A ver quen a ten máis grande!
Asunto serio o do iluminado do Nadal? Ou tema de sarcasmo, de mofa nas redes sociais e non tan sociais? Hai pouco dixen que cando nos descoidemos, tal acendido xa empeza ó rematar as Novenas de Os Milgares. Pero é que, agora, a maiores, deste asunto, deste tema xa empezamos a sacar o ouro e o mouro... inauguracións que semellan festas, pistoletazos de saída con autoridades a cal máis rango mellor, presunción dalgunhas vilas pequenas que ata o Vigo de Caballero se queda nunha pantomima, nunha simulación. A onde estamos a chegar! E falando do Vigo de Caballero ou do Caballero de Vigo, tanto escarnio, tanta burla pola excentricidade dese alcalde e resulta que en Ourense, no noso Ourense están que botan chispas porque o fastuoso, o pomposo acendido de Nadal se apraza ou se pospón unha e outra vez. Como dicía aquel: a ver quen a ten máis grande, non si? Máis de medio país clamando contra soldos e recortes e miserias e, non obstante, deixamos seguir adiante esta dilapidación estúpida e envexada. Envexada porque non queremos ser menos excéntricos que Caballero. E aínda que nos custe un ollo da cara (ou os dous), ti tira para adiante que malo será.
Cunetas cheas de vencidos
Tremen os brazos e o tempo non pasa. O traballo acompaña coma se fora unha sombra invernal. Pero aínda que o cansazo invada o camiño que vai dunha cepa a outra, hai que tirar para adiante. Quen dixo medo. Loitemos con A Quenlla pola verdade, pola

noite máis longa de Silencios na memoria. Treme un corazón que latexa para honra duns vencidos e polo silencio duns mortos. Con delicadeza hai que calmar os momentos de ruído por entre as tumbas dun cemiterio. Que cada quen rece cara as tapias dos fusilamentos. Treme unha ansiedade que vai e vén na procura duns versos que alguén escribiu acochado entre uns penedos de silencio. Queda o jazz de Miles Davis aniñando na ladaíña dun sentimento. Pero sempre hai alguén que treme por entre a escuridade dunhas rúas vixiadas polos que venceron nun tempo de medo, de moito medo. Treme o silencio nesta noite escura, na que os recordos furgan por entre as cunetas ensanguentadas e polos camiños incertos dunha etapa intensa, maldita e chea de pensamentos calados. De olladas perdidas. De sorrisos amargos. De acochos infames. Treme o propio medo. Só non tremen as cunetas que quedaron cheas de vencidos... e en silencio