Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Toda unha vida por diante

jueves, 22 de noviembre de 2007
Leva tanto tempo esperando este momento que a ansiedade, que pouco a pouco a vai consumindo, se fai cada vez máis patente. Presinte que hoxe será o seu grande día e iso mantena nun continuo estado de axitación. Atrás quedan os duros meses fríos do inverno, con días grises e noites interminables, nos que a fina capa protectora que a cobre, apenas logra mantela viva coas constantes vitais reducidas á mínima expresión. Ese frío invernal, que lle conxelaría, de telos, ata os mesmos ósos, foise xa, e o sufrimento queda lonxe. Non é momento para recordalo agora. Non neste intre. Non neste día.

Todas esas sensacións pasan pola súa pequena cabeza, mentres sente como o seu corpo vai cambiando a velocidade de vertixe. Sente como as súas extremidades, entumecidas polo frío nos meses pasados, van respondendo aos seus pulos e collendo forza; esa forza que vai necesitar pronto, moi pronto -presinte- e que lle vai permitir acometer o que veu facer a este mundo; mellor dito, a ese mundo de aí fóra, posto que aínda non goza del.

Mentres se estira e espreguiza, a súa mente empéñase en mostrarlle imaxes pasadas, imaxes que puido captar a través da fina pero cálida capa da súa cela. Aínda lle parece estar oíndo a respiración dos seres que de cando en vez pasaban a escasos centímetros da súa morada. Unhas veces tranquila e acompasada, producida por animaliños que saían a alimentarse nas tranquilas e sereas noites invernais. Outras alasante e atafegada. Lembra perfectamente como os que producían esa forzada respiración, eran perseguidos nunha aloucada e angustiosa carreira, baixo unha algarabía de sons inintelixibles e un estrondo enxordecedor. Detrás destes aterrados animais ían, tamén correndo, seres estraños que xamais vira, que se erguían sobre dúas das súas extremidades e que portaban estraños artefactos que vomitaban fogo e producían un ruido parecido ao dos lóstregos nas tenebrosas noites de tronada. Xamais vira nada semellante, pero é que tampouco vira a penas nada. Tempo despois, eses mesmos seres volvían sobre os seus pasos levando, ao parecer sen vida, aqueles inofensivos animaliños que vira correr espavorecidos. Lembranzas amargas e confusas.

Pero non todos os recordos son deste tipo. Tamén lembra que nas prácidas mañás de inverno perto da primavera, cando o sol comezaba a exercer o seu beneficioso efecto embriagador e a temperar o ambiente, os paxariños, fieis á cita, acudían e se deixaban ver, para, cos seus harmoniosos trinos, atraer as súas parellas e deixar que a natureza exercese a súa influenza. Recorda, tamén, o delicado arrecendo que desprenden as primeiras flores que co espertar da primavera ousan asomarse, e sobre as que as abellas, como querendo monopolizalas para si, describen acrobáticos voos antes de se pousar e levar a cabo a súa amolada tarefa.

Mentres pensa, o tempo vai transcorrendo sen darse conta. Os seus membros van collendo rixidez e comezan a rachar a delgada capa do seu abrigo, que tan apartada a mantivo do rigor do inverno e que, cumprido o seu traballo, desfaise e cae ao valeiro. Liberada da súa atadura comeza a pensar con claridade. Ante si olla un fermoso campo cheo de flores e bañado polos raios do sol, agora no cenit do seu apoxeo, e os ollos énchenselle de bágoas. Bágoas que saben a tensa espera. Bágoas de ledicia ¡Por fin! -gustaríalle gritar se puidese- ¡O meu gran día chegou!.

Baixo a lene brisa do mediodía, as abellas afánanse en buscar as flores máis vistosas e cargadas de pole. Os paxaros, implicados nos seus xogos amorosos, semellan ignorar o que ocorre ao seu redor. A bolboreta levanta o voo titubeante, insegura, e vaise pousar no primeiro gromo que atopa para repoñerse do esforzo. Mira cara a un lado e cara ao outro, por se houbese algún perigo preto. Unha vez que a súa integridade está asegurada e ante as exiguas vintecatro horas que durará a súa vida, quere exclamar aos catro ventos: “Teño toda unha vida por diante”.
Reiriz, Javier
Reiriz, Javier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES