Quen vos dixo que me fun?
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 05 de diciembre de 2018
A María, que sanda agarimando
Quen vos dixo que me fun?
Eu non me fun, que me quedo...
A copla cantoume ó ouvido:
Pontevedra é boa vila,
dá de beber a quen pasa,
a fonte na Ferrería,
San Bartolomeu na praza...
Padroeira Peregrina, redondiña como es, como podería eu, santiña, irme sen máis, pelengrina, e quedáreste ti alá?
Diríache por iso que non...
No seu colo a boa vila me acollera, inqueda rapaza primeiro sendo, moza logo e grandiña xa despois...
Dela profesa de pedra e auga- deprendín a lle dar de beber a quen pasa, a sandar feridas do corpo e, de paso, tamén as da alma. É que non sanda o corpiño sen antes lle aloumiñar a alma.
Si. Mellor profesión non a hai no mundo, fonte da Ferrería, ca facer o que ti fas. Dar de beber a quen a ti se achega, na busca de saúde pra o seu corpo e coa alma cansa do sinistro andar polas congostras da vida.
Non. Case non sería quen de me ir, pois hai xa tempo que alí o meu corazón chantara...
Mais, pese a todo, como desenguedellar este enredo? Este saber que me fun... e que alí me quedei tamén...
Pra saír da boa vila sen dela porén marchar, atopei xa que logo unha, nada doada, solución.
Cavilando a mente miña, algo así me dicía: El non habería, non lonxe de alí, outra tamén boa vila, de xeito que as doentes saudades miñas non fosen acedas de máis?
E si que a había. Bautizárana xa de cativa co nome de Vilaboa.
Évos, si, vila tamén ben boa. A carón da terra, do ceo e do mar. Ben preto tamén da vila do meu contento, a boa vila de Pontevedra.
Pois entre o Centro de Saúde de Vilaboa e a boa vila de Pontevedra non vos hai máis ca unha carreiriña dun can.
Foi así fermosos xogos e realidades da palabra viva- como me vin a Vilaboa sen que de verdade me marchara da sempre benquerida boa vila.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora