Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As decisións, termómetro da competencia

viernes, 16 de noviembre de 2018
Insistentemente, veño afirmando nestas colaboracións, ás veces implicitamente, que unha adecuada formación das persoas para asumir cargos de responsabilidade é necesaria, PERO NON SUFICIENTE. E esta insuficiencia ponse de manifesto na vida práctica cando se teñen que TOMAR DECISIÓNS, máis ou menos importantes: O empresario con escasa formación que fundou unha empresa con indiscutible éxito e os fillos, de brillantes expedientes académicos, arruinárona polas decisións que tomaron, penso que pode ser un bo exemplo, sobre todo cando as circunstancias non cambiaron con significación, e a formación non é absolutamente esixible, por específica, para unha función definida; aínda que incluso un cirurxián ten que tomar decisións.

Pero seguramente facer unha breve e elemental análise do que leva consigo unha DECISIÓN axude a comprender o contido desta modesta opinión. Relacionamos as decisións coa competencia, e, tendo en conta as aplicacións que dun e doutro concepto se poden facer, optamos polo emprego da expresión TOMAR DECISIÓNS, que implica unha demarcación no campo da extensión de ambos, vinculando a decisión á selección, entre varias alternativas, para resolver unha situación, definindo o problema específico en cuestión, e cualificando o contexto do mesmo, a fin de determinar se estamos ante unha situación de razoable certeza, de risco ou de incerteza. Cada caso esixe unha certa capacidade, unha certa COMPETENCIA para dirixir o proceso que leve ao obxectivo que se persigue, que non é outro que o de acadar a solución do problema específico.

Como non consideramos, se non é a modo tanxencial, as decisións habituais que todos os días tomamos na nosa vida, senón aquelas que responden a responsabilidades que asumimos circunstancialmente no ámbito empresarial, profesional e político, aquí os estudosos fan referencia as DECISIÓNS PROGRAMADAS, tamén denominadas ESTRUTURADAS, e as NON PROGRAMADAS, OU NON ESTRUTURADAS. Aquelas limitan a liberdade de quen decide, e como se utilizan para dar solución a problemas recorrentes e están máis ou menos reguladas, a persoa ten menos espazo para decidir; pero no ámbito político, con evidente incompetencia, soe saírse dar normas, frecuentemente para cubrir obxectivos ideolóxicos ou cumprir promesas electorais carentes de rigor, cando non deliberadamente mendaces.

As non programadas, non estruturadas, abordan problemas excepcionais, e neste suposto necesítase un modelo específico de solución. E aquí é onde se pon en xogo a competencia dos que deciden, posto que entra en valoración o diagnóstico e identificación do problema, a xeración de alternativas e a selección da máis adecuada contextualmente. (Contrasten coa exhumación dos restos de Franco?!).

Pensamos tamén que se debería tomar como unha das alternativas xeradas á INDECISIÓN, que adoita definirse como unha falta de seguridade e determinación ante unha situación, considerada como proba de incompetencia, dunha evidente falta de capacidade para resolver o problema; aínda que igualmente procedería xulgala como unha decisión solapada pola hipocrisía de quen, estando obrigado a aportar solucións, compórtase irresponsablemente, talvez por non verse involucrado na problemática do correspondente proceso. (E se me desculpan esta incidencia, adoptar unha actitude “tancredista”, disimulada coa selección dunha alternativa pouco máis que programática, de evidente insuficiencia, para dar solución aos problemas cataláns, permite presentalo como exemplo de decisión–indecisa, do mesmo modo que, na actualidade, flutuar a identidade dun problema mediante unha hermenéutica amañada, para dar solución a outros, xustifica, polo menos, a desconfianza dunha perigosa incompetencia decisoria).

Engadamos que o extenso contido do paréntese anterior, lévanos a reflexionar acerca do alcance de certas decisións, que, por omitir a compoñente dos riscos, está ameazando gravemente as posibilidades históricas da democracia, no noso país, por esa soterrada pretensión de configurar o Estado en Estado de Partidos, convertendo, conscientemente no caso de uns, e con manifesta incompetencia, no de outros, a democracia no que Ortega e Gasset designaba coa expresión de DEMOCRACIA MORBOSA, na que a sociedade política explota á sociedade civil (A. Margalit), e incorpora sectores da mesma en actitude gregaria para cubrir o quiñón de suficientes apoios.

Como nesta colaboración, e así se desprende do título, ofrecemos establecer algunha relación entre a decisión e a competencia de quen a toma, pensamos que non conviña enmarañala cos problemas de decisión en sentido matemático e metodolóxico, senón máis ben, como diría Ferrater Mora, primar a referencia ao sentido existencial da mesma, a modo de complemento do que deixamos dito nos parágrafos precedentes.

Sabido é que temos que decidir o que vai SER a nosa existencia a través da vida, é dicir, temos que elixir a PERSONALIDADE, a máis adecuada posible ás nosas capacidades e circunstancias. Xustamente por isto, esa elección esixe unha competencia que nos facilite un bo auto–coñecemento, porque é unha decisión fundamental, que compromete o esencial do mesmo compromiso vital. De aquí que pretender acadar cotas de relevancia persoal na sociedade que non se correspondan con esas capacidades, leva, sen dúbida, á incerteza daquelas decisións extraordinarias que debemos tomar por imperativo do cargo que asumimos, perdéndonos no empeño de acadar un status social, que nos negan as limitacións intelectuais. E neste caso, con outro enfoque, Heidegger diría que caemos nunha existencia inauténtica.

Talvez sexa útil, para completar o contido desta superficial análise das DECISIÓNS, consultar dúas importantes obras de John Elster, filósofo nado en Noruega, que traballa en ciencias sociais e na teoría da elección racional: Ensinou na Universidade de Oslo, é catedrático na de Chicago, etc., e concede unha especial importancia ao papel das emocións na configuración de condutas racionais e irracionais, e publicou, traducidos ao español, dous libros que teñen conceptos relacionados co contido desta colaboración. Son os seguintes: “Alquimias de la mente”, Paidós, Barcelona, e “Ulises desatado”, Gedisa, Barcelona.

Sostén este filósofo, en liña marcadamente individualista, que non son útiles certas análises cando son as colectividades as que toman as decisións en lugar dos individuos, e fai tres formulacións: MAXIMIZACIÓN, que presupón optimización da utilidade e beneficios a hora de tomar decisións e COMPETENCIA E INFORMACIÓN PERFECTAS, cun cálculo preciso, no seu caso; REXEITAMENTO DO SATISFACTORIO, mantendo a utilidade e os beneficios como funcións e fins obxectivos, e a ESTOCÁSTICA, estatísticas aplicables aos procesos azarosos e variables no tempo, cando sexa procedente a súa utilización.

O que non encontrei, certamente no pouco que do traballo de Elster coñezo, é se cre que serían máis útiles esas análises nas decisións dunha intelectual (!!!) que vincula o cambio conceptual de delitos tipificados á función política que se desempeñe, e así pensa que ofrece unha brillante (!!!) idea aos españois. Levar a argumentación banal a un nivel impropio, parece que vai adquirindo carta de natureza política!

Pensamos que con estas modestas achegas xustificamos as nosas reiteradas referencias á relación entre a formación e a capacidade para tomar decisións, sobre todo polos políticos investidos de poder, ao mesmo tempo que apuntamos canles para que a crítica ás decisións tomadas non marxine algún elemento constitutivo das mesmas, deliberadamente, ou non.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES