Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alcohólicos anónimos en Vilalba

sábado, 13 de octubre de 2018
Nunha das visitas que en agosto fixen a Vilalba faláronme da existencia na nosa vila dunha Asociación de Alcohólicos Anónimos, e faláronme moi ben dela polo traballo que están a facer nun tema no que a sociedade está tardando en tomar cabal conciencia, pero hai que afrontalo moi seriamente.

O comentario fíxome pensar sobre o fenómeno do alcohol na nosa sociedade, que sempre nos tomamos á lixeira pensando que neso a inmensa maioría de nós controlamos, e só determinadas persoas se deixan levar polo seu peso pagando consecuencias terribles, que só consideramos se nos afectan directamente ou recaen na nosa familia. E existe a conciencia de perigo de morte entre as drogas tradicionais ou de deseño, coñecidas e temidas desde sempre, e mesmo sobre o fenómeno das novas tecnoloxías que poden afectar gravemente aos que se exceden no seu uso, especialmente os máis novos. Pero o do alcohol é un tema moito menos comprendido, porque formamos parte dunha sociedade onde viños, cervezas e licores teñen presencia permanente e forman parte activa da nosa existencia.

Houbo en Lugo hai catro décadas unha Asociación de Alcohólicos Rehabilitados, presidida por Jesús Burgo, da que hai moito tempo que non escoitei falar, que no seu momento me fixo socio de honra pola colaboración informativa desde Radio Popular en relación coas súas actividades. E como eses nomeamentos estimo que non caducan, coido seguir sendo moralmente socio daquela entidade, e polo tanto co deber de traballar en apoio das institucións deste tipo que poden facer moito por volver a incorporarse á sociedade ás persoas que esbararon no seu comportamento co alcohol e merecen e precisan axuda para volver a erguerse e enderezar a súa vida.

Por iso á miña informante sobre o excelente labor que se está a facer en Vilalba a prol dos afectados polo problema do alcoholismo, lle dixen que unha asociación coma esta vilalbesa de Alcohólicos anónimos merece ser axudada, e eu póñome ao seu dispor para o que poida valer, e desde aquí anímoos a que sigan co seu labor que seguro son moi conscientes do que están a facer, pero merecen que tamén o coñezan e o admiren –e colaboren con el- todos os vilalbeses.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES