Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As pinturas de San Martiño

jueves, 22 de noviembre de 2007
O pasado venres, as campás da vella igrexa de San Martiño de Mondoñedo dobraron por vez primeira despois de case que unha ducia de anos, que se mantiveron mudas: non resultaba doado acceder ó pico do campanario para voltealas e que a súa voz metálica espallara por toda a parroquia a súa mensaxe, unhas veces de tristura e outras de ledicia que é, indefectiblemente, a dualidade pola que transcorre a vida das persoas e, polo tanto, da comunidade.

Foi sen embargo un feliz retorno á actividade: os sons xa case esquecidos eran nesta ocasión portadores de boas novas; anunciaban a celebración das festas patronais e facíano ademais coa súa voz recuperada. Era tamén, por conseguinte, o anuncio do remate das obras de acceso ó coro, e ó campanario, o que permitía novamente o uso do tan tradicional e familiar xeito de comunicación comunitaria.

San Martiño está a vivir hoxendía un dos capítulos mais interesantes da súa historia. A celebración do Ano Xubilar de San Rosendo, con motivo do XI Centenario do seu nacemento, bispo ilustre que foi nesta ex-catedral, o que lle confiriu un destacado protagonismo ó longo do ano; a recente nominación de Basílica por parte do Papa Benedicto XVI, e sobre todo as importantes obras de restauración e conservación que se levan a cabo no cenobio, e no seu contorno, van a dignificar o conxunto monumental que o ano 1932 fora declarado Monumento Nacional, e polo tanto resultar potenciado como lugar de coñecemento e de visita.

As obras que nestes intres se realizan, parte delas xa executadas, e que afectan ademais á Casa Rectoral, son a renovación da cuberta e revestido exterior da mesma e un peche novo de portas e ventás. No baixo instalarase un museo, con varias dependencias, e nos andares superiores, totalmente reemplazados, irán no primeiro unha sala de conferencias e un apartamento-vivenda para o párroco e no desván dúas habitacións con baño.

En canto á igrexa xa se dotou tamén dunha nova cuberta e como decimos acaban de rematarse as obras de acceso ó coro e ó campanario; renóvase a instalación eléctrica e tentarase de eliminar as humidades que son, como é sabido, elemento destructivo dos materiais.

Asemesmo estase a traballar na recuperación das pinturas murais, feito no que vale a pena deterse, porque está dando uns resultados sorprendentes, pois debaixo das descobertas con anterioridade, están a aparecer outras que chaman a atención pola súa factura e a súa antiguedade, xa que se as primeiras os expertos as datan entre os séculos XIII e XV, as que ahora saen á luz, e a falta de confirmarse por parte dos especialistas, as primeiras impresións que se teñen é que poderían pertencer ó século XII e polo tanto trataríase das mais antigas da igrexa, ata o de agora ocultas.

Parece ser que o núcleo central das mesmas refírese a unha representación do Apocalipse, na que aparecen unha chea de personaxes, algúns deles alados; é decir en figuras de arcanxos. De tódolos xeitos haberá que esperar a que remate o traballo dos restauradores e que os expertos se pronuncien sobre a simboloxía e a época, para ter unha información exhaustiva e fidedigna.

En todo caso barrúntase que estamos ante un feito transcendental, como amosa a ledicia do equipo restaurador, que sen dúbida acrecentará aínda mais a importancia artística e histórica desta xoia que é San Martiño de Mondoñedo.

Os primeiros traballos que se realizaron para poñer á vista estas pinturas foi no ano 1925: o entón alcalde Crisanto Couto -“que lleva un arqueólogo dentro de sí”, en frase de Salgado Toimil- o cura don Xosé Fiallega e o propio Toimil foron os artífices de tal actuación “con la más absoluta observancia de los cánones prescriptos por los tratados de arqueología para estos menesteres”. Pasarían dende entón mais de oitenta anos para, nos días de hoxe, descubrir que San Martiño segue sorprendendo.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES