Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polo ben da nosa lingua

lunes, 19 de noviembre de 2018
Teño razón cando digo que odio os chintófanos eses (os emoticons) que proliferan nas mensaxes electrónicas para expresar estados de ánimo, obxectos ou accións. Resulta que neste verán pasado realizáronse unhas oposicións para ocupar 20.000 prazas de profesores de Ensinanza Secundaria e Formación profesional, e case o 10% dos postos quedaron desertos polas deficientes cualificacións dos aspirantes. A maioría desas anomalías debíanse ás faltas de ortografía e gramaticais. Coidadiño, eh; que o asunto é moi grave, moito máis grave có que semella lendo o enunciado. Pois hai que ter en conta que as faltas cometidas son duns candidatos a docentes; a mestres ou profesores que lles ensinarán a escribir ós nosos fillos ou netos.

É certo que o dos chintófanos é case o de menos, pois se sabes escribir risa ou corazón ou sorriso ou enfado ou susto ou sorpresa ou amor ou rabia ou queixa... entón que máis dá o uso dos chismes. O peor é cando empezas a recibir guasaps ou comentarios no feisbuq. Non esaxero se digo que moitas veces non sei o que me din, principalmente no feisbuq. Teño que espremer a cabeza para adiviñar o que me poñen. Ás veces intúo os comentarios polo asunto que se publicou ou por un anterior comentario propio ou de alguén. Hai veces que lle dou ó Me Gusta por simple cortesía, porque entender non entendo nada.

Por iso digo sempre que, entre os chintófanos, as faltas e o inglés estamos acabando, non só co galego, senón que tamén co castelán. Somos moi amigos de abreviar e de escribir sen parar mentes, a como saia. Eu mesmo cometo moitas faltas ó escribir, principalmente no teclado do móbil, porque é pequeno e porque teño un dedo zoupón, inepto; pero non me importa borrar unha e cen veces ata que vexo que non hai faltas ou ata que procuro que non haxa faltas, que algunha sempre se escapa. Pero penso que non é o mesmo unha que non entender nada de nada.

O Estado debería esixirlle ós que crean esas aplicacións ou “cousas” informáticas que puxeran algo semellante a unha alarma que non deixase seguir escribindo cando asomasen faltas de ortografía. O asunto é máis serio do que se pensa. Eu, en principio, négome a poñer chintófanos e a abreviar as palabras. Deberiades de seguir o exemplo. Polo ben da nosa lingua.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania