Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Scripta Minora (IV)

martes, 13 de noviembre de 2018
Agradézovos moito a cantos estades aquí presentes por ter querido asistir a un acto coma este, cando a verdade é que hai tantas persoas e acontecementos por aí adiante que en principio semella que vos deberían interesar moito máis. Por exemplo, o partidiño do Celta que teño entendido que lamentabelmente lle cadra a estas horas, por máis que é ben seguro que sairá vitorioso aínda que lle falten os nosos afervoados alentos in situ... E que conste, por certo, que non deixo tampouco pola miña parte neste tomiño de lle dedicar (e por duplicado) unha manchea de liñas a este grande e sonoro Scripta Minora (IV)fenómeno do rei fútbol. Pois, se fuchicades algo nos títulos interiores do libro, un deles leva como título “Os deuses do fútbol” e outro o seguinte: “O fútbol que temos por aquí”... Digo isto para que os fans do fútbol non me protesten de que non lles presto a debida atención...

Neste mencionado agradecemento entran naturalmente, de maneira máis especial e explícita, tanto Clara Iglesias, presidenta da Asociación Cultural “Vagalumes”, como Xoán Carlos Garrido e Henrique Bazal por me teren querido acompañar na presentación do libriño, por máis que o tal libro máis ca un libro serio, cabal e formal veña sendo algo así como un aprendiz de libro, case como un enredo pra del botar man e remexer nas súas páxinas en fuxidíos tempos de lecer, que endexamais poderán ser moitos.

Deste xeito, este a modo de cativo rato parido polos montes (pra usar a sabida comparanza da fábula de Esopo) pouco máis vos é ca unha especie de xogo sutil, que non pretende máis ca escorrentar, se a sorte axuda, algunha inqueda pantasma que paira polo ar ou debuxar na mente ou na face dalgún casual lector un leve sorriso de aprobación, consenso, estrañeza ou tamén quizais de benévola protesta e desacordo.

Porque aínda que o volume é pequenote, pódese nel atopar –como nas antigas tendas rurais- case de todo. Esa é a vantaxe que por outra parte ten o feito de non podermos superar os límites que por exemplo os directores dos xornais nos impoñen ós que lles queremos remitir algunha notiña escrita para darmos a coñecer a ignotos lectores a nosa opinión sobre un determinado tema. Ó non podermos estendernos moito en cada un deles, podemos chicar levemente outros distintos, aínda que non sexa posíbel afondar demasiado co legón en ningún deles. Deste xeito, nin se cansa un moito (á fin e ó cabo, vai un sendo vello) nin fatiga ou aburre un tampouco con eles os que lles queren botar unha ollada.

Por todo iso a oferta que nestas páxinas se fai vén sendo como un mosaico de temas ou elementos dispares, tratados sempre con levidade e unha certa présa ou provisionalidade. Fálase neles –en modos e estilos literarios distintos- de lembranzas, persoas, festas, linguas, do galego, de Galicia, de papas e papisas, da Estrada, de Sabucedo (claro!), de libros, de responsabilidades sociais ou políticas, de anduriñas, de filosofía, de pombas ou pardais, de alta e algo máis baixa política, de nenos, de nacionalismos, das bestas nosas do monte, etc.

Gustaríame, en calquera caso, que estas curtas incursións en asuntos ou temas, aparentemente insignificantes uns e excesivamente elevados outros, incitasen dalgún modo os lectores a pensaren por si mesmos e a liberaren así o propio pensamento cara a novas e propias ideas.

As páxinas (físicas) de que está composto o libriño están construídas lonxe de aquí, no ámbito das publicacións de Amazon (en Columbia, Estados Unidos: tal como fica anotado na páxina final deste tomo abaixo). Mais –tal como indicaba- a meirande parte do seu contido literario está pensado e escrito desde aquí, é dicir, desde esta terra nosa, Galicia, que a pesar de sabidos contratempos e sobresaltos non deixa de continuar construíndose a si mesma, tamén agora, co labor, coa ilusión e, así mesmo, coa paciencia de persoas e grupos sociais moi diversos.

O que hoxe estades (estamos) aquí a presentar pode ser visto, ó meu ver, xa que logo, como unha especie de cativo cesto multi-usos, feito de distintos e cativos vimbios que se entrelazan aleatoriamente entre si, podendo ser así de utilidade para nel ir colocando as persoais pertenzas que un leva consigo. Compañeiro, pois, de viaxe, de ir e vir. Só iso.

Polo demais, a verdade é que no xa un tanto longo traxecto da miña vida fun experimentando acontecementos e vivencias moi diversas, tanto teóricas como prácticas, que a un lle fixeron –queiras ou non- cambiar ou evolucionar. Algo diso está seguramente depositado na conxunta recompilación en sete tomos destes “Escritos Menores”, dos que este tomo (o sétimo) é, de momento alomenos, o último planificado. Todo se debe ó entusiasmo do meu bo amigo, profesor universitario en Madrid, Jesús Romero Moñivas. Pois foi nel (e non en min) onde xurdiu esa idea e foi el tamén quen a realizou como editor con acerto e competencia.

O que aquí comento sobre a evolución ou os cambios ós que un está sometido nos propios modos de pensar pódese polo tanto tamén albiscar neste tomiño que presentamos. Efectivamente, o primeiro pequeno escrito -en alemán- deste tomo é do ano 1968 (de hai agora polo tanto xustamente cincuenta anos, é dicir, medio século!). Fora publicado nun xornal de Múnic co gallo da primeira visita dun Papa (Paulo VI) a América Latina nese mesmo ano. Formulaba eu nel entón unha defensa do labor conquistador de España en América fronte a determinadas críticas aparecidas nese xornal. Unha defensa que hoxe non sería capaz de subscribir, polo menos tal e como nese xornal apareceu. Por algo recibín eu daquela (no recordo xa ben se do consulado de Múnic ou do embaixador en Alemaña da España de Franco) unha eloxiosa e entusiástica felicitación oficial escrita... A verdade é que naqueles tempos franquistas non tiña eu aínda coñecementos suficientes como para poder xulgar de maneira xusta e axeitada nin os acontecementos que alí comentaba nin tampouco o que acontecera en España e en Galicia desde a rebelión militar do 36 ata ese ano en que redactaba eu en Múnic a miña réplica xornalística.

A meirande parte dos textos que seguen a este (que é o primeiro) pertencen xa á época posterior á miña chegada a Vigo tralo verán do ano 2010. Moi posteriores, xa que logo. Ocorreu simplemente que nun determinado momento se acendeu de súpeto no meu interior unha luciña ou vagalume que me viña dicir algo así coma isto: Xa que agora non che é posíbel dispoñer de moitos e sabios libros nin de vetustas e doutas bibliotecas para así seguir construíndo sisudos libros, igual podes probar a redactar en intres perdidos algúns textos curtos dirixidos ós directores dos en calquera caso poucos xornais desta terra túa... E a ver que pasa...

Como vedes, a miña intención era poñerme en contacto anímico case inmediato, aínda que cun certo sixilo e desde unha determinada distancia, coas descoñecidas mentes de distantes e ignotos lectores sen a inevitábel obriga de me ter que someter ós alongados tempos de redacción e espera de edición, tal como adoita pasar no caso da publicación de escritos máis extensos como son os libros.

Dado que os tempos son fuxidíos e as vidas, coma os ríos, bulen con presteza
cara ó mar, dispoñendo só poucas veces de relanzos xenerosos que os acouguen, cumpría, pois, atopar xeitos de ofrecer vida e posíbel e puntual orientación a estes sempre inquedos e fuxidíos viventes que todos nós somos. “Este río do tempo”, como remata Méndez Ferrín o seu Con pólvora e magnolias...

E, a propósito, debo confesar que a arte e a supremacía de tan sobresaínte escritor galego, Xosé Luis Méndez Ferrín, que tres veces á semana nos recrea coas súas importantes achegas no “Faro de Vigo”, continúa a ser para min un auténtico modelo, por inalcanzábel que el sexa. En calquera caso, o feito é que el se converteu para min –casualmente ou non- nun inmerecido e puntual propagandista das miñas colaboracións nalgúns xornais galegos cando nun dos seus escritos no xornal vigués do ano 2014 (que el titulou “Cartas ao director”) remataba el deste xeito: “Con absoluta humildade, cada pouco o doutor Cabada arrequece a sección das cartas ao director da prensa de Galicia e ilustra os seus lectores. É decer: nós”... Nunca pensara eu que se podía aínda “ilustrar” os que manifestamente son xa “ilustrados” ou, en calquera caso, certamente moito máis ilustrados ca min. En todo caso, aí queda iso...

O que, de tódolos xeitos, endexamais pensara eu antes é que estes escritos patentemente “menores” puidesen algún día (e estamos xa nel) ser obxecto (en forma de libro ben campado) dunha presentación tan grata coma esta, alén da súa anterior modesta e primeira aparición como efémero e apendicular comentario no interior das páxinas dun xornal.

Por todo isto, grazas, moitas grazas, a todos.

(Palabras de Manuel Cabada, o 19 de outubro de 2018, en A Estrada, na presentación do volume IV dos seus Scripta Minora).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES