Nunca poderei ser ministro
Agora entendo que eu nunca poderei ser ministro. Nin tan sequera político. Porque son pobre. Porque os ministros son entre 6 e 8 veces máis ricos que o español medio. E eu, que nin moito menos son un español medio... Así é que, pamemiño, non queda outra que lamber as feridas e confiar nunha primitiva; que tampouco. Porque o que si é verdade (e o que se dixo sempre) é que un non se pon rico traballando. Eu traballo (ou

fago que traballo) e xa digo, nin chego á categoría de español medio. Pobre de solemnidade! Por certo, o político chegará a ministro por ser rico ou por ser político? É igual; o caso é que ó chegar a ministro... aínda se pon máis rico. E repito unha vez máis: ninguén se pon rico traballando. O que queira coller a indirecta que é máis directa que unha frecha envelenada é porque é listo. Lanzo a directa porque hoxe non me apetece falar de corrupción nin de ladroízo nin de malversación nin de ningún oficio semellante e pertencente á rama dos políticos. Non son ministro por falta de economía, pero, iso si, e aquí non hai quen me gane: son rico en ilusións, en confianza (a primitiva), en sentimentos, en pensamentos, en afeccións, en soños, incluso en realidades, pois gústame ser tal como son. Non me cambio por ningún ministro!
Parecer o repertorio zaragozano
Quere chover pero vai sol. Quere facer frío pero a parella que está sentada á beira do río Sor contemplando a ponte do Muíño da Luz ten as mangas das camisas arremangadas. Ulises Urrutia Calado, O Pazpallau, ten collida da cintura a Ida Activia

Sonora, A Piruleta, e está a contarlle ó oído os pormenores do partido de fútbol que viu onte pola noite na televisión. A Ida o fútbol non lle interesa nada de nada, pero por non ofender ó seu mozo, ás veces, aguántalle as súas verborreas. Claro que tamén, outras veces, axiña lle solta aquilo de que pareces o repertorio zaragozano, porque se repite unha e outra vez con tal penalti ou cal xogador. A Piruleta non lle queda outra que, de cando en vez, desconectar, pero, iso si, amosándolle un sorriso dentífrico dándolle a entender que o atende coma se estivera na misa. A realidade é a que pensa ela: O Pazpallau parece o repertorio zaragozano. Sempre semellou iso; sexa coa moza, sexa con amigos, como colla un tema, dálle que dálle ata que aburre ós propios mortos. No fondo é bo rapaz, pero... cansa, esgota e todos xa intentan afastar del. Menos a Piruletiña, claro, que lle quere con loucura. Os dous xuntan as cabezas e miran para a ponte do Muíño da Luz.