elites. Parece que hoxe pode conseguirse mediante estas sutís estratexias da xeopolítica cultural o que antes se conseguía a duras penas con guerras.

Escribe D. Eduardo, a este respecto, como achega do autor dos libros que comenta, o seguinte, no artigo citado da súa autoría: “O poder destas elites, artífices do proceso de globalización que nos venderon como panacea da nosa civilización, increméntase sobre todo a través da economía: poderosas multinacionais e fondos de inversión adquiriron a capacidade de controlar as políticas e infiltráronse nas institucións democráticas para pervertelas e facelas partícipes da súa ambición.”

Baños considera un exemplo desta estratexia o caso ALSTOM, en Francia. A. Juillet, que foi xefe de “Intelixencia da Dirección Xeneral de Seguridade Exterior de Francia”, denuncia na Asemblea Nacional que este país perdeu a soberanía nacional ante Estados Unidos despois de que a “General Eléctrica” comprara o departamento de enerxía de Alstom, corporación centrada na xeración de electricidade e fabricación de trens e barcos. Segundo parece, o Goberno de París informouse da transacción despois de culminada!!. A compravenda, nun ámbito da globalización, correcta. Pero “General Eléctrica” quédase co control das turbinas de submarinos nucleares franceses, que depende agora dunha empresa norteamericana, e “Francia perde a soberanía para decidir sobre a súa capacidade nuclear”, e tamén a súa acción xeopolítica no mundo.

Poderíamos escusarnos de dicir que Estados Unidos acadou obxectivos militares camuflados nunha operación mercantil correcta, da que non soubo nada o Goberno francés ata que xa estaba realizada, e na que perdeu algo de súa soberanía. Talvez se trate dunha suave e ben planificada reacción a certas posturas do mesmo, evitando a complexidade e o tedio das xestións levadas a cabo por outras canles, entre elas seguramente as diplomáticas, arquivadas para dar paso ás camufladas.
Por suposto, os países elite contan con medios para poñer en práctica estas estratexias, e os países aos que se dirixen deberían incluír nos seus proxectos o alcance delas, en vez de sementar arrogancias que adoitan imprudentemente utilizar nalgunhas referencias a esas potencias. E, sen dúbida, sen ter en conta a segunda lei de Newton, que, aplicada a sociedade, pode formularse así: Onde non hai “forza motriz impresa”, deben evitarse os cambios de movemento.

E en España (sometida a probas de laboratorio!), na actualidade, son demasiados os líderes que máis ben intentan fundamentar o seus liderados nas filigranas persoais, con fíos de ouropel e alpaca, facendo de filibusteiros co independentismo catalán (como se facía coas provincias de ultramar, noutros tempos), de comportamentos e decisións tan erráticas que non deberían encrespalos as reaccións explícitas do pobo, nin trasladar, cinicamente, as responsabilidades a outros lugares, esquecendo o principio de acción–reacción, so pena de que, neste caso, ata as decisións correctas deveñan contaminadas de matices cualitativos desfavorables.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES