A asignatura pendente da Terra Chá
Paz, Moncho - jueves, 15 de noviembre de 2007
A comezos de 2007 cumplíanse dez anos da aprobación do Mapa Comarcal de Galicia por parte do Consello da Xunta, definindo así a delimitación territorial das distintas comarcas da nosa Comunidade. O Mapa quedaba estruturado en 53 comarcas: 10 na provincia de Pontevedra, 12 na de Ourense, 13 en Lugo e 18 en A Coruña. Pódese dicir que o proceso de elaboración da comarcalización galega foi longo e intenso, pois se tiveron en conta factores naturais, históricos, económicos e funcionais; asemade, contouse coa opinión da poboación, especialmente no que se refire ao sentido de pertenza a un territorio determinado.
A Terra Chá ou Chaira, considerada unha das bisbarras gandeiras máis puxantes de Galicia, comprende unha ampla superficie xeográfica, que vai dende a Serra do Xistral ata as terras regadas polo río Miño -con nacemento no Pedregal de Irimia, na veciña Meira- e os seus afluentes. Con capitalidade en Vilalba, o Concello conta cunha superficie de 379 quilómetros cadrados, 30 parroquias e unha poboación de 15.864 habitantes. Estamos a falar, xa que logo, dun termo municipal amplo, pero do que cómpre analizar en profundidade as causas do escaso grao de avance no seu desenvolvemento comarcal durante a última década.
Ao marxe da agricultura e a gandería, Vilalba conta con grandes potencialidades. Dispón dun grande patrimonio natural, pero está mal atendida dende o punto de vista do turismo, non aproveitado adecuadamente como fonte xeradora de ingresos que permita rendabilizar as infraestruturas hoteleiras da zona. O seu polígono industrial está infrautilizado e pouco desenvolvido; a pesares de atoparse en fase de ampliación e de que na actualidade dispón de 270.000 metros cadrados de solo industrial dispoñible, non se entende a falla de incentivos ás empresas para instalarse no Concello, da a sensación de que non interesa a implantación de novas industrias.
Porén, é necesario abrir o debate sobre a ordenación do territorio implicando a todos os sectores e axentes sociais, dende a Xunta e o Concello ata os empresarios, pasando por profesionais liberais, comerciantes, asociacións e organizacións políticas e sindicais. Coincidindo co comezo dunha nova lexislatura municipal, non se poden deixar pasar máis oportunidades. En beneficio de todos, non perdamos o tren do progreso e da modernidade.

Paz, Moncho
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora