Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No perfil das verbas

lunes, 10 de diciembre de 2018
Quixeron os nosos designios e quizabes os deuses, que Baldomero Iglesias Dobarrio e máis eu nos coñecésemos polo San Froilán do ano 1960 no Instituto Nacional Masculino de Enseñanza Media de Lugo, (que así se chamaba nos anos da ditadura), no curso de 2º A de bacharelato, hai xa 58 anos, cando nós tiñamos 10 aniños e andabamos á procura dos estudos. Xa daquela, Mero, era un rapaz bo e xeneroso, mais esa bondade e xenerosidade foise mantendo e aínda medrando ata hoxe, e por iso, a Mero sóbranlle presentacións porque a grandeza e a magnanimidade aniñan nos alicerces da súa alma, na súa dedicación e nos feitos e nos froitos á Comunidade da que nos fixo e nos fai doazón e entrega con asiduidade como acontece con este novo libro No perfil das verbas que hoxe se converte nunha nova achega. ( Non vou aquí falar dos moitos premios e da actividade cultural de Mero por ser xa de todos coñecida e voume centrar na súa poesía e na súa calidade de poeta).

A escrita de Mero é sempre poética aínda que sexa narración ou ensaio, emprega a palabra como unha fouciña ripando as maldades, que engordiño, coma as hedras, encarceran e someten as verdades en aparentes mentiras. Mais para solucionar o problema está o poeta, para afiar a gadaña e coas súas segorellas ben enganchadas e apertadas, gadañar o brodio que medra a carón para non confundir. Así é Mero. A súa poesía é “unha arma cargada de futuro” como diría Gabriel Celaya, ante todo, unha arma, sábeo ben Mero, que tamén é un poeta social, pero sobre todo, o noso Mero é un buscador de beleza.Como dicía Manuel María nunha entrevista “ a poesía sempre serve para algo, sempre che abre un camiño de fantasía ou beleza”, ese camiño que Manuel María cita é un camiño tamén da luz que o fire para sempre, en versos de Díaz Castro, os dous mestres e amigos do noso cantor poeta que no libro de poemas que nos ocupa e no poema “Redimir a arte” dinos que “a beleza non é muda e chama por nós a berros/. . . causa en nós ese alborozo,/ esa emoción, reclamada desde o enxeño/ . . . que a beleza non é muda e debe servir para a denuncia,/ para reparar inxustizas e mágoas,/ alí no seu lugar, nas sombras do sufrimento/ onde fan resplandecer luces da alma/”

De aí que o noso Mero ,-porque Mero xa é de todos nós e nós somos del-, (De aí que o noso Mero, -digo-) sexa un xograr do noso século, un xograr da dignidade, defensor da verdade, da xustiza, do pobre, da Matria que é a nosa Chá, dos perdedores, da nosa Lingua, mais tamén é un loitador de sentimentos: a dor, a humildade, a miseria. . .Tamén os apátridas inconscientes, por exemplo, forman parte desa súa poesía, e así no poema “Rumores da natureza” dinos que . . .”Os sentimentos tamén entran polos sentidos/ e van conformándose case, case, sen sentilos”.E así vai o noso Mero cabalgando nas crinas do vento da nosa Chaira e, á parte da fouce social emprega tamén as armas da beleza que son as figuras retóricas. A Retórica, nacida na Grecia clásica “ars bene dicendi”, isto é a técnica de expresarse de maneira adecuada e fermosa para lograr a beleza e a persuasión do destinatario. A súa poesía son pentagramas de líquidas notas que arpexan sensacións dun cantor e dun poeta, porque a poesía tamén é canción ou, outramente, a canción tamén é poesía e dela se vivifica e se conforma; o que non entenda isto xamais entenderá os versos cadenciosos con rima ou versos cadenciosos con ritmo, porque ritmo e rima son as dúas caras da mesma moeda, a canción e a poesía.

Miren se non o poema a “Canción de amor”:

Dime amor (2x4)
en que mar collen as bágoas o sabor (3x4)
salferido no salseiro desta dor?(3x4)
Ou quizais (2x4)
sexa o mar o que coas bágoas se salgou (3x4)
sendo tantas as que en mágoas van aos cons (3x4)
Dime amor (2x4)
de que mar as cunchas collen o rumor (3x4)
que gravado teñen sempre no interior. (3x4)
Ten que ser (2x4)
Do latexo deste enorme Mar Maior, (3x4)
da Mariña, illas Ons ou Caión. (3x4)
(Compases de dous por catro e tres por catro)
Onde remata o tempo do compás, remata o verso. É perfecto)


No perfil das verbasEn Baldomero son sempre ou case que sempre os dous primeiros versos da poesía os que levan o significado notorio, os que amosan e testemuñan a idea xeral suscitada polo autor como tratamento necesario e, de seguido, comeza unha “amplificatio” que é un “in crescendo” de beleza, unha figura de pensamento co fin de realzar o significado dentro do discurso poético, unhas veces a través da “acumulatio” de contidos e outras, a través da “argumentatio” como un razoamento poético seu, indudábel e preciosista que é. Mais, ás veces, esa amplificatio baixa rápida e sonora como o río Miño no Pedregal de Irimia, cunha técnica de alongamento para o realce da idea que supón un uso ou emprego especial da entoación continuada polo ritmo repetido dos estadios nos socalcos do río que fan cadencia rumorosa e nemorosa de augas en compases.
Outras veces, a “amplificatio” que baixa alíxera faise vagarosa nunha “dilatatio” que é a mesma que a do noso Pai Miño na Valuria repousada das carballeiras e terras de labor nas que o horizonte comunga distancias e o río “baixa caladiño/ e non espertes ao meu meniño”, parafraseando a Manuel María.

Cómpre dicir que o noso poeta, Baldomero, comeza os seus poemas con moita asiduidade con verbos, porque o verbo é dinámico, activo, imprevisto; sería como un adolescente novo cheo de vida e xuventude Porén outras veces é o substantivo o que dá comezo aos poemas, mais este, o substantivo, é tranquilo, apoucado porque leva con el todos os semas de significado por iso parece un vello pousón oposto á mocidade do verbo.Estas son as dúas categorías preferidas polo autor. Eu, voume deter somente no verbo inicial dos poemas porque é un signo de identidade de Mero e que define claramente as dúas posibilidades, entre outras, da súa poética.

1º) Por unha banda están os verbos en 2ª persoa e os imperativos que fan unha forza inxente e forman parte da denominada en lingüística “función apelativa ou función de chamada” que serven para chamar a atención do que le, mais tamén é a forma de COMBATE que emprega o noso autor na súa vertente social e de denuncia.
Algúns poemas comezan así:
Hai que gardar a vida
Chama desde o fondo.
Hai que seguir.
Temos que seguir camiñando
Contemplade a poesía que flúe da paisaxe
Ect, Etc.

Son títulos que nos obrigan, que nos mandan, que van dirixidos ao TI, persoa que escoita para que reaccione e se poña a pensar no que despois nos vai vir.


2º) Por outra banda están os verbos en primeira persoa que forman parte da “función expresiva ou emotiva” da linguaxe, función propia dos sentimentos, que é a outra das vertentes do Río Mero (si, si, do río Mero) que escorre pola emoción e a sensibilidade. Vexamos algúns títulos de poemas:

Sigo declarándome insubmiso.
Quixen dar un paseo sonoro.
Cando miro para atrás.
Eu, que sei todo sobre non ter nada.
Quixera poder dicir sabiamente.
Prevalece en min, enchéndome de orgullo.
Quero aínda convocarvos a esta loita pola honra.
Montarei no meu cabalo imaxinario
Etc, etc.

Temos pois, a outra vertente, que é o EU poético propio do sentimento e visible nos pronomes, sobre todo nos persoais e nos verbos en primeira persoa que levan e miden co metro dos sentimentos.

Mero pertence á ESCOLA POÉTICA DA CHAIRA, que hai que empezar a chamala con este nome e que son obras poéticas da Foula do Rañego, da Irmandade Manuel María, Xermolos, sobre todo, e tamén do Iescha para que a nosa literatura teña unha denominación clara “Escola Poética da Chaira”, perdoádeme que son moi atrevido ou “Escola Poética da Valuria”.

Hai que destacar tamén os trazos tan ben feitos de María Guerrero Rico, unhas veces dotados dun gran realismo e outras dun minimalismo exquisito, sempre acorde cos contidos expresados polo autor.


Resumindo, pois, diremos que Baldomero na súa poesía actúa como un poeta social e outras veces como un poeta sentimental que se deixa ver nas funcións apelativa (poeta social) e expresiva (poeta sentimental) da linguaxe como confrontación entre a batalla representada polo TI , e o sentimento, representado polo EU, e desa dicotomía bicorde da linguaxe xorde a impresionante e impresionada poesía dun xograr cantor e autor da palabra concordada.
Moitas grazas.
Foi un pracer.

(Palabras do profesor e escritor Xosé Otero Canto na presentación de "No perfil das verbas", de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero en Vilalba e Lugo)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES