Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

X Tasca do liño de Insua (Vilalba)

lunes, 05 de noviembre de 2018
Quería comezar este artigo agradecendo ás compoñentes da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, e en particular a Lourdes Otero, o terme convidado a participar na mesa redonda que formou parte da programación dunha edición máis que especial dentro das Tascas do liño que elas organizan, a décima.

A Lourdes, e polo tanto, ao colectivo de mulleres de Ínsua, coñecinas hai aproximadamente 6 anos, cando dirixía a Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Tiñan moitos proxectos, moitas ilusións e contaban con todos os recursos humanos e materiais para levalos a cabo. Precisaban pois, do menos importante, pero á vez imprescindíbel, apoio económico das administracións públicas.

Coñecidos os proxectos comezaron as distintas colaboracións entre a asociación e o ente provincial, a través de pequenas axudas para as distintas Tascas do liño, a realización de demostracións en distintos puntos da provincia ou a valorización do seu traballo nos museos da Rede Museística Provincial.

E conforme foi pasando o tempo non puiden menos que quedar prendado da humildade, o bo facer, o voluntarismo, o traballo incansábel, a ilusión inquebrantábel de Lourdes Otero e naceu nese intre unha amizade que continuou unha vez rematada a miña etapa como Deputado Provincial.

Aló por marzo de 2016 escribín un artigo no diario “El Progreso” sobre a asociación titulado “As Penélopes da Chaira” no que quixen poñer en valor o traballo da Asociación de Mulleres Rurais de Ínsua e parte do seu contido empregareino tamén nesta miña colaboración.

Hai case tres anos estivera Ibán Yarza, un dos máximos expoñentes da panadaría ibérica contemporánea, impartindo un obradoiro nas xornadas “Con moita miga” celebradas en Pontevedra. Nel dixera que a xente que facía pan necesariamente tiñan que ser boas persoas pois para ese traballo requiríase moita paciencia. Non sei se necesariamente ambos cualificativos teñen que ir unidos pero teño que recoñecer que non podo estar máis de acordo. Mais se a xente que fai pan é boa, como cualificariamos ás persoas que dispoñendo na actualidade de tecidos bos e económicos, manteñen vivo o longo e complexo ciclo do liño? Pois de extraordinarias, sen dúbida!

E esa paciencia infinita unida a un amor sen límites polo herdo dos nosos antepasados tiña que ter xénero feminino. Así mo transmitiron Carme Pano de Anseán do Corgo, dende pequeniño, ou máis recentemente as mulleres de San Bartolomeu de Insua de Vilalba. Estas últimas levan traballando máis dunha década no proceso de recuperación do liño e o seu proceso tradicional ata acadar o fío, tecendo con el nos teares de sempre e elaborando distintas pezas con este produto. Fano como formiguiñas, sen pausa, organizadas, dilixentes, insensíbeis aos avatares, que son moitos!

Creouse co fin de manter viva unha tradición que coma moitas outras esmorece canda o noso rural e que os da miña xeración xa non coñecemos. Como dixo Mero no artigo publicado no Progreso da semana anterior, as súas habilidosas mans fan a maxia de converter algo moi pequeno en fermosos e frescos panos.

Co paso das décadas foron espallándose polo país mallas tradicionais para que as
máis novas xeracións non obviasen un dos traballos tradicionais máis básicos para a economía familiar. Hai que agradecer ás Mulleres de Insua que rescatasen o laborioso e longo traballo do liño, agardando que outros colectivos poidan ser capaces de facer o mesmo polo resto de Galiza porque este labor, tradicionalmente feminino, segue a ser un completo descoñecido para moitas das galegas e galegos actuais.

E nesa divulgación tiveron un papel crucial os membros da Asociación de Veciños de Cabreiros que promoveron o fermoso documental "O liño, arte e cultura" coa colaboración das Mulleres de San Bartolomeu de Insua e a música do grupo Muxarega das Pontes. Magnífico traballo dirixido por auténticos especialistas na materia como Xosé Manuel Felpeto, Xesús Rodríguez, Fernando Fresco, e moitos outros, cada un no seu papel e responsabilidade. Un imprescindíbel documental de 107 minutos de duración que, aínda que podemos atopalo en internet, tamén debería estar en todas as bibliotecas públicas do pais e dos centros educativos xa que aborda a cuestión do liño dende ópticas diferentes como o traballo manual do liño, o lado antropolóxico e social, o terapéutico, e a parte lúdica e cultural.

A asociación converteuse pois nese espazo fulcral para formar e informar ás mulleres da parroquia de Insua, ofrecendo unha programación estábel de ámbito cultural e artesanal. Organizan anualmente a Tasca do liño, que se converteu nunha referencia galega e na que a maiores de interesantes demostracións contan con música tradicional, exposicións e gastronomía. A maiores, levan anos percorrendo centros educativos, asociacións e museos de todo o país, levando consigo unha multitude de aparellos, experiencias e sabedoría, acompañadas dun sorriso inquebrantábel. Máis ese nomadismo xeneroso e divulgador non está sendo recompensado.

Dende hai tempo traballan para facer o seu traballo con dignidade, nun espazo fixo onde almacenar os múltiples utensilios empregados no proceso, onde traballar e ensinar ás novas xeracións os pormenores dun traballo histórico con moita ciencia. Un museo etnográfico cheo de vida que sexa local de encontro para as persoas interesadas en manter ese interesante patrimonio material e inmaterial. Un lugar onde transmitir un secular bo facer de xeración a xeración e onde os/as nosos/as maiores poidan desfrutar dun envellecemento activo. Un lugar, en definitiva, onde integrar a todos e todas e para reivindicar que as actividades tradicionais poden ser tamén xeradoras de emprego e de economía.

Mentres centos de parroquias contan con rehabilitados centros sociais, normalmente antigas escolas, para realizar (con sorte!) unha comida ao ano, outros colectivos, como as mulleres de Insua agardan a ter ese modesto espazo onde ensinar ao mundo o proceso do liño.

Como di o Penélope de Xosé María Díaz Castro que tanto e tan ben cantou o noso pregoeiro, “Vaise enterrando, suco a suco, o Outono” e Lourdes Otero e o seu exército de mulleres tecen e destecen agardando tempos mellores para o rural galego. Mais non agardan debruzadas ese porvir ventureiro, como mulleres que herdaron a constancia e a resistencia dun pobo que aínda se mantén en pé, loitan coas súas habilidosas mans para conseguilo. Son posuidoras da clave do éxito, afrontan destemidas o futuro coa contrastada experiencia do pasado.

Estou seguro de que o acadarán!
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES