
Faleceu en Buenos Aires Carlos Fernández Rial, un dos musicos e animadores culturais máis destacados, das segundas xeracións de emigrantes galegos na Arxentina.
Despois dunha longa e cruel enfermidade faleceu este mércores 10 de outubro, Carlos Fernández, para os seus amigos Carlitos. Naceu en xuño de 1959, nunha familia galega, onde a música e a danza eran os protagonistas fundamentais. Tamén os ideais republicanos, eran parte importante destes galegos da diáspora.
O matrimonio deixaba atrás a represión franquista, que se cobrou a vida de varios familiares. Os Fernández Rial, instaláronse en Buenos Aires nos anos cincuenta, aínda gobernaba o xeneral Perón. Tanto Pepe como Lola comezaron a frecuentar a Federación de Sociedades Galegas, os bailes do teatro Federal, etc... Alí participaban das distintas comisións de traballo, Pepe especialmente foi o impulsor do futbol, no recreo de Punta Chica, en San Isidro. Mentres que o pai de Carlitos caracterizouse por ser un extraordinario impulsor do folclore galego, participando no Coro Federal, Bretemas e Raiolas e Os Rumorosos.
Na Federación participaban da Sociedade de Boiro e do Centro Betanzos. Pepe xunto co seu irmán Antonio, deron os primeiros pasos para a fundación do Deportivo Español.
Mentres que o primeiro fillo do matrimonio Pablo, desde moi novo destacouse como un extraordinario bailarín de danzas galegas, o cal era o orgullo do seu irmán Carlos. A Carlitos coñecino a fins dos 70, era moi novo. Militara na mocidade comunista, na súa etapa de estudante segundario. Foi parte -en 1973- do Circulo da F. J. C. Julián Grimau, xunto a Luís Fernández, Daniel Portas, o seu irmán Pablo, Patricia Portos entre outros. Posteriormente foise achegando á UES e ao peronismo revolucionario. Víao moi a miúdo na Federación, cando ía ás clases de gaita do mestre Avelino.
Naquela etapa empezamos unha profunda amizade. Moitas veces atopabámonos no Centro Betanzos, que era a nosa guarida, xunto ao músico Carlos López García, Chucho, A Porota, o outro Carlos García. Polas noites intercambiabamos o saúdo diario de despedida, co profesor Alfredo Bravo que alugaba unha oficina de CETERA no local do Centro Betanzos, da rúa México. Noutra das oficinas estaba o Centro de Rianxo, onde se compuxo a mítica canción A Rianxeira. Cando decido en 1979, regresar a Galicia por segunda vez, Carlos decide tamén exiliarse. As cousas na Arxentina aínda seguían moi perigosas. E aos dous meses estabamos a vivir xuntos no mesmo piso da Coruña.
A parte da nosa loita pola sobrevivencia nunca falto unha guitarreada. Mesmo compuxemos unha canción a Inés Ollero, que fora noiva miña e neses momentos estaba secuestrada pola Escola de Mecánica da Armada. ESMA. Xuntos fomos a entrevistarnos con Domingos Merino, o alcalde nacionalista da Coruña e participamos do Congreso do Partido Socialista Galego, que fundara Xosé Manuel Beiras.
Lémbroo taménb xunto a Alberto Varela, cando lle entregamos en Compostela, unha carta de Arturo Cadrado a Rafael Dieste, na homenaxe póstuma a Celso Emilio Ferreiro. Unha tarde fomos visitar a tumba de Luis Seoane no cemiterio da Coruña. Naquela etapa Carlos cumpriu co mandato familiar de visitar aos seus familiares daquelas terras. Xuntos fomos ata Monforte e Lalín, onde estaban as súas orixes. Tamén ao barrio do Viso -en Vigo- onde vivía unha parte da súa familia. Ata fundamos un equipo de futbol denominado A Ponte. Carlitos integraba o equipo e eu era o director técnico. A maioría eran arxentinos e uruguaios. Cando terminaban os partidos, regresabamos ao bar -onde era o punto de encontro- sobre a avenida Vila de Negreira e alí celebrando cun bo viño galego branco. Sempre cantabamos de broma Gañamos perdemos, sempre perdemos!!!! O equipo sempre perdía, pero eramos felices. Como tiñamos moi preto o estadio de Riazor, os domingos que podiamos, iamos ver ao Coruña.
{FOTO1}
Foron moitas noites de bágoas e alcol, por tantas mortes ocorridas na arxentina. Nun daqueles encontros musicais preséntelle a Mari Carmen, unha moza galega, que ao pouco tempo converteuse na súa primeira parella e nai da súa primeira filla. Tamén coincidimos no noso retorno á arxentina. Novamente na Federación, na Oficina Española de Turismo, onde traballaba igual que a súa muller María del Carmen. Carlos por aqueles anos -ao comezo da democracia- comeza a impulsar a súa gran obra musical que foi a creación de Xeito Novo. Unha verdadeira revolución musical na colectividade galega. Co meu irmán Juan colaboramos -desde a imprenta do meu pai- coa impresión dos primeiros sobre e papel carta de Xeito Novo.
Lembro unha anécdota moi curiosa, polos inicios dos 80, comeza a representar unha empresa que vendía aparellos de fax. Cando me contou o que facía pregúntelle en que consistía. Alí explícome verbalmente como funcionaba o aparello, custoume moito entendelo, ata que o vin funcionar. Logo Carlos participa do CRE de Buenos Aires, é nomeado Secretario Xeral do PSOE da Arxentina e funda a Agrupación A Lorca.
Coa súa morte, sen ningunha dúbida, deixanos un dos dirixentes máis importantes das segundas xeracións de galegos na arxentina.
Carlitos: Ata a Vitoria Sempre!