Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Once?

sábado, 03 de noviembre de 2018
Leo no xornal de hoxe -onte, para vostede- que once alcaldes "urxen a mellora do vial fronteirizo polo Xurés".

Once? Pregunteime de contado, con énfase de pregunta retórica. Deberían ser os 92 -contestei, arroutado-, ós que habería que lles sumar os recíprocos de Tras-Os-Montes e do Alto Minho que fan fronteira coa nosa provincia.

Hai un horizonte que todos temos nos miolos, coma se, cando o alcancemos, vaiamos acadar a terra prometida.

Ese horizonte está no ano 2020. E non só porque sexa a véspera do tan desexado Xacobeo, senón porque se o mundo non comeza a xirar ó revés os madrileños e moitos posibles turistas que se achegan a este país por Madrid, estarán a menos de tres horas de viaxe da nosa provincia, sendo esta, por vez primeira dende hai décadas a auténtica porta de entrada a Galicia do fluxo de turismo que proceda do interior.

Isto sábeno moi ben os alcaldes -creo que non hai alcaldesas- de, por exemplo, Ponte da Barca, Ponte da Lima, Arcos de Valdevez, Terras do Bouro, Melgaço ou Montalegre, que son vellos xestores directos dos programas europeos (é unha das moitas vantaxes que o municipalismo portugués ten, respecto do minifundismo municipalista galego), que despois de moitos anos de berrar no deserto e incluso chegar a poñer en xaque o propio goberno portugués cando o alcalde de Ponte de Lima -que xa non está- provocou aquel famoso "queijogate" ó esixir unha serie de investimentos para a súa comarca, entre os que estaba a chegada ata a fronteira do vial denominado IC28, lograron incluír esta importantísima obra no Plan de Estradas do país veciño do ano pasado.

Por iso eu aplaudo agora a iniciativa destes once alcaldes -que, repito, deberían seren os 92- de se plantaren fronte por fronte do presidente da Xunta de Galicia e, sabedores como son da aposta que no seu momento fixo polo inicio da autovía AG-31, solicitarlle, pedirlle, implorarlle e incluso tamén esixirllo, que a obra sexa rematada no seu conxunto co fin de provocar así un fluxo de comunicación que non é bo só para o turismo de interior, senón para o conxunto da dinamización empresarial doutros múltiples sectores económicos.

Todos sabemos que no eixo Porto-Vigo móvese a macroeconomía e, loxicamente, ninguén pretende competir con ela. Sería iluso facelo.

Ora ben, que se movan por aí os grandes fluxos económicos non quere dicir que teñan que "comelo" todo. Nin moito menos.

De aí que non é sen tempo comezar a reivindicar en serio -e non só os alcaldes, senón o resto da sociedade- que abran a orella de Ourense ó resto do mundo. Ou se non, que a pechen dunha p. vez e que poñan un cartel coa lenda: Pechado por defunción.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES