O nome da ría de Foz
Fernández, Suso - jueves, 15 de noviembre de 2007
Entre as obrigas ineludibles do cronista oficial, está a de sair ó paso de canta agresión ó patrimonio cultural, material ou inmaterial, se produza no ámbito do seu territorio. É certo que para tal función dispón tan só de dúas armas febles e, por limitacións persoais, mal esgrimidas: a palabra e a pluma.
É evidente que a toponimia forma parte dos bens inmateriais da sociedade en xeral, porque a cultura non ten destinatarios con nomes e apelidos, pertence a tódos; pero todos temos a obriga de respectar os distintos compoñentes da mesma, que se expresan na herdanza recibida, a través das variadas manifestacións, da que forma parte evidentemente a expresión oral, a nominación que os distinguen e que a historia e os expertos e estudiosos ó longo dela, e a tradición, lle asignaron. E as institucións non só teñen a obriga de respectala, senon tamén a tarefa de cultivar nos cidadáns esa mesma consideración, a través do coñecemento, e dende logo en nengún caso levar a iniciativa, nen xustificar ou apoiar, o falseamento do feito cultural. E menos incitar ó vandalismo.
Hai uns anos a Deputación Provincial colocou pola beiramar do veciño Barreiros uns paneis nos que pode lerse Ría do Masma, e levamos o mesmo tempo pedindo, a través dos medios de comunicación e en diversas intervencións públicas, que se rectifique, por incorrecta, tal denominación.
En tódolos documentos cartográficos que describen o noso litoral: mapas, cartas e roteiros marítimos figura, dende tempos inmemoriais, como Ría de Foz, e son incontables os intelectuais que ó longo dos tempos, ó referirse a este espacio xeográfico, asi o denominaron. Nós podemos amosar moitos detes testemuños: textos de historiadores coma o Licenciado Molina, que no súculo XV publicou a Descripción del Antiguo Reino de Galicia; Villaamil y Castro, Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, na que se refire á Pena do Altar; Amor Meilán, Lence Santar, Narciso Peinado, Chamoso Lamas, Ramón Otero Pedrayo, ilustre xeógrafo, ou literatos e poetas coma Leiras Pulpeiro, Alvaro Cunqueiro, Trapero Pardo, Jorge Víctor Sueiro, Raúl Torres, Manuel María
; o científico Juan Junoy, de recoñecidas querencias en ambas marxes da ría, autor do estudio La ría de Foz. Comunidades bentónicas e mesmo o noso admirado amigo, o ilustre barreirense Jesús Otero Pérez, Suso do Siñeiro, que no seu libro recén saído do prelo,Caminos y Caminantes de A Mariña, do que no seu día nos ocupamos neste espacio, ó referirse á nosa vila, dí: Su ría de Foz.
Acaso non todas as persoas a denominen así e algúns veciños de San Cosme prefiran falar da ría do Masma, e fan ben. Pero tal variante hai que situala no ámbito da linguaxe coloquial, doméstica e confidencial, que merece todo o noso respecto, e que incluso nalgunha medida enriquece as formas de comunicación entre as xentes do lugar.
Pero outra cousa é cando se trata das institucións, diferenciación que moitas veces os políticos, deliberadamente, confunden. Cando é así, como no caso que nos ocupa, hai que esixir un mínimo rigor, para que a mensaxe que se pretende transmitir se corresponda coa verdade; é decir, que sexa honesta e polo tanto, didáctica; porque é evidente que quen se acerque a ler os paneis de marras van levar unha información falseada.
Os gobernantes deberían facer un esforzo por aparcar, por unha vez, a demagoxia e ilustrar ós veciños co coñecemento correcto das cousas e que eles, a título individual, adopten a actitude que lles pete. Eles teñen dereito; os políticos, non.
Pola nosa parte levamos seis ou sete anos loitando porque a situación se normalice. Do feito ten pleno coñecemento o señor presidente da Deputación; pero como ó parecer a cuestión toponímica naquel organismo non corresponde a cultura, senon ó negociado de Vías e Obras, como último recurso imos falar co noso primo o caminero.
En calquera caso o que non faremos será alimentar unha polémica que temos por tan absurda como estéril. Pola nosa parte, punto final.

Fernández, Suso