Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 10 de octubre de 2018
Ánimo para os que barrenan

Deixa de contemplar o anverso da moeda de cinco céntimos e busca un algo polo reverso, pola cara oculta da lúa vella. Xa verás a diferenza. Nunha hai ansiedades polas que incluso se mata e na outra hai sentimentos que van e veñen como astronautas con escafandro. Deixa de esbardallar, de baduar contra catro ideas duns que presumen de entendidos e pon sobre a mesa todo un máster de sabedoría popular ou, mellor aínda, Pingas de Orballosobre o xuízo de todo un pobo. Seguro que neste, no máster, non hai trampa nin cartón. E agora que cada un saque as súas propias conclusións. Pode soñar con convivir no niño dunha rula, por exemplo, ou pode versificar que un río, un río calquera, leva a suficiente auga como para limpar os pensamentos que se embulleiraron nuns minutos de silencio. Tamén, cada un, é moi libre de bailar sobre a punta dun dedo ou de cantar a dúo un responso pola alma de quen morreu por amor ás tantas da madrugada. Ou incluso lle pode berrar ó silencio desde calquera outeiro do monte Medo. Tamén pode botar unha sesta sobre un penedo. Cousas máis raras se teñen visto neste vida de catro reviravoltas e un descanso eterno. Pero eu son dos que pido ánimo para aqueles que barrenan.

Trinta segundos sobre Xúpiter

Trinta segundos sobre Xúpiter. A min chégame con estar tan só trinta segundos sobre Xúpiter. Iso significaría que tería que ir alá, que tería que viaxar pola inmensidade do espazo. Durante máis ou menos 629 millóns de quilómetros podería escoitar o silencio e berrar a pleno pulmón “a liberdade é miña!”. Durante uns anos sería o astronauta que compartiría os soños silenciosos co resplandor de certas estrelas, ou de moitas estrelas. Quero ir a Xúpiter sobre unha nave especial ou sobre as ás dunha rula. Dáme igual. Quero ir a Xúpiter para atravesar varios corpos celestes e deixar que a soidade aniñe sobre o ronsel da nave espacial. Durmiría o soño dos xustos e flotaría sobre un corno da lúa en cuarto minguante. Ós cachos sairía da nave para dar unha volta sobre a inmensidade do océano sen auga. Quero ir a Xúpiter porque sei que en trinta segundo son capaz de adiviñar se hai vida no planeta. Todo consistirá en berrar coma se estivera no monte de Pinouzos para que os alieníxenas asomasen por detrás dos penedos. Un berro libre pode abarcar a distancia que vai dun sentimento a un soño. Con trinta segundos sobre Xúpiter terei a confirmación dun desexo, do meu desexo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES