Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mandas testamentarias

miércoles, 17 de octubre de 2018
Hai anos –máis de vinte- que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) publicou varios libros co mesmo rubro: “En galego, agora e sempre”. A colección recolle ao pé de mil mandas testamentarias escritas para a ocasión. Con elas preténdese recuperar unha vella tradición interrompida. No prólogo que escribín digo que é moi frecuente atopar nos protocolos notariais galegos, desde a idade media e ata ben entrado o século XIX, cláusulas testamentarias nas que o testador establecía obrigas extraeconómicas para os seus herdeiros.

Aqueles testamentos - os máis antigos-, encabezábanse con fórmulas estereotipadas nunha prosa ben requintada. As máis comúns son a que rezan así: “Con todo siso e toda miña memoria, dispoño das miñas cousas”. Eso, se a persoa que facía testamento non estaba aqueixada dalgunha doenza ou enfermidade que a obrigase a facer as conseguintes precisións sucesorias; daquela, a expresión era esta: “Doente no corpo e pero con todo o meu siso complido, faço e ordino en aquela maneyra após meu passamento”. As invocacións á relixiosidade eran tamén recursos moi utilizados.

Algúns destes testamentos contiñan obrigas para os herdeiros de “facer” ou “que se fixese” unha peregrinación a Santiago, por exemplo; ou que se fixese “unha pitança” para os criados nunha data determinada do ano. Estas mandas –as máis delas- son de carácter espiritual de uso moi estendido na época. O seu incrumprimento podería ser sancionado pola autoridade eclesiástica competente.

Cando os escribáns deixaron de escribir en galego por volta do século XV, os testamentos pasaron a ser redactados en castelán. Desde entón, e durante moitos séculos, estes instrumentos xurídicos de gran transcendencia na vida familiar dos galegos están escritos nunha lingua que non é a do testador nin a dos herdeiros testamentarios. Había que reverter esa situación e fíxose da man de don Victorino Gutiérrez Aller, notario que foi de Lalín, a quen a normalización da lingua galega nos usos notariais débelle o recoñecemento do seu exemplar labor de ter redactados no noso idioma milleiros de testamentos. Grazas a el hoxe en moitísimos fogares da comarca do Deza gárdanse estes instrumentos xurídicos. Os seus posuidores vén dignificada a lingua galega porque nela están especificados os seus títulos de propiedades.

Co gallo do Día da Restauración da Memoria Lingüística a AFNLG lanzou a través das redes sociais un microdocumental ( ver galeguizargalicia.com) instando a recuperar aquela vella tradición de incluir mandas testamentarias. As de agora, para deixarlles aos herdeiros o mandado de velaren polo fomento da lingua galega nos usos sociais e profesionais, a defensa do patrimonio material e inmaterial, e canto teña que ver coa nosa identidade cultural. A transmisión da galeguidade debe ser unha arela permanente en vida e despois dela. Velaí porque é fundamental renovar o maxisterio galeguizador con outras pedagoxías que motiven os sentementos máis íntimos dos galegos.

É unha oportunidade para reflexionarmos sobre o noso pasado e facermos votos por un futuro mellor para Galicia como fixo Álvaro Cunqueiro, o noso escritor universal, ao deixar escrita a súa lápida antes de morrer, que di así: “Eiqui xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Non fai falta ser escritor para ter os mesmo desexos. Cada un de nós é un esteo sobre o que asentan as xeracións que nos han suceder. Co noso compromiso Galicia terá sólidos alicerces para que dure mil primaveras máis. Deixemos constancia escrita del nunha manda testamentria.

(Xosé González Martinez é Presidente Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania