Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O arco do vello

lunes, 03 de diciembre de 2018
A novidade atrae a atención e aínda o respecto, pero o costume faino desaparecer pronto; apenas nos dignaríamos a mirar o arco da vella se este permanecese por moito tempo no horizonte. (Berthold Auerbach)

Os anuncios da tele sementaban de alustres a penumbra da cociña e iluminaban con intermitencia a cara engurrada de Martiño. Tragaba submiso o que aquel monstro de plasma ciscaba, mentres agardaba a que o resto da familia fora retornando ao fogar das súas xeiras diarias. Un menciñeiro da alma con colares estrafalarios interpretaba o soño recorrente dunha preocupada telespectadora ante o asombro de Martiño pola detallada descrición. Ata as cores dos obxectos pormenorizaba!

Dándolle voltas toda a noite, Martiño espetoulle á súa neta mentres quentaba o leite do almorzo:

- Oíches Sabela, ti cando soñas velas cores das cousas?
- Si, - dixo coa mirada perdida cara o seu interior - se cadra, e logo?...

Pasou o tempo e o avó seguía amolado por ser incapaz de percibir máis aló dun feixe de grises. Un día amenceu cunha pesada lastra no peito. Deu voltas e máis voltas no leito sen dar aviso e pouco a pouco foi quedando durmidiño e soñou…

Soñou co vermello da roibén do día en que o ceo chorou a morte de seu pai.
Soñou co laranxa das lapas na lareira que daquela nucleaba a vida fantástica do país; contos vellos para xente nova!
Soñou co amarelo das mimosas do ramo que improvisara para pedirlle a man a Oliva.
Soñou co verde intenso dos prados do val do Parga en primavera.
Soñou co azul do ceo dos longuísimos días de sega polas airas da aldea.
Soñou co índigo do seu primeiro coche, cando xa tiña netos. Sacar o carné de conducir abriulles as portas dunha independencia nova en plena xubilación.
Soñou co violeta, a súa cor preferida; aquela que os fascistas españois fanaran no corazón dos homes de ben naquel sanguento pesadelo.
E soñou con todas as cores xuntas nun arco da vella polo cal camiñaba paseniño cara unha infinidade de lembranzas policromas.


FICHA TÉCNICA

Idioma: galego.
Xénero: narrativo (microrrelato).
Público: adulto.
Ano creación: 2008.
Publicación: “Premios Terras de Chamoso. Libro recompilatorio dos traballos gañadores do certame literario Terras de Chamoso. I, II e II edición (2007-2009)”. Asociación Cultural Arumes do Corgo. I.S.B.N.: 978-84-694-1450-7. Páxinas: 218.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES