Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os 'defuntiños'

miércoles, 31 de octubre de 2018
Abraioume a primeira vez que escoitei a Manuel María falar dos ”defuntiños”, axiña apreciei que non era un xeito diminutivo, pola contra estaba a valoralos coma unha relación de afectividade que nin a morte foi capaz de reducir, incidindo na súa presenza perenne no corazón das persoas.

De feito, o poeta ten comparada a supervivencia coa rexa resistencia dos penedos e das raíces dos carballos. Imos vivir o mes de Santos, á par do outono, enxergado pola sabedoría do noso pobo, convencido de que acae nestas datas porque son días de memoria e agradecemento.

Son unhas xornadas moito máis significativas que a caída das follas dun calendario, porque estamos a recoñecer que elas e eles seguen con nós, van con nosoutras e nosoutros. Somos o que somos grazas a eles que nos deron a vida, o sangue, este xeito de concibir a existencia e o alén.

Manuel María foi un seguidor fiel da simboloxía do noso pobo e sempre considerou a existencia das criaturas en comuñón coa nai terra, remarcando a decisión das nosas veciñanzas de unir o noso destino ás entrañas do chan materno, porén a súa teima de ser soterrado no cemiterio ao pé da igrexa de Outeiro de Rei, no colo dos seus antepasados.

Estamos a celebrar a sabedoría do noso pobo porque eles e elas loitaron polo futuro dos nosos eidos en contra da contaminación, o lume e as desfeitas, acadando a saúde da nosa paisaxe, alimentación sa e solidariedade das criaturas. A ligazón cos nosos antepasados acae á Boa Nova de Xesús, así cando o Resucitado se puxo en camiño cos discípulos de Emaús, estes recoñecérono en situacións tan domésticas como o partir o pan e na enerxía que lles transmitía na explicación da historia do seu pobo, e esa forza é a lumeirada que sentimos cando lembramos ós nosos defuntos no ben e na esperanza que os seus herdeiros partillan acotío con nós.

Nesta empatía que desfrutamos coa súa compañía, está o alento e o ánimo do que endexamais nos privaron despois do seu pasamento, moito máis có seu retrato, o seu ADN, as súas pertenzas... Estamos desfrutando do seu ben inmorrente grazas a súa xenerosidade labrada nos anos da súa estadía entre nós. Mesmo a nosa paisaxe está a reflectir este espírito transformador da bondade e da paz das e dos devanceiros.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES