Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O penúltimo presupón o último

viernes, 30 de noviembre de 2018
Os políticos necesitan ter o poder necesario para decidir o que máis e mellor convén aos intereses dos cidadáns aos que representan. Creo que isto é indiscutible. Pero así como os axentes de seguridade e os exércitos necesitan armas, e non deben facer uso das mesmas con arbitrariedade e descoidado sentido da responsabilidade, senón cando regulamentariamente lles está permitido, do mesmo modo os que teñen atribuído algunha clase de poder para o desempeño das funcións que lles están encomendadas, deben evitar caer na irresponsabilidade de utilizalo arbitrariamente, sen ponderar os efectos das correspondentes decisións. Porque, amigos lectores, o poder en mans irresponsables non é menos perigoso que as armas.

Se o dito é correcto, parece consecutivo preguntarse se a exclusión dalgunhas disciplinas nos plans do ensino, simplemente porque non teñen carácter estritamente científico, como ocorre coa Filosofía, e parece que se pretende levar a outras disciplinas por ese mesmo camiño, por certos ideólogos sen sensibilidade para as grandes preguntas do home, debe evitarse que se inclúa na decisión dun irreflexivo portador do poder.

Si..., IRREFLEXIVO, xa que non se pode aceptar como lóxico que se premie o PENÚLTIMO, por ser un saber adquirido coa RACIONALIDADE científica, e se marxine o ÚLTIMO, por ser un saber emanado da mera RAZOABILIDADE, precisamente deixando sen sentido un “penúltimo” que só é tal pola súa relación co ”último”. Por suposto, hai que explicalo, e para iso permítanme levar as consideracións a outras perspectivas.

Penso que non é mester insistir en que a ciencia, como un saber de máxima utilidade para o home / a muller, fíxose acredora a unha especial atención preferente na sociedade, tanto desde unha perspectiva económica como de indiscutible acollida no ensino, a todos os niveis: O método científico permite acadar certezas sometidas a toda clase de revisións e rectificacións, que levan a un progreso constante, valéndose só, para ofrecer verdades contextuais en función dos resultados da investigación a través do tempo. Pero tamén hai que recoñecer que todos os saberes científicos, calquera que sexa a súa importancia e garantía epistemolóxica son sempre PENÚLTIMOS, porque non responden as preguntas últimas que se formula o home / a muller, e, como di Pedro Laín Entralgo, na súa obra “QUÉ ES EL HOMBRE”, Ediciones Nobel, Oviedo, 1999, “xunto á evidencia e á certeza baseadas na experiencia e na razón existe a evidencia e a certeza só fundadas na razón; así a de tantas proposicións matemáticas”. Tamén, pois, a razón está aquí, e non sempre ordenando resultados da investigación, senón aproveitando unha certa clase de intuicións.

En canto ao “último”, creo que debe considerarse, non como algo contraposto ao “penúltimo”, senón máis ben, na miña modesta opinión, complementario, se queremos que este teña referentes razoados, posto que é un saber que, sen dar lugar á evidencia, preséntasenos como aceptable, e aínda convincente, como o poden ser os contidos da temática axiolóxica, da estética, etc. , disciplinas que pontifican ambos niveis, e están enraizados na natureza humana. Sen dúbida, serían moitos os exemplos que lles podería traer aquí, como o escrito póstumo que deixou o famoso físico Hawking, titulado BREVES RESPOSTAS ÁS GRANDES PREGUNTAS, que aínda que sempre manifestou que fuxía delas, como evidenciou no “Gran Diseño”, no que afirma que a filosofía está morta porque só as preguntas que poden ter resposta científica teñen sentido, el mesmo no escrito póstumo expresa o seu punto de vista persoal, preocupándose, fundamentalmente, por como empezou todo, e outras cuestións de matiz último.

Pero acéptenme un apunte do metafísico Xavier Zubiri, recollido do seu libro SOBRE LA RELIGIÓN, editado por Alianza Editorial, 2017, Madrid, posto que ofrece un razoamento que considero digno de que se lle conceda algún espazo na reflexión. Advirto que utilizo aquí o concepto de realidade tal e como a entende este autor, considerándoa non só como a realidade de cada cousa, senón tamén, e principalmente, EN CANTO TAL. Por isto sería moi proveitoso consultar a súa obra titulada SOBRE A REALIDADE, Alianza Editorial, 2001. Eu non podo estenderme aquí. Só dicir que a realidade para Zubiri é algo DE SEU, UNHA SUSTANTIVIDADE PROPIA CUNHA RIQUEZA INTERNA E TRASCENDENTE. Reparen: “sustantividade”, non “substancialidade”; un sistema estrutural, non algo subxacente aos accidentes e propiedades.

Define este metafísico o home como unha realidade persoal, que se posúe a si mesmo; pero, evidentemente, non pode existir sen cousas, está implantado na realidade, e este modo de implantación é a mesma necesidade que ten a persoa de ir executando actos persoais mediante os que, máis ou menos consciente, vai elaborando a súa figura persoal, a súa definición na mesma realidade. Mais, aínda que vivimos coas cousas, cos demais homes e mulleres e tamén con nosoutros mesmos, estamos vivindo DESDE A REALIDADE. Disto derivan importantes conceptos consecutivos, porque esta realidade ven a ser o último a que referimos as nosas actitudes persoais, posibilítanos a figura do noso ser persoal, e impúlsanos para facer real esa figura. Pero, se vivimos así, como vamos a negar que estamos FUNDAMENTADOS POR ESA REALIDADE, é dicir, que estamos RELIGADOS a ela?. Por iso escribe Zubiri que a realidade en canto última, que posibilita e impele (con estes tres caracteres, á unha) é algo que domina ao home, e a este dominio é o que chama PODER DA REALIDADE, que non debe ser entendido como unha CAUSA, senón como CONDICIÓN dominante do real en canto real.

Se partimos disto, non parece tan difícil encontrar razoable a pretensión do home de explicar o feito de que a relixión, derivada da “religación”, nas súas diversas manifestacións, sexa unha constante na historia da humanidade, que esixe un lugar na cultura, por moito que o termo esperte afeccións alérxicas de natureza ideolóxica; aínda que non serei eu quen desculpe certos procederes no seo das institucións que socialmente a encarnan, nin a hipocrisía que infecta a algúns integrantes das mesmas. Pero a realidade histórica dela, e a súa intrínseca historicidade, están aí, e o empeño por descoñecela mediante un exercicio do poder máis para espertar ecos favorables que para aportar solucións, revela o inmaturo persoal de, incluso, ilustres intelectuais (que non plaxian) que parecen recuperar a madurez cando a vida empeza a dar síntomas de extinguirse.

Son estes simples apuntes exemplares dos numerosos casos que ocupan a atención reflexiva de moitos homes e mulleres, defraudados por aquelas decisións políticas que, descoñecendo a relevancia das “grandes preguntas da humanidade”, sobrevoan (creo que nunca mellor dito e oportuno, se me perdoan a chufa) o superficial, pavimentándoo dunha espesa capa de mentiras, contradicións e inconsistencias.

En todo caso, a admirable teima das ciencias en progresar cara a o descoñecido, pode interpretarse como a resposta a todas as preguntas do home/da muller, que leva aparellada a pretensión, polo menos, de albiscar cientificamente o “último”, aportando así ideas que a razón que navega por esas leiras debe utilizar, é dicir, os camiños ó “último” han de estar pavimentados coas achegas do “penúltimo”, que posúe a condición–relación de presupoñelo. É que o home/a muller non ten por que configurar a súa personalidade só con achegas empíricas, cando a súa propia realidade persoal está facéndoo suxeito esixente doutros constituíntes da mesma.

SIGO PENSANDO QUE A METODOLOXÍA DAS CIENCIAS DA NATUREZA É INSUFICIENTE PARA DAR CONTA DA REALIDADE HUMANA. Exprésao moi ben o Dr. Jordi Font, do Instituto Vidal y Barraquer, Universidade Ramón Llull, Barcelona, nun artigo publicado recentemente en “Fronteras CTR”, Universidade de Comillas, no que di: “ A vida é o que coñecemos por experiencia propia e por a experiencia do cosmos que vai evolucionando. E esta maniféstase en dúas emerxencias que son concomitantes: a emerxencia que chamamos SAÚDES da expresión da forza vital que mantén o ben-ser (pode obxectivarse con indicadores obxectivos) e a emerxencia da vida que é a espiritualidade que intúe, pero sen comprender na súa plenitude. A espiritualidade, emerxencia da vida, é a potencia vital que avanza asintoticamente e desenrólase nun proceso evolutivo de maduración”.

Non parece, pois, acertado mutilar os modelos antropolóxicos de coñecemento do home nun plan do ensino por impulsos ideolóxicos. Máis ben sería preciso incrementar as esixencias para formar a algúns dos deputados do Parlamento, xustamente nalgunha desas disciplinas que se pretenden excluír do ensino.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES