Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ceibes sempre

domingo, 21 de octubre de 2018
No “Credo”, o que chamamos o “símbolo da fe”, empezamos por confesar, movidos polo mesmo Espírito de Deus, que cremos nun Deus que é “Pai OMNIPOTENTE”. Sen dúbida que Deus é así. El é infinito en todo, loxicamente tamén no seu poder. O que pasa é que este Deus noso exerce ese infinito poder seu dunha maneira moi distinta do que estamos acostumados a ver, aturar de outros ou facer nós mesmos cos demais.

É verdade que aí diante, á nosa vista, nas cousas feitas ou botadas a andar polo noso Deus, na natureza, no mundo, no universo, no interior de nós mesmos percibimos ou, polo menos, albiscamos este gran poder de Deus. Mais trátase sempre dun poder que non forza, que non asoballa, que é paciente, humilde, sinxelo, inocente, diáfano e aberto coma o poder dun neno. É a marca de fábrica do seu autor, que se comporta nas cousas que El fai como o que el é, unha verdadeira “Pai-Nai”. Por iso, cando este Deus apareza ou se amose no mundo, entre nós, para nos dicir como é El, veremos para a nosa sorpresa diante nosa, un neno, o neno de Belén. E entre xente sinxela, pobre e humilde pasará logo toda a súa vida este que fora neno inocente. É dicir, ó lado dos que non teñen poder , coma un máis entre eles.

Non. Non digo que ese Deus que se nos mostra en Xesús non ten poder ningún. Seguimos a ter aí diante o retrato vivo (“Quen me ve a min, ve ó Pai”) dese Deus Pai “omnipotente” no que dicimos crer. Mais ese poder infinito do Deus Pai “omnipotente” é o poder de alguén que creou tamén esa marabilla da nosa liberdade que nos constitúe intimamente a todos e cada un de nós. E as liberdades non se poden tratar a golpe de poder puro e duro, a golpe de violencia.

Hai agora case trescentos anos un gran galego escribía - o frade bieito Martiño Sarmiento (nado, ó que parece, nesta provincia de Pontevedra) - nunha carta a un irmán seu de hábito (nado en Burgos) esta bonita frase: “a liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que incluso Deus a trata e manexa (séxame lícito dicir isto) con pinzas”.

E digo eu agora: Por que tales delicadezas de Deus connosco? Pois simplemente porque a marabilla da nosa liberdade procede de alguén que é absoluta liberdade e amor, alguén que creou todo e nos creou a todos libremente por amor. Ese amor, do que dicía moi belamente o poeta italiano Dante ó final da súa “Divina Comedia” que é aquilo que “move o sol e as demais estrelas”.

Como fillo único dese Deus Pai, que é totalmente Liberdade e Amor, Xesús ten nisto naturalmente as ideas moi claras. Son conceptos e comportamentos que semella que están tardando demasiado en se instalar nas nosas sociedades. Porque hai xentes ás que lle gusta moito o poder. Un poder que neles non está ó servizo dos demais, senón dos mesmos que teñen e exercen un tal poder deturpado.

Pois ben, o evanxeo de hoxe está suficientemente ben aquelado con algo do que vos acabo de comentar. Vexámolo brevemente. Dous dos mellor situados, para dicilo dalgunha maneira, no grupo dos apóstolos, Santiago e mais Xoán, van intentar blindar definitivamente o seu status pedíndolle a Xesús sentar, cando el –como se nos di- estea “na súa gloria”, un á súa dereita e o outro á súa esquerda. Son estes claramente, como podedes doadamente ver, signos de autoridade e de poder. Santiago e mais Xoán maxinaban daquela aínda que Xesús iría por aí, como iría- segundo eles pensaban- calquera que fose consciente da súa valía e importancia.

De tódalas maneiras, cómpre engadir aquí que a mentalidade de Santiago e de Xoán non parece que fose exclusiva deles. Porque o feito de que os outros apóstolos se anoxasen con eles, ó oírlles tal petición a Xesús, semella dar a entender que os outros tiñan tamén medo de non figurar algo así como ministros ou conselleiros nese presunto futuro goberno ou “gloria” de Xesús.

A lección que a todos lles dá Xesús é tan importante e programática que debería figurar con letras de ouro na nosa intelixencia e no noso corazón e, sobre todo, na nosa práctica vital continua. Especialmente axeitada ademais para cando esteamos en maior ou menor medida inmersos nalgún tipo de reflexión para a elección dos nosos representantes políticos. Lembrade as palabras de Xesús: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva a outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos”.

Como cristiáns deberiamos influír, na parte que nos toca, en que os que nos rexen ou mandan non sexan como eses dos que fala Xesús, que “tiranizaban” ou “asoballaban” co seu “poder”. En calquera caso, coma formento que fai levedar toda a masa para se converter así en pan quente e mol, o comportamento de servizo e entrega ós demais debería ser distintivo e sinal característico da nosa correcta relación con ese Xesús que hai tantos anos xa que formulou e levou á práctica ditos e feitos tan fermosos e conmovedores.

Como hoxe é ademais o “Domingo Mundial da Evanxelización dos Pobos” ou o “Domingo Mundial das Misións”, deberiámoslle pedir tamén ó Señor que suscite entre nós persoas que teñan o servizo ós demais como lema das súas vidas, persoas que saiban ofrecer con humildade a tódalas xentes e culturas a mensaxe liberadora, sandadora de Xesús.

Porque Xesús veu onda nós e vive entre nós polo seu Espírito, non para se quedar pechado nos lindeiros dos que oficialmente nos consideramos “cristiáns”, senón para se constituír en vida e felicidade para cantos o buscan, aínda sen sabelo, en calquera parte do mundo, “sexan –tal como dicía o Pai Seixas- de calquera raza ou relixión que sexan”.

Pois se Xesús criticaba no texto comentado os xefes políticos dos pobos como “tiranos” ou “asoballadores”, igualmente o faría con aqueles xefes relixiosos, grandes ou pequenos, que pola súa parte intentasen tamén forzar as persoas a se facer membros dunha concreta e determinada relixión, sexa esta a que fose.

Redutos opresores e asoballantes coma eses terían que abrir de par en par as súas ventás para que por elas poida entrar o Espírito, é dicir, ese aire fresquiño, saudábel, libre e servizal de Xesús que tanta falta lle fai ó mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES