Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libro de Ángel Fernández, de Paradela

jueves, 18 de octubre de 2018
Ángel Fernández naceu en Paradela, e ten fixación por Paradela, natural fixación filial. E esto en Paradela nótase, e por iso é Fillo Predilecto deste Concello.

Que ten fixación por Paradela compróbase na súa traxectoria profesional e de investigación, na que pescuda os antecedentes máis lonxanos para conseguir un Adn colectivo, xa que buscando nas raíces máis fondas da historia, proporciona a estas terras unha base firme para o edificio inmaterial que conforman as xentes e a súa contorna, o conxunto xeográfico e humano que coñecemos como Paradela.

Os investigadores do futuro terán todo o traballo feito, e ademais terán centos de medios de comunicación nos que adentrarse para investigar os feitos históricos actuais. Pero os investigadores de onte e de hoxe teñen que facer traballos de arqueoloxía literaria, ou como haxa que chamarlle, pescudando na historia a través dos mosteiros, que vistos desde hoxe eran a Facenda da época, pero tamén a Educación, a Cultura, os centros de emprego e impulsión, polos de desenvolvemento, centros de poder, e bibliotecas, e arquivos… referencias imprescindibles para poder coñecer e entender os por ques do noso pasado e, polo tanto, do noso presente.

E, como terra poderosa e con historia, as investigacións de Ángel proclaman que Libro de Ángel Fernández, de Paradelaen Paradela houbo hai oitocentos anos hospitais de peregrinos en Mirallos e Morgade, e ata catro mosteiros en: Loio (de hai trece séculos), Sesmonde (hai máis de 800 anos), e os dous estudiados polo autor no libro que presentamos, en Castro de Rei de Lemos, e San Facundo de Ribas de Miño.

No haber de Ángel Fernández hai un cúmulo de esforzo e superación persoal que o levou aos máis altos niveis do mundo da educación tanto na investigación, como na docencia e no goberno, pero o que aquí nos interesa de xeito especial é o seu labor investigador nos vellos documentos que axudan a conformar a historia, froito dos que xurdiron os libros “El Monasterio cisterciense de Santa María de Castro de Rei”, “Portomarín: anacos da súa historia” ou “Paradela no tempo e vínculos con Portomarín”, que nos mergullan nas esencias destas ribeiras sagras vencelladas polas augas do Loio e do Miño, unidas desde os comezos dos tempos, que están agardando por investigacións sensibles coma esta para que afloren o que ata agora eran misterios e son xa elementos para seguir afondando, relacionando, e por fin avanzando no coñecemento do que máis nos interesa humanamente, que é coñecer as nosas raíces, as nosas razóns de ser.

Cando falamos destes mosteiros falamos de vida monacal, e de xentes do común, de herdanzas e transmisións; de freires e abades, de paradelenses doutrora; pero tamén de relación con autoridades relixiosas e civís, e aparece o Arcebispo de Santiago que recibe o mosteiro de Castro en 1117; ou os reis Alfonso VII, Alfonso IX, Fernando III ou Alfonso X que interveñen na vida dos mosteiros e asinan os seus documentos… E ata un Rei –Alfonso IX- estivo aquí, en días de gloria para o mosteiro, que empezou a esmorecer cando Castro de Rei foi anexionado a Montederramo en 1506, para morrer en 1836 cando se pon á venda. E se a comezos dos anos setenta do pasado século case nada se sabía desta institución, velaquí –neste libro- unha nova proba de renacemento.

E do mesmo xeito que se lle chamou “invención” ao “recoñecemento” –a volver a saber- do Camiño de Santiago; descubrir algo que os séculos foran silenciando para volver de novo á vida un Camiño, así a “invención” de Ángel Fernández consegue revivir –no caso que hoxe nos ocupa- dous mosteiros esenciais neste territorio e en Galicia.

Porque se antes dixen que os mosteiros eran os polos de desenvolvemento da antigüidade, centros de poder e de cultura, eran tamén os puntos de contacto co resto do mundo, obxecto de atención de reis e señores, moitas veces elementos de cambio entre poderosos, e natural conexión coas grandes Ordes relixiosas, e aquí a historia fálanos da Orde dos Cabaleiros de Santiago, e dos Benedictinos e os Cistercienses, dos que estes mosteiros foron representación e elementos vivos. Dous deses mosteiros (o maiir Santa María e o máis pequeNo en tamaño, San Facundo, do que xa fala en 1550 o Licenciado Molina) estaban aquí, en Paradela, eran nosos, desta terra, e todos os que son desta terra, e todos os que queremos a esta terra, somos beneficiarios deles grazas a quen pescuda nos seus misterios. E non só corresponden a Paradela, senón que hai que ter en conta que o Couto de Castro de Rei de Lemos comprendía tamén parcialmente os concellos de Bóveda, Monforte, Pobra do Brollón, Portomarín e O Saviñao.

O libro de Ángel Fernández é pedagóxico, formativo, divulgador… estudia con detalle a sociedade hispana e galega desde os primeiros tempos, cando Roma ou a invasión musulmana, a Reconquista… tempos escuros pero vitais, para destacar as razóns do nacemento dos mosteiros, o seu papel en relación coa fe, coa sociedade, co poder, coa vida dos nosos devanceiros.

Ten razón Xesús Mato, como Ángel fillo de Paradela; como Ángel, Fillo Predilecto de Paradela, cando define este libro que hoxe presentamos como “Un novo regalo para os paradelenses de todos os tempos”, e é magoa que non poidamos dictar unha norma de obrigado cumprimento para que todos os paradelenses leran esta obra, téndonos que conformar con formular un consello para todos os que queiran saber a importancia que estes mosteiros tiveron en tempos pasados, e con eles estas ribeiras tan propicias para a oración, para o traballo, para a contemplación, para a vida.

Non podemos conceder indulxencias para quen lea este libro, pero si podemos augurar o placer do coñecemento, a satisfacción do saber, para quen se achegue ao pasado destas terras a través das páxinas dun libro imprescindible para quen viva, teña relación ou goste deste lugar onde o mundo se chama Paradela.

(Palabras de Xulio Xiz na presentación -Paradela, 10 de outubro de 2018- do libro de Ángel Fernández López "OS MOSTEIROS DE CASTRO DE REI E SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO (PARADELA-LUGO)".
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES