Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios á excelencia etiquetada en lingua galega

lunes, 26 de noviembre de 2018
En menos dunha semana faleceron dous amigos con desemellantes perfiís persoais pero cun denominador común que os aproximaban. Dúas perdas significativas nestes intentos reiterados por estendermos a lingua galega ao espazo socioeconómico.

Xosé Manuel Pérez Canal foi un emprendedor singular polas súas innovadoras técnicas na elaboración dos afamados “Aceites Abril”, unha industria dotada de alta tecnoloxía, ubicada no Polígono Industrial de San Cibrao en Ourense.

Despois de que Carme Vaquero o convencese das bondades de etiquetar en galego os envases dalgunhas das marcas, lembro a emoción que nos producíu a súa chegada á vila da Estrada, onde o Foro E. Peinador estaba a celebrar un encontro con empresarios no marco da homenaxe a Ramón Verea, o estradense que inventou a calculadora, coas primeiras botellas etiquetadas en galego, e da actitude que tivo perante o dono dunha gran cadea de supermercados en Galicia que lle impedía vender a súa marca se non cambiaba a lingua galega da etiqueta por outra en castelán. Xosé Manuel non aceptou a chantaxe do empresario, e por orgullo persoal renunciou a vender a súa marca naqueles establecementos. “Queremos apostar pola lingua galega e non haberá ningún centro de distribución de alimentación que nolo impida”, díxolle. A maiores despregou unha campaña publicitaria moi imaxinativa en galego en publivías de gran formato por toda Galicia.

O outro amigo falecido, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, que foi durante moitos anos xefe do departamento de educación do Concello de Santiago, foi, asemade, unha personalidade sobranceira no deseño e execución das moitas actividades que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística organizou desde a década dos anos oitenta. Asumíu desde aqueles anos o reto de levarmos a lingua galega a ámbitos extraliterarios co consabido escepticismo do galeguismo / nacionalismo tradicional, choído nos seus dogmas e axiomas, considerando que calquera camiño novo que se intentase abrir tería os seus infantís reproches.

Eramos conscientes de que o futuro da lingua galega estaría no uso que fixesen dela as administracións públicas, incluída a de Xustiza, as empresas, a sanidade e, sobre todo, na etiquetaxe dos produtos. E nesa tarefa estivo a pé de obra con todos nós Xosé Manuel Rodríguez Abella, a quen botaremos en falta nos camiños que aínda quedan por abrir e percorrer.

Cando o próximo día 1º de decembro se entreguen os premios “Bacelos de Prata” para recoñecer a contribución de CONSERVAS AMORODO e VERMUTERIA DE GALICIA,S.L. o uso da lingua galega na publicidade e etiquetaxes, estarán presentes as memorias dos nosos amigos falecidos. Ambos os dous contribuíron a que a mentalidade de moitos empresarios mudaran e se decidisen a incorporar nas etiquetas dos seus produtos o noso idioma do mesmo xeito que as marcas estranxeiras que nós consumimos en Galicia procedentes doutros países se expresan nos respectivos idiomas.

CONSERVAS AMORODO é unha empresa de conservas vexetais ecolóxicas radicada en Forcarei, poñendo a disposición dos consumidores produtos de excelente calidade etiquetados en galego que expresan de xeito natural, porque a materia prima é dun territorio con lingua de seu.

VERMUTERÍA DE GALICIA, S.L. é unha nova empresa radicada en Terra de Iria, que en poucos anos ten acadado coa súa marca Vermú St. Petroni altas cotas de recoñecemento e repercusión mediática, estando presente en todo o territorio do estado e noutros países da contorna europea. Poñer no mercado internacional un produto etiquetado en galego é unha decisión que veu demostrar que para estar neles a lingua axuda a reforzar a denominación de oríxe.

No pazo que foi de Álvaro das Casas, precursor da galeguización dos produtos agroalimentarios, o próximo día 1 de decembro ás 12:00 horas seranlles concedidos ás empresas referenciadas os galardóns que os consumidores galegos lles acreditan ás marcas referenciadas. As portas do pazo estarán abertas para recibir a todos aqueles que queiran asistir e cataren os produtos premiados.

(Xosé González Martínez e Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES