Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lección de Rábade

martes, 13 de noviembre de 2007
Rábade é, dende hai décadas, coma un buque insignia, que ben enfiado, suca o Río Miño, sen complexos, no eido comercial, industrial, nos deportes ou na cultura. E, agora, tamén son pioneiros na recuperación da memoria histórica, dedicando un monumento a Juana Capdevielle, obra de Couselo, que vai erguerse nun xardín na entrada da vila, vindo de A Coruña. Unha muller na vangarda da cultura e dos temas sociopolíticos na II República. Considerada, daquela, coma un fito do progreso. Detida polos fascistas en Culleredo-A Coruña, foi levada e paseada, un 18 de agosto do 36, en Rábade, nunha cuneta, no km 526 da estrada Madrid-A Coruña, no Monte da Gándara.

Ao día seguinte do asasinato de Alexandre Bóveda, na Caeira-Poio, agora “Día da Galiza Mártir”. Días antes mataran ao seu home, Francisco Pérez Carballo, gobernador civil de A Coruña e profesor da Universidade de Madrid. Era arquiveira e bibliotecaria, e deixounos intervencións sobre o seu pensamento, que impactan pola súa grandeza e dignidade de espírito. Estaba embarazada, tiña 31 anos, e prometía achegar unha luzada á Galiza que debecía do liderádego de mulleres na ciencia e na cultura, comprometidas e sensíbeis coma ela. Claudio Rodríguez, loitador incansábel por dar a coñecer a traxectoria das vítimas da represión, escribiu: As costureiras. Textos para teatro en lembranza de Juana Capdevielle, María Vázquez Suárez e Mercedes Romero Abella. María era mestra de Miño, asasinada en Pontedeume, o seu corpo apareceu na Praia de Bañobre, o 20 de agosto, e Mercedes, mestra en Monelos de A Coruña, foi acribillada en novembro na ponte de A Castellana, e tirada ao río Mandeo. Está soterrada naquela parroquia, a de Vilarraso..., nesa prolongación da Chaira en terras de A Coruña. En comuñón en tantos eidos da vida, mesmo neste drama, coa lindante Guitiriz, que tamén sentiu os tiros criminais dos sediciosos en cunetas do seu termo, coma as de Santa Mariña e Roca, onde quedaron mortas tantas persoas, anónimas, pero leais ao seu pensamento e á legalidade, destruída polo golpe militar. As nenas e nenos da escola, foron levadas polo mestre a ver os paseados en Santa Mariña, co seu sangue aínda fervendo de vida e paixón. Así, aterrando á poboación, encheron de dor e morte camiños e foxos: “No lugar onde medran as silveiras/ e discorre a auga pola estrada/ houbo antes un suco de sangue/ inzando de nomes as cunetas:/ A cuneta Camilo Díaz Baliño/ segundo se vén de Santiago./ A cuneta Juana Capdevielle/ segundo se vén dende A Coruña./ A cuneta do paseado anónimo/ saíndo de Lugo a todas partes...”, plasmou Claudio Rodríguez na obra devandita.

A historia do que aconteceu na Terra Chá nestes tempos de barbarie, está sen facer: moitas e moitos foron sacrificados, na guerra e posguerra. O primeiro en exhumarse en Galiza foi o alcalde de Castro de Rei, Severino Rivas, fusilado, era de Loentia. Pero foron os mestres, os máis acalados no seu servizo á sociedade: Don Sión de Rábade, que xa lle agradeceron o seu labor cunha rúa, Antonio Santamarina de Guitiriz, Narciso Peinado de Baamonde… Algúns adaptáronse á nova situación, despois de persecución e cadea. O coñecido coma “Mestre do Castro” de Begonte, foi depurado, por non dar relixión na escola… Unha vez restituído, foi excesivo neste mester. Sen chegar, ao drama do debuxo da Galicia Mártir de Castelao: “A derradeira lección do mestre”, algúns ensinantes sufriron todo tipo de agravios, que as xeracións máis novas poden sentir na súa carne e espírito, a través da narración de Manolo Rivas: “A lingua das bolboretas”, levada ao cine por José L. Cuerda.

Tamén hai unha literatura de autores chairegos que axudan a descubrir esta traxedia: o drama de A lúa vai encoberta (1992) de Manuel María, Os anos da memoria de Xesús Rábade Paredes, Fuxidos de sona (1989) de Carlos G. Reigosa, ou xa no mundo audiovisual, achegas de Margarita Ledo Andión. Son esforzos por transmitir a verdade daquela ignominia, para que tanta iniquidade non atope endexamais, alento entre nós.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES