Tempos revoltos
Cachaza Platas, Mercedes - jueves, 01 de noviembre de 2018
Aínda que me esforzo por entender certas cousas, a verdade é que me costa crelas.
-Cóstame crer que un día si e outro tamén, haxa homes capaces de asasinar á muller que un día dixeron que amaban.
-Cóstame crer que haxa menores, moitos menores que sen estar acompañados por ninguén, poidan cruzar fronteiras en condicións moi singulares.
E o que é peor: en boa medida, quedan abandoados á súa sorte
-Cóstame crer que haxa persoas que se dediquen a traficar con rapaciñas para mételas en prostíbulos.
-Cóstame moito pensar que alguén pode tirar un bebé pola ventá para desfacerse del ou para vingarse da súa naiciña.
E máis me costa aínda que poidan matar o froito do seu sangue.
-Cóstame crer que familias que foron católicas toda a vida, agora teñan pagáns no seu fogar.
Hoxe en día son poucas a familias que bautizan ós seus descendentes.
Ignoran o feito relixioso e van polo mundo sen entender boa parte da pintura, da escultura, da arquitectura e da cultura da vella Europa e do miundo enteiro.
¡Tan mal o fixeron!
¿Non lles queren dar unha oportunidade ós seus pupilos?
-Cóstame crer que son moitas as familias que lles poñen nomes extranxeiros ás súas criaturas, cando temos nomes preciosos na nosa terra.
Rachan coa tradición, así; sen máis nin máis
-Cóstame crer certas conductas de persoas que ocupan postos de moitísima responsabilidade; cando tiñan que ser un exemplo para os cidadáns de a pé.
En fin
-Cóstame crer moitas cousas
Xa sei que estes casos son casos aillados, pero aínda así...non son tan poucos.
Por veces penso que estamos vivindo uns tempos moi revoltos:
-Uns tempos nos que todos cremos sabemos de todo.
-Uns tempos nos que pensamos que todos somos iguais.
-Uns tempos nos que podemos dicir o que se nos antolle porque seica a eso se lle chama: LIBERDADE DE EXPRESIÓN
Nos meus tempos era:
MALA EDUCACIÓN
MOI MALA EDUCACIÓN
QUERO SER OPTIMISTA, SEMPRE HAI RAZÓNS PARA SER OPTIMISTA; PERO QUIZAIS TEÑA QUE DARLLE A VOLTA A MOITAS COUSAS.
-Quero pensar que chegará o día no que ningún home matará ás mulleres, non só non as matará; senón que chegará a comprendelas, a respetalas e a querelas.
-Quero pensar que esas criaturas que se ven obrigadas a dormir nos andares das comisarías, encontren cariño e comprensión para poder medrar e facerse homes de ben.
-Quero pensar que as rapaciñas que van enganadas e forzadas á prostitución encontren unha saída digna para as súas vidas.
-Quero pensar que tódolos bebés serán queridos nas súas familias e que chegarán a ser persoas de ben.
-Quero pensar que as familias católicas recapacitarán a ver se os valores, que lles dan hoxe en día ós seus nenos, son mellores que os que lles deron a eles.
-Quero pensar que recuperaremos os nomes de toda a vida, que conservaremos a tradición familiar e que conservaremos a nosa propia idiosincrasia.
¡E que celebraremos as onomásticas!
¡E que nos felicitaremos!
¡E que aportaremos alegría e santidade á vida!
-Quero pensar que os adultos recuperaremos o sentidiño, porque se non
.imos a pique.
Confío que o recuperaremos.
OS RÍOS DESBÓRDANSE CANDO HAI ENCHENTES, PERO DESPOIS VOLVEN AS AUGAS ÓS SEUS CAUCES.
A humanidade desbordada, tamén debe volver ós seus cauces.
VOLVER Ó CAUCE
Este será o título do seguinte artigo.
Antes de despedirme, quero pedir perdón porque hoxe parece que vin o mundo con lentes de sol.
Quizais por eso vin o mundo un pouco escuro.
Pode que non sexa para tanto.
Din que todo é verdade ou mentira según a cor do cristal con que se mira.
Cambiarei os lentes por uns transparentes.
E todo sairá ben.
Claro que si.
Para eso estamos aquí.
Grazas por terme na súa consideración nesta ocasión.

Cachaza Platas, Mercedes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora