Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Economía no taller de costura

viernes, 30 de noviembre de 2018
A culpa é do forro que rebenta polas costuras. É malo e non paga a pena cambialo. Di que vai facer isto e estoutro. Para o xoves. A costureira amaña a desfeita. 15 euros. Con chaquetas así foise construíndo unha das primeiras fortunas da lista Forbes.

No taller traballan tres mulleres gañando, puntada a puntada, o pan noso de cada día. Nin imaxina cantas horas hai que meter para pagar local, máquinas, luz, soldos, impostos. Aquí non hai partidas para tecer arquitecturas de evasión de impostos, esas cousas das grandes fortunas, futbolistas de sona, multinacionais que gañan moito aquí e pagan poucos impostos acolá.

O taller de costura, paradigma dunha economía de usar e amañar fronte á economía depredadora de usar, tirar e volver a comprar, resiste nun entramado económico de talleres de reparación que desapareceron pola presión do consumo desaforado.

O filósofo E. Morin, no libro 'La vía. Para el futuro de la Humanidad' recorda que unha das vías é volver ao cercano, á economía veciña, aos pequenos talleres. Expertos en ecoloxía avisan de que países donos do petróleo e occidentais sobrepasaron a pegada ecolóxica que mide a sostenibilidade e a biocapacidade dun territorio. Ese indicador permite evaluar o impacto sobre o planeta dun determinado modo de vida. Emiratos Árabes e Qatar ocupan o primeiro lugar no ranking de gargantúas dos recursos naturais. Seguen Dinamarca, USA, Australia, Holanda... é dicir, o mundo rico devorando os recursos de todos. Ou de como a sociedade de consumo arrasa a biodiversidade, estropea o clima e compórtase como salteadora de camiños da propia casa. Éche cousa coñecida que se os 7.600 millóns de seres humanos adoptaran hábitos de consumo de EE.UU precisariamos tres planetas para saciar esa voracidade.

Países modélicos como Suecia enfróntanse por lei á cultura do 'desechable' reducindo o IVE da reparación de roupa, calzado, bicicletas, electrodomésticos... para que non teña sentido o malgasto de materias primas ou desfacerse de cousas rotas para comprar cousas novas. E tenta converter a reparación nunha práctica racionalmente económica, estimulando a industria da reparación e xerando postos de traballo para xente sen educación formal.

Sinais de alarma da natureza obrigan a que as cousas duren máis reducindo o consumo de enerxía e materiais. Reciclar, recuperar, reutilizar. Pequenos talleres para amañar e arreglar: David contra Goliat do malgasto, a ferocidade consumista e a diabólica obsolescencia programada.

As tres señoras seguen dando puntadas á roupa deteriorada. Os rostros de muller reflicten a mellor cara dunha economía a pequena escala, con rostro humano. No taller de costura as mans cosen as costuras do forro da chaqueta. Son as costuras do mundo.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES