Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A luz sinódica de Otero Canto

martes, 30 de octubre de 2018
O martes desta semana presentouse na libraría Trama a última das xoias poéticas do bardo da Valuria, Xosé Otero Canto.

Nun emotivo acto, Pepe Otero estivo acompañado polo omnipresente Xulio Xiz (cuxo reloxo non parece ter as mesmas horas que os do resto de seres humanos), piar fundamental da cultura galega feita en Lugo, o profesor do Lucus Augusti (ex-director) e tamén escritor Xosé Luís Vázquez Somoza e por Arturo Camba da Editorial Cuestión de Belleza (fermoso e adecuado nome para unha editorial especializada en poesía e música), radicada en Ourense. E como a música e a poesía son dúas caras da mesma moeda o acto estivo adobiado con dúas coidadas pezas interpretadas por unha promesa da música, tamén valura, David Rodríguez.

A luz sinódica de Otero CantoPresentar a Xosé Otero en Lugo é tan doado, como innecesario. Pola súa cátedra de lingua e literatura pasaron miles de mozos e mozas lucenses no seu tránsito cara a vida adulta, xa que exerceu de profesor durante décadas no IES Lucus Augusti.

Nos últimos anos deuse a coñecer nos círculos culturais e literarios como un dos máis prolíficos poetas lucenses, coa consecución de ducias de premios literarios e a publicación de varios libros. Coñecino no ano 2010 cando recibiu o primeiro premio, en poesía, da cuarta edición do Certame Literario Terras de Chamoso do Corgo, coa obra “Chuchas acaroadas das vagas”. Daquela non sabería dicir se me impresionou máis a poesía en si ou o espectacular recitado que fixo o día da entrega de premios. Na seguinte edición volveu a ter o primeiro premio coa obra “A praia amanceba”, polo que na novena edición (ano 2015) os membros da Asociación Cultural Arumes do Corgo decidimos contar con el como membro do xurado.

Ese dato, que pode pasar inadvertido para os legos na materia, é para min máis importante, se cadra, que o de ser merecedor dos méritos mencionados ao comezo, xa que non todo o mundo está disposto a dedicar unha chea de horas a ler e valorar traballos, e moito menos de xeito desinteresado. Ese amor pola cultura e pola lingua galegas, ese recoñecemento á cultura feita no rural estanos a amosar unha persoa culta e entregada á causa!

Pero a maiores da miña admiración persoal quero trasladar, con esta presada de verbas, a fascinación que sinto cando leo os seus poemas, que é mínima en comparación coa que sinto cando teño a oportunidade de escoitalos dos seus propios beizos (coma este martes).

“Sinódica luz” foi o poemario gañador do primeiro premio do “I Certame de Poesía Galega 2018” convocado pola Editorial Cuestión de Belleza, co que xa ven avalado por membros do xurado especialistas na materia. Ao longo das súas cen páxinas o/a lector/a poderase debruzar nas distintas luces calidoscópicas que perciben os nosos sentimentos e que asociamos a estados de ánimo do máis dispar. Como a inmutábel luz que sae do noso Sol pode ter infinitos matices dependendo do lugar, o tempo, a persoa e o estado anímico de cada ser humano? Pois Xosé Otero é capaz neste libro de facer todo un compendio poético arredor da luz.

O libro articúlase en dúas partes contrapostas. A primeira, titulada “Sinódica luz”, consta de catro eidos que dun xeito gradual van camiñando dende as luces do gozo, ás da soidade, ás do baleiro para rematar nas luces do desacougo. A segunda, titulada “Escuridade-Mar global”, é un compendio de trinta e un poemas nos que Otero Canto demostra a implicación social cos máis desfavorecidos e reivindica un novo modelo de sociedade que pon as persoas no primeiro plano fronte ao capital despiadado e globalizador. Noraboa a Xosé Otero por este novo poemario, escrito cun léxico coidado e auténtico, musical e reivindicativo, como el é.

(Na fotografía, de esquerda a dereita, Xulio Xiz, Arturo Camba (Director de Cuestion de belleza), Xosé Otero Canto, Xosé Luis Vázquez Somoza e David Rodríguez, clarinetista de 13 anos, atentos á cámara de Sebas Senande). FOTO PRADERO.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES