Coñecémolo como Mero e músico en formacións como Fuxan os ventos ou A Quenlla, no dúo de M ao cadrado, aquel Mini e Mero que temos máis acá da memoria. Souben del -poeta- nunha feira do libro en Santiago.
É poeta con produción, varios libros anteriores que preceden a este que agora se fai público: Na lonxitude do tempo, Recendo de luz e sombra, No papel que mudo escoita (ao que puiden acceder no posto que Xermolos montou hai uns anos na entrega da

navalla do Manuel) e Doce ducias.
Conta Mero con premios á poesía (Vilalba, Begonte, Antonio Prados Ledesma
), á música (o seu Carro é un sinal de identidade e o ano pasado o concello de Santiago fíxolle un recoñecemento á canción e ao seu autor, pero tamén conta co premio da Música e do Patrimonio Musical Galego...) e á dignidade (Facer país, Amigo da Solaina, Galiza Mártir, San Martiño da Estrada, Pedrón de Ouro, Mestre da Memoria da AELG
).
Mero é compilador da música popular, difusor da cultura galega, activista creador e mantedor de actos de recuperación da memoria histórica e da memoria ritual do país e sempre, sempre, disposto a botar unha man cando se lle chama.
Un galego implicado no comunal, con fidelidade ao noso, tal como di Alfonso Blanco Torrado no limiar.
Falar deste libro de Mero, é falar dun traballo a dúas mans. Mero ás palabras e María Guerrero ás pinturas, Outro dúo, empeñados en ir á par, camiñando xuntos. Os dous mestres. Os dous de Vilalba, amigos e compañeiros cos que me teño atopado en moitas ocasións. Amantes da Chaira. Un libro feito a catro mans porque case non hai poema sen ilustración.
María, cos seus debuxos, quítalle peso ao libro, alixéirao con ese ar de erotismo inocente. Interprétao desde a súa mirada, unha mirada que coñece ao autor e á súa obra, unha mirada amiga que achega, tamén o seu imaxinario. Horas compartidas de traballo e arte.
No perfil das verbas son varios libros nun:
Pardiñas. A festa das artes onde manda a imaxe, porque está composto de láminas nas que se introduce un pequeno texto. Láminas coas que ser realiza unha exposición para a venda a favor da casa de Díaz Castro, 16 láminas cos seus poemas, curtos, dun Mero distinto, contido e sintético. Aquí aparecen pequenas xoias como estas:
Naquela nostalxia da memoria
quedou prendida a miña melancolía
Caerán as pontes,
os ríos seguirán fluíndo ao mar
Presentido paraíso. É o libro do territorio amado, a nostalxia envolvendo as lembranzas dos días idos que ás veces permanecen (Eu vin, pasar diante dos ollos os paxaros / de novo, os mesmos que un día me cantaban), é a vida suspendida no tempo.
O libro das orixes que permanecen no compromiso: Galicia, a Chaira, Vilalba, Abilleira

os ríos e as gándaras, fontes e pontes, topónimos que enchen a boca de recordos e referencias (Ladra, A Cotoriña de Insua, coroa na ponte de Saa / Gondaísque tamén con castro, Tardade, Soexo, / Vilapedre, Rioaveso, Árbol, Corvelle, Román...), evocacións de lugares e xentes, da fala
É a micropatria representada nun poemario.
Doce ducias dedicado Á miña xente, compañeiros do camiño e irmás na loita (
) que son quen me gobernan e posúen. Un limiar de Xulio Xiz, Meropoética, onde explica a medida galega dunha grosa igual a 12 ducias e onde lle remite o verso de Díaz Castro A beleza feriume para sempre; eu engadiría que ferido tamén polo sentimento, a sensibilidade e o país.
Outras temáticas que aparecen neste libro con a mai, a paisaxe, a natureza, o tempo (estacións, o tempo da vida, o tempo que pasa
), o pai, a chamada á loita (Somos poucos / Pero estamos afeitos / Vimos desde o fracaso e a derrota), a lingua, a música
( As cancións son oracións ao vento / cantadas para nós mesmos / pregarias interpretadas desde un fío de voz (
) lazos de cohesión das xentes / dos pobos e das comunidades do mundo), o amor, os arrolos como a anaina e o salouco para Darío), a matria e a patria, a tribo, a irmandade, os afectos, a solidariedade, a utopía, a crítica a casa, a muller, os sentidos, a contemplación, a Historia, a amizade, os soños...
Di Mero en Redimir a arte que a beleza non é muda e chama por nós a berros, que a beleza non é muda e causa en nós alborozo, que a beleza non é muda e debe servir para a denuncia, para reparar inxustizas e facer reparación para compensarnos por tanta dor.
Ás veces a poesía faise prosa poética, nalgunhas páxinas, e pasamos a ela da forma máis natural, porque vimos dun verso longo, dun verso río.
A última parte é Outros poemas veñen sendo un monlliño de media ducia de poemas.
Igual que hai varios libros en No perfil das verbas, tamén hai varios poetas: un poeta combativo, un poeta do territorio amado e sentido (do que o identifica), un poeta do amor, un poeta infantil
María tamén cambia de rexistros: da cuberta de só cor a ese predominio das ilustracións onde destaca a liña como as que responden á exposición, do debuxo sinxelo a aquel outro no que se distancia para reflectir un imaxinario menos tradicional e ata chegar a un barroco recargado, feito a tinta; do simbólico ao que se semella á estampa china ou a solucións distintas coma o caligrama que representa a torre de Vilalba.
Mero poderíase definir como o poeta do compromiso comunal, tamén neste libro. O home sensible, ferido pola beleza e o sentimento, pola inxustiza que dará lugar á denuncia. O amigo de Manuel María e Chao Rego, aos que ten presente, sempre.
(Palabras de Pilar Sampedro na presentación do libro "No pefil das verbas", de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero).