Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 26 de octubre de 2018
É certo que amansa ás feras

Sentei ante o ordenador e axiña subín a música de Ennio Morricone para compartila no feisbuq. O tema era “Scherzo Un Po' Triste”, que asoma na película “Incontro”. E dixen era porque, agora mesmo, xa están soando os The Corrs co seu tema “Forgiven Non Forgotten”. É que mentres abro ventás no ordenador a música dálle que dálle e se aínda por enriba son temas curtos, pois iso, que xa nun suspiro, apareceron dous. Porque si, Pingas de Orballoporque hoxe o asunto, a temática deste relato vai versar sobre a música que escoite mentres alcance o punto do mesmo. A ver!, non todos os días se vai escribir de desgrazas, de política, de Baños de Molgas, de extraterrestres ou do que cadre. Todos sabemos que a música é bonita. Seguimos entón con máis musiquiña. E tócalle de novo ó gran Morricone: “Indagine Su Un Navigatore”, que pertence á banda sonora da película “La Scoperta Dell´America”, que se realizou no 1964. Por certo, nomear as bandas sonoras do gran mestre Morricone sería o conto de nunca acabar. O que si vai acabar é o relato, e rematámolo coa canción “Somewhere I Belong”, do grupo estadounidense Linkin Park. Vedes que fácil foi e que bonito; con catro temas musicais non enfadei a ninguén, porque a música si é certo que amansa ás feras.

Volver sobre as pegadas da experiencia

Saín na procura dun silencio nostálxico ou morriñento e ós vinte metros xa me atopei cun ruído demasiado abouxado. Pensei que morría de desolación. Cando cheguei ó cruce onde os recordos non teñen memoria, non me quedou outra que coller polo atallo da resignación, do conformismo. O mundo, ás veces, dá tantas voltas... A vida, case sempre, vai e vén por camiños cheos de curvas ou de atrancos que (non queda outra) Pingas de Orballohai que arrodear ou choutar. Os pequenos brincámolos e os grandes arrodeámolos. Que remedio! Na metade do camiño quixen acougar para buscar as utopías que se bambean nese continuo entresoño nocturno e só me saían pesadelos de cando unha cruz me levaba polo calvario da inocencia, da inxenuidade. Xa quixeran os recordos tumbarse sobre a almofada do tempo! E xusto cando estou chegando á meta, ó final dese camiño que está alá, case no infinito, vexo o muro dos lamentos, o valado da xemido. Maldito ruído que se apoderou do silencio! Non queda outra que pegar a volta e camiñar sobre as migas de pan, sobre as pegadas da experiencia, sobre o vestixio do pasado que fun deixando no meu camiñar. Volvín ó principio da soidade para que a inercia, a carrúa durma no ronsel dun pensamento. Do meu pensamento.

Na conciencia dun amigo

Quere abrigar os recordos na conciencia dun amigo, pero estes, saltan da fantasía á realidade e da veracidade ós soños. Sabe que é bo desafogar, pero tamén sabe que as penas saben nadar. É moi complicada a existencia dun verbo que che altera as entrañas. E aínda máis se queres que ese verbo quede encadrado na fina estampa de toda unha vida. Hai soidades que asoman cando os días se poñen grises, e hai tristezas que se deitan nas nubes negras. Non obstante, confía en que as letras dunha canción furguen por entre os carreiros deses pulsos que van e veñen polo desatino dun tempo que se está a vivir. Pensa que sobre unhas palabras escritas se le o sabor dunha felicidade eterna, cando ó mellor, entre parágrafo e parágrafo está acochada a realidade dunha existencia infinita. Non é ouro todo o que se amosa nas páxinas dun conto. Emporiso, confía unha e outra vez no latexo que sae do seu peito. E quere camiñar ás cegas, ás apalpadelas. Nunca foi unha boa solución. Porque hai cegueiras que te poden levar polo camiño equivocado e esnafrarte contra a realidade, contra a certeza dun infortunio, dunha calamidade. Deixa caer un salouco e bótase nos brazos do consello, do xuízo dun amigo. O amigo tamén carrexa a súa pena en silencio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES