Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E ti, de quen ves sendo?

viernes, 23 de noviembre de 2018
Conta o vello Homero na Odisea, na Ilíada, que cando os heroes descansan para comer, para comentar as incidencias bélicas ou as aventuras da volta á casa e reciben a forasteiros, por importante que sexa a mensaxe, o primeiro é que se lave, que beba e coma e logo, sentados, que conte de onde vén, cal é a súa patria, a liñaxe, a familia. E ti, de quen ves sendo?. Así de sagrada, así de humana é a necesaria hospitalidade.

Pregúntase aquí, tres mil anos despois, cando chega un forasteiro, cando aparece por casa un familiar, alguén que hai tempo non vemos. E ti, de quen ves sendo?. Cal é a túa casa, quen foron os avós, a madriña, os tíos se aínda viven.

Na casa do mundo xa vivimos máis de sete mil millóns de habitantes. Unha veciñanza inquietante que medrará máis. Está a facelo expoñencialmente en África. En poucas décadas un país tan grande, rico e inestable como Nixeria, terá tantos habitantes como USA, 320 millóns. Hoxe, 182. Como Huvar, holandés, embaixador en Israel ou España, afirmou no congreso 'Migración y Refugio en Europa' que hai un movemento de migración a nivel mundial, e que nin amañando os problemas urxentes de Libia o Siria desaparecerán as ondadas de migrantes desde o planeta invivible ata o planeta habitable. Daquela hai que sentar na mesa e tentar vivir xuntos pois a mestizaxe é inevitable. A convivencia é máis factible nos estados modernos que nas nacións-estado tan celosas de patria, bandeiras, lingua, fronteiras, esas cousiñas creadas para separar aos nosos dos outros, a autóctonos de alóctonos, a indíxenas de estranxeiros, a veciños de forasteiros.

E ti, de quen ves sendo? Pois no futuro que xa está aquí, europeo é quen vive en Europa. Galego é quen come e respira en Galicia. Alemán o que habita en Alemaña. Catalán o que gaña o pan noso de cada día en Cataluña. Estadounidense o que vive en Estados Unidos, país tecido de inmigrantes.

Certo que as distintas orixes, linguas diferentes, diversas culturas provocan rozamentos cando empezan a convivir. Os problemas máis asañados proveñen coma sempre das relixións, territorio de dogmas. Os deuses monoteístas toleran mal a competencia. Por iso os estados modernos optan pola laicidade como mellor escenario de convivencia. E a súa lei civil sempre debe estar por riba de mandamentos e credos.

Xa non é posible imaxinar un estado moderno cunha soa pel, unha única relixión verdadeira, unha soa lingua oficial, esas cousas tribais. O futuro será mestizaxe. O pasado foi mestizaxe. O presente xa é mestizaxe.

Seres humanos. Mulleres e homes que viven na mesma casa. Que comen a mesmo pan, respiran o mesmo aire, beben idéntica auga e sentan na mesa da familia humana. Que viven convivindo e para coñecerse mellor preguntan: e ti... de quen ves sendo?.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES