Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O corazón no puño

Piñeiro, Antonio - sábado, 13 de octubre de 2018
Non son eu un comprador compulsivo pola rede, por máis que considere algúns dos beneficios que este tipo de mercado directo contempla, tanto para o vendedor -que abre ata o infinito o seu mercado- como para o comprador, que tamén ten moito largo campo para ver e comparar denantes de mercar.

En todo caso, se algo merco son pequenos compoñentes tecnolóxicos, consumibles informáticos e algún que outro pequeno regalo cando chegan os reis ou festas semellantes de gardar.

Quero dicir con isto que non formo parte do perfil de comprador exposto a grandes timos, por máis que a primeira compra dunha certa enxundia económica fose unha pantalla para o ordenador, hai xa máis dunha ducia de anos, cando as vendas pola rede eran “raras avis” aínda e darlle definitivamente ó botón do "carriño da compra" daba un certo vertixe.



Naquel momento, cando as pantallas planas aínda eran obxectos case de luxo, logo de buscar e buscar empresas do país, decidín mercala nunha de Zaragoza, á que chamei primeiro por teléfono para comprobar a súa existencia física e cerciorarme, na medida do posible, de que todo ía ir ben.

Fixen a correspondente transferencia bancaria e logo botei uns días co corazón nun puño, pois acababa de lanzar ó aire arredor de 500 euros sen ser coñecedor do resultado final. Un bo final, debo dicir, agora, non en van ós poucos días tívena ó meu dispor, ata hai moi pouco tempo, cando a cambiei por outra de maior dimensión.

Tanta sorte coma min non a tivo, para a súa desgracia, un comerciante dunha vila -que non é a miña- logo de ter decidido adquirir unha pantalla de televisión de non sei cantas pulgadas, que seica lle custou arredor de 6 mil euros.

Polo que me contaron, non hai moito deste suceso. E podémoslle chamar suceso porque seica ó abrir a caixa de gran formato na que teoricamente ía o televisor embalado, no canto do desexado televisor o que atopou o pobre home foi un palé con contrapesos e un desgusto do tamaño dun elefante do que non sei se aínda non se recuperou.

Lembrei este sucedido e os meus pequenos riscos no ámbito do denominado "e-commerce" cando lin a noticia sobre a detención dun mozo ourensán hai uns días por furtar mercadorías que en boa hora debería ter empaquetado e facérllelas chegar ós seus destinatarios, como mandan as normas da decencia e da conciencia laboral, ademais, loxicamente, da normativa legal.

Noticias coma esta é evidente que nos levan a non ter o dedo áxil á hora de premer a tecla "mercar", aínda que tamén é certo que o "e-commerce" chegou para quedar e o que non o considere -xa sexa como emisor ou como receptor-, igual que con outras tantas cousas está condenado a mirar a vida dende atrás. E delincuentes, para a nosa desgracia, houbos, hainos e sempre os haberá.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES