Non calar
Santalla, Iago - miércoles, 12 de diciembre de 2018
Como diría Paco Ibáñez vivimos tempos de ignominia que intentan facer do torto dereito ideoloxizando cara ao retrógrado cubrindo de modernidade. De novo, quérese valorar o clasismo, a sumisión, a xerarquía para emprender un camiño inexorable ao silencio, un silencio que sempre é autoritario, extremista e con tinturas dun fascismo que se quere proxectar como futuro
Esta é unha fronte multilateral que só pode ser atacada cun exército de palabras e libre pensadores. As palabras constitúen o cerne co que o libre pensamento argumenta; por iso, na medida que eduquemos para a liberdade estaremos transformando democraticamente unha sociedade que nunca calará ante a inxustiza. Neste tempo que quere impoñer o silencio como modernidade, que disfraza de porvir ao fascismo, moitos están a poñer o seu grao de area para manter o que o pobo conseguiu.
Hai dúas semanas dando aulas xurdiu o tema de que facer cando nunha entrevista de traballo che preguntan cousas que non veñen ao caso e que afectan directamente á integridade moral das persoas. Como profesionais da educación, temos que ser capaces de transmitir a necesidade de levantarse e pegar un portazo ou ben deixar claro os límites do que se está disposto a aceptar. O que está claro é que ten que haber liñas vermellas que ninguén debe rebasar e quen o faga debe ser rexeitado social e profesionalmente. Cal é o problema? Que xogan coa falta de experiencia e coa necesidade das persoas. Xuntando estas dúas premisas teñen o caldo de cultivo perfecto para o abuso de poder.
O antídoto ten que poñerse dende a universidade e dende a formación profesional. Ademais, do saberes técnicos é necesaria unha educación crítica e moral que nos leve a analizar en profundidade os nosos valores respondendo dende eles de forma xusta e equitativa. Os profesionais da educación temos a responsabilidade de formar persoas libres que non calen, voces de denuncia que se convertan nas sentinelas da liberdade e da igualdade. O silencio só se fixo á medida do autoritarismo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora