Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O galego de Vilalba

viernes, 09 de noviembre de 2007
O galego de Vilalba, para os nenos, nos anos cincuenta, non existía. Os nosos pais consideraban que aquel idioma estaba proscrito, e como querían facer de nós mulleres e homes de proveito, falábannos en castelán en todo momento.

Mesmo entreles falaban castelán para crear o clima xeitoso. Procedentes do rural, asentados na maior das modestias nunha vila pechada, entendían que o seu idioma non era válido para o progreso. E eles querían que nós superásemos as súas barreiras culturais, idiomáticas, económicas, sociais... Daí o emprego dun idioma alleo, que aprenderan malamente como pasaporte a un mundo mellor.

O galego veume dos veráns que pasaba en Ambosores, no Concello de Ourol. Dalí traía eu, ano a ano, aprendidas palabras que só agardaban o momento axeitado para entrar en vigor.

Cunha ducia de anos, teimei falar galego en Vilalba, porque comprobei que tamén alí o galego existía... Arredor da miña casa falábano o Fulgencio e máis a Antonia da Queixa, e mesmo a Señora Misaela (viuva do señor Misael) que tiña unha filla mestra na Escola de Fonte Pisón.

Foi miña nai quen tivo que tomar a decisión de autorizar o meu pase ó idioma galego, que empezaba a ser valorado e estimado polos meus compañeiros da Academia como fala de complicidade, suburbial, viva. E autorizados nas casas, pasámonos ó galego.
Como un novo mundo libre, no que non había un só libro, non era falado no Concello, nin no xulgado, nin na Academia, nin na igrexa parroquial, nin pola xente de posibles, nin pola xente culta... Só polos labregos, na Porta de Cima ou na Calle Nova, polos dos Catro Camiños e de Racamonde... e polos rapaces transgresores que entendían que aquelo do galego, cando estaba proscrito, tiña que ser moi importante.

Así, cando alboreaba a década dos sesenta, o galego entrou de novo en Vilalba. E nós, os rapaces que non chegabamos ós quince anos, eramos os donos dunha fala que nos abría un mundo descoñecido que tiñamos que colonizar e que algún día chegaría a ser noso. E neso andamos. E non nos foi tan mal.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES