Os seres humanos sabemos das limitacións que temos -ou podemos ter- ao longo da vida. Comparado o corpo físico cunha máquina tamén pode presentar problemas. Non está nas nosas mans ser máis fortes e máis sans porque a natureza ten os seus límites.
Por outra banda estamos rodeados de tecnoloxías. Resulta difícil imaxinarnos sen o mando do televisor ou sen medios informáticos. Quizais moitos xa experimentaron o que representa a axuda dunhas muletas, duns lentes, duns audiófonos, duns mandos para

conducir un coche, etc. E seguro que descubriron neles un gran complemento. Hai momentos na vida que temos que buscar alternativas para tirar para diante. Alternativas que ademais se pagan moitas veces a prezo de ouro. As axudas técnicas están para compensar limitacións. Non hai que buscarlles outro significado nin moito menos entendelas desde o morbo da compaixón ou paternalismo.
Fai uns días lin un escrito de María Gómez-caminero, unha compañeira de Sevilla que comparte unha diversidade funcional. Titulaba o artigo La dignidad de la silla. Cambiar a maneira de desprazarse non é unha decisión que se tome alegremente. Pasar de andar a rodar, por dicilo graficamente, non é fácil aínda que permita ir con máis rapidez e a sitios que nin podiamos imaxinar. María dicía que Rodar nos da alas. Y, sin embargo, se vuelve tortura por las barreras arquitectónicas que te encuentras. Ir por la calle se convierte en una carrera de obstáculos. Se te niegan mil derechos al sentarte.
Traslado o comentario á nosa cidade. Imposible entrar en moitos lugares públicos ou privados e se hai sorte de poder facelo, temos o sitio reservado. Xa non falemos de ir a un baño porque, no mellor dos casos, hai que ir pedir unha chave a saber a quen e a saber a onde
Desprazarse en cadeira limita moito máis porque todo xira en torno á cadeira e non en torno á persoa.
Isto, con ser importante, non o é todo. Aínda quedan as miradas das persoas que se creen a salvo de estar sentadas algún día. Ata se atreven a opinar, pedir explicacións ou aconsellar que non nos acostumemos a esa comodidade. Semella que pensan que unha mañá espertamos inspirados e decidimos camiñar cuns bastóns ou desprazarse nun scooter ou poñer un audiófono. Case temos que xustificarnos e poucas veces atopamos comprensión e naturalidade. Xa non digamos que entendan e valoren que o importante é seguir formando parte activa da sociedade. Está máis que xustificada a nosa reivindicación de persoas con diversidade funcional como un concepto máis integrador. A nosa loita é inacabada e tamén queremos que se recoñeza a dignidade das axudas técnicas.