Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Predominio das emocións negativas

viernes, 19 de octubre de 2018
Se realmente sorprende que os comportamentos máis irracionais e atrabiliarios dalgúns políticos conten, a veces, cun importante apoio social, non debería de ser considerada unha extravagancia acudir a sociedade para investigar as causas que os impulsan, e tamén sería unha boa ocasión para realizar unha autocrítica os que así o consideramos, xa que convén descartar o apego teimoso a aqueles esquemas que serviron nun pasado para encadrar os comportamentos políticos no ámbito do correcto, e hoxe resultan inadecuados.

Pero esa autocrítica, tan eloxiada especulativamente como evitada na praxe da vida, vese, neste caso, escusada non só pola comodidade de que é más fácil condenar que dar razóns, senón tamén porque eses comportamentos irracionais e atrabiliarios dalgúns políticos, sobre todo investidos dun certo poder, evidencian unha incompetencia tal que aforra unha análise esforzada para descubrir os seus fundamentos e impulsa a non molestarse a calibrar as propias opinións. E ata parece como se existira un sector da sociedade integrado por persoas carentes da capacidade necesaria para decatarse dunha incompetencia, que, por mor da condición de gregarios, avalan.

E destas mans, arrogantes pola ilustración que posúen (e agora, segundo parece, incluso plaxiada), saen as consecuencias das indiferenzas e os ataques aos espazos aristotélicos nos que se sitúa a virtude: O medio entre dous vicios dos estremos, un, pola dereita, e o outro, pola esquerda. É dicir, a incapacidade para adoptar decisións adecuadas e correctas vese abocada a pelexar por espazos electorais cara aos respectivos estremos: Un evento social que está xa aí, que sitúa a un sector da sociedade na indecisión, ao máis crítico, e ao outro, na obcecación dunha imprecisa ideoloxía, pola incoherencia á que a levan, segundo alborexe o día, a especulación e a praxe dos respectivos líderes da quenda.

Non é este un problema só de España, senón tamén de moitos outros países que contan con estruturas democráticas; pero nesta preséntase con especial virulencia, pola suma de outros transcendentais, aos que nin se lles soubo dar solución no seu momento, nin agora se atina coa linguaxe adecuada para que os perturbadores da estabilidade e unidade de España o entendan. Xustamente por isto, son moitos os españois que, na nosa lingua, e coloquialmente, din que a situación en que nos encontramos é un ASCO. E miren por onde este termo, que é expresión do que repugna, ten entrada na mesma filosofía da Estética.

Descúlpenme que lles ofreza algo ao respecto, depositando en vostedes a confianza de que saberán darlle unha extrapolación analóxica ao ámbito da política.

Empecemos, pois, pola referencia a unha filósofa norteamericana, CAROLYN KORSMEYER, profesora de Filosofía na Universidade de Buffalo, en Nova York, que leva varios anos investigando o MAL GUSTO, o que repugna, e pensa que ten lugar na abstracción, como poñen de manifesto as vangardas pictóricas. Ela exemplifica coa cor no FAUVISMO, que chega a acadar niveis verdadeiramente intolerables, como o roxo rechamante, fero... (O mesmo termo “fauve”, en francés significa feroz, salvaxe...). Pero tamén nos fala dos COLLAGES (pregaduras, encolados...) de Tapies, que utiliza sustancias repulsivas na materia pictórica, para embrutecela.

Agreguemos que a Dra. María Jesús Godoy Domínguez, da Facultade de Filosofía da Universidade de Sevilla, nun interesante artigo, publicado na revista Estudios Filosóficos, nº. 195, escribe que esteticamente foron rehabilitadas as emocións negativas por reflexións anglosaxonas: aparte da dor, da pena e do medo, A INDIGNACIÓN OU O ENFADO viron mellorar o seu estatuto no ámbito da recepción estética, fronte ao menosprezo e a escasa valoración; pero o ASCO en mans de Korsmeyer alcanzou unha certa dignidade, porque pasou de estar ligado aos sentidos máis físicos (olfacto, gusto, tacto) á ser un produto da abstracción, claro, intelectual.

Incluso para o mesmo Adorno, a auténtica música é aquela que sendo aborrecible para a maioría, a base de “sons indómitos” evita poñerse ao servizo do consumo: Leva a “crepitar” e pon en relación coa vivencia do asco. Xa ven..., chegamos a xustificar o repelente!!. É unha verdadeira tendencia social ou algo pasaxeiro e vinculado á marxinación (perda?) dos referentes éticos e estéticos, e os habituais criterios que rexen o progreso?!. O tempo encargarase de aclaralo. Por agora élles así.

Pero só quero insistir aquí en que estamos nuns tempiños nos que parece que priman as emocións negativas. Isto lévanos a pensar se a profusión de tatuaxes, de aros colocados en calquera parte do corpo, os pantalóns rachados, algúns cortes de pelo e o seu peiteado, ... , e o mesmo asco que se desprende na presenza de certas persoas, polo seus descoidos hixiénicos, etc., poden encadrase nos marcos estéticos aos que fixemos referencias, e teñen relación, cando menos psicolóxica, cos epígonos. En todo caso, implican un arrogante rexeitamento, consciente ou non, polo tanto, intencionado ou instintivo, dos niveis acadados de civismo.

Isto xustifica que, por extensión e metaforicamente, tamén caiba falar de actitudes e comportamentos que dan asco, porque non só teñen compoñentes incoherentes, e á veces ata feroces, coa suposta formación e madurez das persoas, senón que os acompañan dun cúmulo de inherencias dunha basta ironía xesticular enervante, con independencia dos seus obxectivos, e resultan INTENCIONALMENTE repelentes: Algúns destacados exemplos podemos observalos no mesmo Parlamento e nalgunhas manifestacións públicas, que deveñen “epigonais” dos homínidos.

Talvez sexa ese mesmo asco o que separa as persoas valiosas, que non son poucas, das tarefas políticas; pero nin fan ruído nin se apuntan as emocións negativas, e representan, con infinita paciencia, o mellor dunha sociedade verdadeiramente progresista, porque...acaso non é un eloxiable tributo ao progreso humano conservar aquilo máis básico e esencial que a humanidade foi acadando en fatigosos esforzos persoais ao través dos tempos, e non teimar desprezalo, en aras dun regreso cualificado de progreso polos portadores epígonos de hábitos e actitudes superadas?.

E paréceme oportuno, case como coda, antes de terminar estes apuntes, que deixan moitas cuestións pendentes, facer unha referencia a AUTOCRÍTICA mencionada máis arriba. Sabido é que nunha sociedade hai cambios e procesos culturais e antropolóxicos, cambios e procesos políticos, procesos tecnolóxicos e económicos..., que todos eles inducen os integrantes das “novas xeracións” a percibir que moito do que valeu para as “vellas” non é xa pertinente.

Pero vítimas das xigantescas ondas que levantan os furacáns dos cambios sociais, séntense arrastrados a rexeitar con furiosa arrogancia etapas da historia, que nós vivimos e, con non poucas fatigas, obtivemos delas experiencias que deixaron achegas que contribuíron a configurar as nosa personalidade, e que constitúen un valioso caudal de información; mais tamén hai que recoñecer que isto, sen dúbida importante, non garante que todo o froito desas experiencias sexa, na súa totalidade, adecuado para actualidade, e unha irrupción indiscriminada dos mesmos pode dificultar as innovacións necesarias e contextualizadas das “novas xeracións”, creando conflitos e poñendo atrancos ao progreso. Imponse, pois, unha cautelosa reflexión, precisamente para evitar as actitudes pasivas, nas que soen caer os que desexan exhibir a presunción dun espírito xuvenil que xa non lles corresponde e aceptan todas as propostas para evidencialo: A autocrítica debe, polo tanto, ser ponderada, aínda que sexa absolutamente necesaria.

En todo caso, penso que tampouco debemos prescindir dunha consideración crítica do predominio que as emocións negativas acadaron no ámbito estético, con un vigor que fai cotizar alto aos seus produtos, e o seu eco noutros sectores da sociedade semella sentirse con perigosa impetuosidade, rachando con institucións que representan estruturas básicas da sociedade. Aquí procede unha tolerancia cautelosa: Sempre é mellor tapar goteiras (garantía de acerto) que derrubar a casa en época de tormentas (expoñerse ao resío).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES