O ouro viaxeiro de Zoñán
Reigosa, Antonio - viernes, 14 de diciembre de 2018
Debaixo da Croa do castro de Zoñán hai, como en case todos os castros e xacementos antigos, tesouros a moreas. Tesouros de ouro imaxinario, naturalmente. Deste ouro o que máis abunda é o que se presenta en po, aínda que tamén son de ouro a lastra e os paus necesarios, incluídos a bóla e o canteiro, para xogar aos birlos. Cando trona, dicían os meus vellos veciños de Zoñán, é que os mouros que viven por alí andan xogando aos bolos.
Ademais, isto contoumo o meu tío Ramón da Valura, un de Rego de Cas levou de alí un burro cangado de ouro, tanto ouro que a casa (non procede identificala agora) medrou moito e non acae outra explicación.
Pero no castro de Zoñán tamén apareceu ouro auténtico. Dese que brilla e se pode ver, e ata palpar. Foi nas escavacións levadas a cabo baixo a dirección do arqueólogo Abel Vigo en 2004 cando atoparon unha torta ou lingote de ouro de 191 gramos de peso, de 6,2 cm de lonxitude, 4,4 de ancho e 08 de grosor. Dátase nos primeiros séculos da era. Tras a realización das análises científicas, a composición resulta que ten un corenta por cento de prata e tamén algo de cobre. É, pois, ouro mesturado con prata e cobre polo que entenden os expertos que se trata dun lingote de fundición, listo para que un ourive o puidese utilizar para elaborar uns pendentes, un colar, un brazalete...; o que cadrase.
A torta, logo de realizados os estudos pertinentes, foi depositada pola Xunta de Galicia no Museo Provincial de Lugo en 2005. E neste museo, ao que retornará unha vez que remate a xira que a reclamou para levala de excursión, pódese contemplar permanentemente.
A exposición que solicitou en préstamo a torta do castro de Zoñán denomínase Galaicos, un pobo entre dous mundos e pódese visitar no Museo Arqueológico Nacional de Madrid entre o 31 de outubro deste ano e o 3 de febreiro de 2019. A mostra, producida pola Deputación de Pontevedra, pretende achegar a outras xeografías arredor de 65 obxectos arqueolóxicos que reflicten, xunto a complementos didácticos e virtuais, o potencial do patrimonio cultural galaico-romano nun período aproximado de arredor de 2000 anos, desde o 1.500 a. d. C. ata o s. VI d. C. Está previsto que despois, tras a estadía en Madrid, aínda visite Valencia e Barcelona para rematar o percorrido en Pontevedra aló polo ano 2020.
O catálogo que se acaba de presentar, A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, identifica entre as 55 pezas que se estudan varias xoias áureas procedentes de Mondoñedo. Dous torques (colares ríxidos) de outro e un de prata procedentes do castro da Recadieira. Dúas láminas, tamén de ouro, dous fragmentos de torques e dúas arracadas (pendentes) procedentes de A Valiña, Masma. Amais doutro fragmento de torques con posible orixe, en lugar incerto, en Mondoñedo e outra torta de ouro, similar á de Zoñán, que se atopou casualmente na Recadieira en 1984. En total doce pezas, incluídos os fragmentos citados, que son o ouro antigo mindoniense permanentemente exposto na sala nº 8 do Museo Provincial de Lugo.
Non estaría nada mal que algún día, sequera de visita, igual que a torta de Zoñán vai a Madrid, se achegase a Mondoñedo esta avanzada do noso tesouro patrimonial.
(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)

Reigosa, Antonio