Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'No perfil das verbas', de Mero Iglesias

viernes, 07 de diciembre de 2018
O libro de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, "NO PERFIL DAS VERBAS", con ilustracións e foto da cuberta de María Guerrero, editado pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María, a principios de maio deste 2018, maquetación e impresión de Lugami Artes Gráficas, resultan ser un libro dunha gran beleza que contén, en realidade, 4 libros: "PARDIÑAS A festa das artes", "PRESENTIDO PARAÍSO", "DOCE DUCIAS" e "OUTROS POEMAS".

'No perfil das verbas', de Mero IglesiasO limiar do libro que estamos a comentar é de Alfonso Blanco Torrado, e nel eloxia, extraordinariamente ben, a Mero, o mestre vilalbés, e a María, a mestra vilalbesa, ó poeta e á ilustradora, co que estou totalmente de acordo.

"PARDIÑAS A festa das artes" son 16 poemas breves, todos eles logrados. Con eles, e outros máis, fíxose previamente, antes de seren libro, no 2017 una exposición no Festival de Pardiñas, a prol de recadar fondos para a recuperación da casa do poeta Xosé María Díaz Castro, enmarcado cada poema de Mero cun debuxo de María. Unha marabillosa conxunción perfecta. No libro podédelo comprobar. Velaí dous exemplos:

"A maior forza humana
é irremediable
e está no sorriso, na bondade e no amor."

Ou:

"Caerán as pontes,
os ríos seguirán fluíndo ao mar."

PRESENTIDO PARAÍSO". Título sumamente expresivo. Son 18 poemas. No primeiro atopamos este verso revelador: "eu nacín sabéndome chairego". O segundo titúlase: "Sen ti non sería nada" e ese ti é Galiza. O terceiro titúlase: "A Chaira, Vilalba, Abilleira"... e comeza:

"Sempre honrado do meu berce,
da miña orixe chairega, namorado deste eido
tan preciso, cheo de luz, precioso para lembranzas."

É un poema longo, case cinco páxinas, un canto de amor ó berce, Vilalba, á Chaira o que nos permite internarnos, fonda e admirativamente, na personalidade do autor. Sentimentos que volven expresarse en "Dona" e "No alto máis branco". Aparecen despois os ríos, as fontes, as caldas augas, as árbores, os "Nomes que veñen en ecos e en voces, de nostalxia total" (ducias deles), as pontes, a fala, o río Madalena e un longo etcétera.

Sobre os recordos ten un sentido poema que remata, femosamente, así:

"Pendurados e vivos na nosa memoria, facéndose oír
en ecos que van e veñen, e endexamais morren!"

Considero tamén moi expresivo o poema que comeza "Xunto ás verbas melodías" e que remata así:

"Vou e veño, satisfeito
residente nos meus eidos,
coa miña xente, nesta Matria que aínda agarda por nós
que sexamos dignos dela
engrandecidos na gloria
da estima e a Dignidade, tendo a Chaira en posesión!

E tamén moi expresivo "Chama desde o fondo" sobre o alienados que estamos ao non
"... volver á vida e espertar de novo
nese máxico misterio da beleza
que se nos ofrece gratuita diante ós ollos".

E de novo aparece a Chaira en "Tamén no inverno".

"DOCE DUCIAS". Ten unha dedicatoria moi sentida: "Á miña xente". Principia cun limiar de Xulio Xiz titulado "Meropoética". Aclara Xulio que "doce ducias", é dicir, 144 poemas son unha "grosa". O limiar é tan certeiro, tan expresivo, tan coñecedor de Mero e a súa poesía, que, de non ser que debo dar a miña humilde opinión, de boa gana limitaríame a lelo todo ou, polo tempo, case que todo.

A primeira edición deste "DOCE DUCIAS" foi en branco e negro, a prol da recuperación da casa do poeta Xosé María Díaz Castro, e agora, en color, incorpórase a "No perfil das Verbas" cos outros tres libros.

Por suposto, polo título, sábese que son 144 poemas. E así é. "Convocatoria" e tan esclarecedor e expresivo que o vou ler completo:

"Quero aínda convocarvos a esa loita pola honra,
a esa na que as armas durman o soño longo da historia
e enferruxen as súas mortes entre as néboas da memoria
nun monumento dos erros de tantas sendas retortas,
dos equívocos humanos que van sobre un mar sen ondas
acabalgando horizontes lonxe da razón que escoita,
do entendemento que integra, no mundo, a tantas persoas.
Mais coa vontade de ser vencedores sen derrota
e sen esquecermos que somos dignos da nosa vitoria."

De seguir deste xeito comentando o libro, necesitaría horas. Así que vou sintetizar a miña relectura. Simplemente vou enumerar algúns títulos que me chamaron a atención: "Mai", "Por riba dos traidores", "Ela... a nosa Lingua", "Ansiada historia", "Nós e o noso", "Esquecemento suicida", "Onde estamos perdidos", "Redimir a arte" (que a beleza non é muda), "Precariado", "Pai", "Manda testamentaria: galego agora e sempre", "No amor eterno", "A ti muller" (defensa extraordinaria da muller contra todo machismo), "Miña mai", "Un ERE", "Insubmiso da barbarie", "Anaina para Darío", "Palabriñas de amor", "Muller, mai", "Avelino Pousa Antelo: República, a nosa!", "Cantor", "A música", e "Lugo".

Quixen poñer tantos títulos porque así aclaran moi ben a miña síntese: Mero, e a súa poesía é coherente, valente, sincero, auténtico, diverso, familiar, namorado, insubmiso ante a inxustiza, galego, lugués, chairego e vilalbés.

"OUTROS POEMAS" son 10 poemas. Aparece de novo Vilalba en "As catro estacións de Vilalba"; segue "En corpo e alma" e en "Corpo" lemos: "Agora é cando máis falta fai a poesía" dunha valentía e forza extraordinarias. Ten unha fermosa "Canción do neno" e remata o libro cun "extracto do poema agradecido, dedicado a ASPNAIS de Lugo.

En todo "NO PERFIL DAS VERBAS" son de destacar non só os poemas, senon os debuxos, que mostran como María Guerrero se meteu neles e como coñece e ama, tamén, a súa Chaira, a Xustiza e a Galiza. Noraboa ós dous.

(Palabras de Xoán Xosé Fernández Abella na presentación do libro "No perfil das verbas", de Mero, en Vilalba e Lugo).
Fernández Abella, Xoán Xosé
Fernández Abella, Xoán Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES