Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No autoamor empeza todo

miércoles, 28 de noviembre de 2018
Novembro avanza e achégase un día oficial que non debería existir pero que existe por necesidade. Refírome ao 25, no que celebraremos o día internacional contra a violencia de xénero.

Novamente, manifestos, cancións, testemuñas, globos, pombas e aplausos pola non violencia. Este ano vén precedido polo histórico movemento do 8 de marzo, internacionalizado no 'Me too'. Non sei se é un ano especial, nin sequera se é desexable que o sexa. O que si sei é que todo isto ten que cristalizar nunha sociedade que levante o po da intimidade para desterrar do seu seo todo tipo de autoritarismo.

O mellor remedio contra o autoritarismo é unha educación que constrúa conciencias dispostas a rexeitalo ata illalo no ostracismo, un ostracismo que o obrigue a pasar á historia; pero, permanecendo en cada memoria e, por suposto, na memoria colectiva como a peor enfermidade da que se librou a nosa sociedade.

Contra o autoritarismo que está provocando distintos tipos de violencias (de xénero, acoso escolar, acoso laboral, exclusión laboral…), propoño fomentar o autoamor. Non como un elemento narcisista senón como unha parte fundamental da autoestima persoal e colectiva. Neste punto, gustaríame lembrar unha escena da serie catalana Merlí.

Merlí é un profesor de instituto con ideas moi vangardistas, que dá clases que sen dúbida abraian ao espectador, polo que teñen de visualizador e de innovador. Nunha titoría, Merlí enfróntase a un caso dun alumno ao que na súa casa non valoran o suficiente, dicíndolle permanentemente o malo e expresando o que desexan del sen ter en conta o seu propio criterio. Merlí saca da carteira un billete de 50 euros e pregunta o seu valor ao alumno; despois, enrúgao e volve preguntarlle o seu valor.

A continuación, machácao e volve facerlle a mesma pregunta. A conclusión que Merlí lle transmite é que el é coma ese billete: por moito que o aldraxen ninguén lle pode
arrebatar o seu valor intrínseco.

O valor intrínseco que temos que fomentar en todas as persoas é o autoamor. Unha autoestima forte non só favorece á persoa senón que é o alicerce de todo o que a persoa pode aportar no seu entorno. A violencia de xénero ataca directamente á autoestima privando á sociedade dun potencial humano imprescindible. Contra esta lacra temos que fomentar un amor que empece por un mesmo xa que unha persoa nunca poderá dar o que non ten para si. Coido que falar hoxe do autoamor é un xeito de apoiar a todas as vítimas da violencia. A mensaxe é clara e unísona: ti podes, nós estamos aquí e seguiremos aquí, contigo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES