Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Florinda

miércoles, 21 de noviembre de 2018
Hoxe fúcheste coa túa paz. Con esa infinda serenidade que abría luz nas tebras para calmar os medos. Costa crer que o mundo non se volverá mover naquel ventre de riso que o facía todo mellor ao teu carón, onde sempre había un oco para soñar. Todo era posible en ti, por iso agora a túa ausencia parécenos imposible...

...pero sabemos que ti mereces lembranza. Mereces permanecer en nós, como o avó Antonio co que, 9 anos despois, te unes para sempre. Seguro que te recibiu cunha carantoña das súas que te abriu novamente en gargallada. Entón, aínda que nós non sexamos capaces de sentilo, o mundo abriuse en riso pola forza do amor.

Nós, grazas a ti e ao avó, medramos entre sestas de contos e noites de xogos. Sucamos os anos crendo no voso exemplo, aprendendo de vós para ser. Neste tempo fostes capaces de fornecernos dun patrimonio inmaterial inmenso que trae aromas soñadores de berce primeiro. Gardamos eses aromas como unha esencia vital que nos conforta, ata darnos forza para seguir sendo vida arriba o que sempre quixemos e construíndo sempre en loita polo porvir.

Imaxinámoste co avó, unidos nesa aperta tantas veces desexada durante estes 9 anos. Agora xa estaredes percorrendo xuntos os montes do alén, falando polos dedos e anegándovos desas miradas que xamais precisaron palabras. Sodes o noso exemplo, por iso agora camiñades coas nosas pernas, traballades coas nosas mans, falades coa nosa voz e estaredes en cada loita agromada nun soño cumprido.

Ficades dentro de cada un de nós e con cada un de nós seguides; presentes en todas as vidas que son por vós e que un día xuntaredes á sombra dese carballo que o avó sementou no paraíso e na que hoxe vos fundides, para sempre, nunha aperta.

Ata sempre e grazas por ter sido o alicerce máis fermoso que puidemos
imaxinar.

(De Iago Santalla, no pasamento da súa avoa)
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES