Lembramos hoxe a Xosé M. Carballo Ferreiro, nado neste Samartiño de Goberno en 1944, que nos deixou físicamente hai un ano, pero segue connosco polo seu exemplo, o seu labor e o seu espírito.

Un ano sen/con Carballo, cura rural, ilusionista, humorista, animador cultural e social; xigante chairego e galego, que estudiou no garimoso berce do Seminario mindoniense, onde moi novo foi formador. Coñecino en Lugo, cando impulsaba O menciñeiro á forza, xenial versión galega da obra de Moliere, peza esencial do teatro galego actual.
Volve á terra no 73, para coidar da familia e dos veciños, e foi crego de Castro de Rei, Azumara, Ramil, Balmonte, Santa Locaia e Goberno, impulsando o divino e o humano, promovendo restauración de igrexas, reelectrificacións e concentracións parcelarias, sendo confesor, xestor, avogado, protector, e sobre todo amigo.
Ensinou relixión no Colexio Ramón Falcón, inspirou o renacer cultural da Terra Chá, foi membro do equipo de Catequese de Galicia e Delegado de Catequese da diocese de Mondoñedo, logrando que a catequese fose galega, e endo invitado pola Xunta a presidir a Comisión do galego no Social e na relixión.
A Carballo debémoslle "O menciñeiro á forza", "Bo Nadal", "Recobrou o sorriso o Eleuterio", "Auto de Nadal", "Dous vellos e unha sóa soidade" (con Marica Campo), "Vaise pechar unha casa máis" (con Xulio Pita), e "Unha noite de ruada" (con Samarita Canto). E "Parábolas Chairegas", "Don Otto de viaxe pola Chaira", "Celestino Racamonde", "Contrato Nulo" ou "12 escritores e o Antroido"; e os videos "Seguir a Xesús" e "Este é o meu fillo". Polo seu labor como escritor mereceu numerosos galardóns literarios.
Creou Os Valuros do teatro e da música... E pronunciou pregóns do Antroido da capital lucense (non esquezamos o seu labor no Antroido de Val de Francos), a novena da Gracia en S. Francisco Javier, a Festa da música e da árbore en Mondoñedo ou a Festa da malla na Finca Galea. Escribiu en El Progreso e en Irimia. Falou pola radio de cousas desta terra na Cope de Lugo, en R.N.E. Coruña, Radio Galega, Radio Principal de Vilalba e Monforte e Radio Popular de Vilalba En TVL tivo desde o comezo da emisora programa propio, Hai que celebralo, sobre o feito de vivir. Sempre en Galego, e sempre poñendo por diante o seu papel de crego ao servizo das xentes deste país, e do país,
Con 4.000 actuacións de maxia e ilusionismo, foi animador de magos e ilusionistas, e padriño do Colectivo máxico Waldemar de Lugo
A súa preocupación social levouno a ser concelleiro independente en Castro de Rei na primeira lexislatura democrática, e un dos fundadores do Silga, Sindicato Independente Labrego galego. Foi Lucense do ano en 1992; e Fillo predilecto en 2004 do seu concello de Castro de Rei.
Vendo o seu estado de saúde, quixemos homenaxealo, e tardou dous anos en autorizar o CERNA DE CARBALLO, obra de 200 amigos e amigas, moitos aquí presentes. O colectivo Os Valuros, a súa creación, a súa teima, rendeullle homenaxe póstumo no antigo Teleclub de Castro de Rei, que desde entón se chama Centro Cultural Xosé Manuel Carballo.
Hoxe, lembrámolo nunha ausencia física-presencia espiritual, sabendo que perdemos un gran amigo, pero Galicia, Castro de Rei e todos nós, seguimos a disfrutar dun guieiro luminoso que co seu traballo e o seu exemplo fíxonos saber de onde vimos, que e quen somos, e cara a onde temos que camiñar. Grazas sempre, Xosé Manuel, amigo.
(Palabras de Xulio Xiz no Cabodano de Xosé Manuel Carballo, en Goberno de Castro de Rei da Terra Chá)