Touriño fala claro
Editorial - martes, 20 de noviembre de 2007
Onte, ó Presidente Touriño, entendéuselle todo cando falou no acto conmemorativo do Día Mundial en recordo das vítimas da violencia viaria. E mira que, normalmente, os políticos dan voltas ós temas para evitar precisamente a claridade meridiana que todos entendemos.
Certo que estamos diante dun problema no que todos estamos de acordo, no que todos estamos colectivamente afectados, nos que todos coñecemos o diagnóstico e as súas solucións, no que todos asumismos que non é posible seguir soportando impasibles unha sangría coma a que as estradas nos producen cada día.
Touriño pedíu un pacto social auténtico, unha actitude de conciencia e compromiso para facer frente ó problema, facendo unha chamada á responsabilidade de todos.
Da realidade, da necesidade á utopía vai a mesma distancia que entre o egoismo e a magnanimidade. E moito nos tememos que as palabras de Touriño caian en saco roto cando deberan ser un auténtico dogma, e non só para o tema do tráfico senón para todas as materias que afectan á nosa vida en común, a todos os problemas de Galicia.
Se lograramos un pacto social auténtico, se tivesemos unha actitude de conciencia e compromiso frente a todo o que nos afecta, seríamos invencibles, e solucionariamos todas as nosas carencias.
A palabra de Touriño foi clara, concisa. Case pontifical. Difícil de atopar nun político no exercizo do seu cargo. E sen embargo ahí está, para ser tida en conta ou para esquecer, para facerlle caso ou para rirse del. Cada quen tome a postura que coide máis oportuna.
Pero o Presidente falou tan claro que, posiblemente, consideremos que dixo unha obviedade. Se o resto das forzas políticas tomase en consideración as súas palabras; se el mesmo tomase totalmente en serio as súas palabras, estaríamos no camiño perfecto para a solución dese e doutros moitos problemas.
Pero moito nos tememos que o falar claro, en política, non funciona.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora