Xa levamos varias celebracións e aínda faltaba a dos Dereitos Humanos. Sería suficiente e sobrarían as demais. Pois no Día Mundial non podo pasar por alto un caso de vulneración de dereitos insólito. Amparados en tanta lexislación e nunha maior

presencia social non se entenden feitos así.
Vou retomar a actualidade da Valedora do Pobo cunha historia que empezou hai máis de cinco anos e que tentarei resumir despois de case tres intercambiando escritos; por iso o título de escrito vai, escrito vén.
Imaxinen unha aldea dun concello da provincia de Lugo e unha persoa con mobilidade reducida que usa cadeira de rodas. Vive nunha casa de planta baixa ao lado dunha estrada. A estrada asfaltouse en varias ocasións chegando a orixinar diante da porta unha barreira de 15 cm cunha pendente do 20 % e co engadido de entrar auga e lixo cando chove moito. Cada vez que había obras, a persoa daba a voz de alarma. De nada serviron as súas protestas, escritos e algunha reportaxe nos medios de comunicación. Como medida de apoio constituíuse un Grupo, do que formo parte. Unha das accións foi apelar á Valedora do Pobo, aínda que xa o fixera a interesada sen resultado.
Disponse duna amplo dossier con todos os escritos. Desde o Grupo sempre na liña de urxir a eliminación da barreira e cumprindo ademais todo o solicitado, desde un informe técnico no que consta que é unha reforma sinxela e de pouco custe ata un encontro co alcalde. En canto aos que nos chegan, respostas de todo tipo e algunhas repetidas ata tres veces. Sirva de exemplo que o Concello persiste na súa actitude, que se lle recorda o seu deber de colaborar, que recibirá unha advertencia sobre as consecuencias legais
E dan o caso por pechado. Conséguese reabrilo despois de varias conversas telefónicas e volta ao mesmo: que o Concello non contesta ás demandas, que remitiu información cun retraso considerable ou que hai que esperar a que mellore o tempo. O tempo melloraba, a barreira segue e así tres anos.
O 14 de novembro formulan ao Concello a seguinte recomendación: Que con urxencia se realice a adaptación pendente, que resulta viable e razoable, e que ademais é consecuencia dunha actuación anterior nunha estrada municipal. E proceden novamente ao arquivo do expediente. A semana pasada, nova apertura despois dunha xuntanza coa Valedora á que asistimos algúns membros do Grupo. Empeza outro capítulo co compromiso de falar co alcalde quen, ao parecer, xurou como outras veces, que ía resolver o problema. Penso que hai culebróns con menos argumento.
Di o refrán que las cousas de palacio, van despacio. Pois se por palacio se entende a parroquia de Abeledo no concello de Abadín, a realidade é que nin se moven. Así que, igual que nas series, remato cun Continuará