Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chafariz de versos

jueves, 25 de octubre de 2018
Con máis de vinte anos de andaina literaria no fardelo, a traxectoria de Xoán Neira confírmase sólida nos eidos da escrita infantoxuvenil galega. Nestas dúas décadas o seu maxín deu á luz libros de mérito que casaron música e verso, imaxes e palabras. E velaí os están os iniciais Recreos (1997), aos que seguiron o aplaudido Xiz de cor (2004), Chafariz de versosFarrapos de nube (2007), No cubil da Lúa (2009), Un niño no xardín (2012) e, recentemente, Chafarís (2017), libro sobre o que agora direi.

Chafarís é un delicado álbum ilustrado que recolle unha ducia de composicións acompañadas de cadansúa ilustración de Ánxeles Ferrer, artista que xa iluminou noutras ocasións a obra de Neira e que aquí viste os versos do poeta lugués con coloridas imaxes de trazos suaves e formas redondeadas, axudando a imprimir ao libro un agradecido selo vitalista.

Os poemas de Neira fálannos do paraugas, o reloxo, a lámpada, o pan, os fantasmas, o chafariz, a estrela amiga, o espertador, o morcego, as aves migratorias, o peto e o rato de biblioteca. Son, por tanto, palabras dedicadas a compañas cotiás, tamén a seres e animais fantasiados, mais, en todo caso, decote realidades próximas e vivenciadas xa no tempo da nenez.

Hai no escritor un coidado especial pola sonoridade do verso, polo seu labrado formal, que traballa, sobre todo, as fórmulas romanceadas, mais con elasticidade suficiente para non constrinxir a rima a unha mecánica forzada e si para conseguir unha musicalidade que emparenta a súa escrita cos cantares de tradición oral, tan harmónicos eles.

Un acerto da poética de Neira reside na natural ensamblaxe de rexistros cultos (e velaí que a lúa que se pon a rutilar, poño por caso) e coloquiais (por exemplo, o morcego voador definido como todo un espectáculo), o que consegue facer convivir unha acaída selección léxica, ben perfilada, cunha innegable proximidade expresiva que facilita a lectura a aqueles que aínda están formándose no oceánico caudal da lingua.

A visión poética en Chafarís incorpora tanto a vertente expositiva de pura recreación de realidades como a didáctica que procura a ensinanza. Así, cabo de poemas definitorios como os dedicados ao paraugas, o reloxo ou a lámpada, comparecen outros nos que importa ensinar aos máis novos como son os morcegos ou cal é o proceder das aves migratorias.

Tanto nun coma noutro caso Neira non deixa de amecer os planos do real e o fantástico, enlevando mistericamente a materia poetizada. Deste xeito, os ratos de biblioteca son pertinaces lectores de mil sapiencias, a lámpada desafía a lúa no seu alumar, as estrelas navegan polos soños e os espertadores compiten, inutilmente, co galo rei dos amenceres.

Poderían facerse múltiples escollas destes versos, dependendo daquilo que en cada caso se procure no temático ou formal. Mais, se tivese agora que decantarme por un feixe pequeno deles, non deixaría de amentar “A estrela amiga”, “Aves migratorias” e “O peto”, composicións nas que o ritmo, as acaídas onomatopeas, os ben trabados encadeamentos de versos e a escolleita ambientación logran transmitir unha especial vibración emotiva, que confirma a habelencia de Neira nesta sorte literaria.

Non quero rematar sen felicitar as ferroláns Edicións Embora pola impecable edición deste álbum, moi coidado nas tipografías e no diálogo textovisual, que integra ilustracións de dobre plana con versos superpostos para crear unha unidade verboicónica de grande forza, que atrapa tanto na súa contemplación coma na intelección da mesma.

Luminosos e sempre amables, os versos deste Chafarís de Xoán Neira resultan lectura máis que cordial, que convida a capear os temporais con heroicos paraugas, saudar o imperturbable reloxo señor do Tempo, admirarse coa maxia da lámpada estrelada do ceo, contemplar o milagre do pan acabado de desenfornar, soñar fantasmagorías nos vellos castelos, mollar o nariz bebendo no chafariz da praza maior, deixarse abraiar polas lumieiras do firmamento, acabar co chío dos espertadores impertinentes, voar veloces cal morcegos, non perder o norte nas bandadas, peteirar coma o peto amigo e mesmo “ser/ un rato de biblioteca/ e vivir mil aventuras/ sen moverse da banqueta”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES