Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tolear por Vilalba

viernes, 16 de noviembre de 2007
Non é que eu viaxe moito, pero ir tres días seguidos de Lugo a Vilalba, coido que debe quedar reseñado no meu caderno de bitácora virtual. A min, Vilalba "ponme" como di o Presidente de Cantabria. E non sei, non sei, se tres viaxes así seguidas non será pecado.

A primeira das viaxes, sábado, 10, foi Guitiriz por medio, onde tivemos a homenaxe a Marica Campo por recibir o nomeamento de “Chairega de Honra”, distinción que recibiu no seu Instituto, o Díaz Castro. E se ben os actos duraron todo o día e remataron xa pasadas as oito da tarde, dalí saín zumbando porque no Auditorio vilalbés cantaban catro corais, e a dúas delas -Polifónica de Vilalba e Orfeón Lucense- non podía fallarlles.

De Guitiriz a Vilalba, record, e non digo máis porque non quero que constitúa proba en contra. Pero que ben está a estrada nova que desde Pígara chega ata á estrada de Ferrol. Seguindo consello de Bernardo García Cendán vin por ela e pasado o Hospital collín á dreita polo Cotarón, e conseguín o imposible de chegar a tempo ó concerto saíndo tan tarde de tan lonxe.

Esta foi a primeira visita do triduo. Que despois do concerto, no que había ben vilalbeses, rematou en festa no Terra Chá, que está na rúa Domingo Goás, con máis de cento trinta comensales.

Cando volvín para a casa, na Legua Dereita, dous grados baixo cero. E polo que me contaron, despois, unha xeada competente.

Pois o domingo volvín a Vilalba porque celebrabamos en familia o cumpreanos do meu fillo nunha casa rural de Carballido. Non sei se é por terme especialmente contento, pero quixo celebralo en Vilalba, e eu deixeime querer.

Por fin, o luns, xa cuestión de traballo, volvín pola mañá porque se presentaba na Alameda a Aula Virtual Itinerante da campaña Inforede no rural, na que nos contornos rurais das Vilas Dixitais de Galicia se informa sobre as posibilidades e as realidades do mundo intanxible de Internet e das novas tecnoloxías para todos nós e os que veñan despois, especialmente cando a Administración central cumpra coas promesas de levar a Banda Ancha a todo o rural.

O Bus tecnolóxico cadraba ben na Alameda, en acto no que participaron o Alcalde, representantes de Caixa Galicia, Asaja e Agestic, a entidade promotora. Pero mellor cadraba aínda cando se situou xunto á igrexa de Guadalupe ou diante do cemiterio de San Xoán de Alba. Semellaba unha metáfora do futuro contrastando coas pedras do pasado. E aínda irá por Goiriz, Martiñán, Lanzós ou Santaballa, e por toda a Terra Chá como unha prédica tecnolóxica desta nova relixión na que todos acabamos por crer e practicar.

E xa está ben, tres viaxes en tres días. Agora, haberá que traballar para compensar. Aínda que o traballo habitual non dea para contar como esto que veño de contarvos.
E se vos parece que falei demasiado de min, disimulade -así dicían antes os nosos paisanos en vez de pedir perdón- disimulade, porque xa se sabe que cos anos un acaba contando batalliñas, e o meu primeiro neto por agora é moi pequeno para andarlle maniando con estas cousas de tolear por Vilalba.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania