
Rostro para imprimir na memoria dos que soñamos Liberdade.
Moncho Valcarce, amigo e home cabal, Cura das Encrobas sempre.
Sobre a terra, baixo os ceos, navegando nestes mares,
o teu exemplo veraz será porvir, e é semente.
Moncho Valcarce, crego que perdura na memoria de nós, cantos soñamos unha Casa Liberada. Moncho, cura rebelde e comunista que fixo forza co pobo, desde o rural, para reclamar dignidade humana, dignidade da terra en propiedade para que sexa fogar, semente e poida garantir porvir. Na honra de ser pastor, o Cura das Encrobas, exerce desde o seu exemplo.
Foi así, fundamentalmente sinxelo e converteuse en nacionalista de referencia, de loita pola xustiza, aquela tantas veces ausente. Persoa de feitos, ser entrañable de fala arrodeada en fumes, néboas que envolvían o sublime segredo do servizo e do amor aos demais.
Conciliou o marxismo coa fe nun Cristo liberador dando como resultado loitas obreiras, detencións, desacougos, paus, mesmo a incomprensión. Pero procuraba a conciliación e entendemento, sentir en comunidade. Non lle importou a primeira liña de loita, estaba facendo o que era debido. Desde o contacto coa aldea convértese, tamén, a unha fe especial participada na xente do común e na
humildade, vértese nunha Igrexa espida de poder e preparada para a loita da vida pola vida, cada día en concilio participado.
Acada unha grande experiencia política pola súa participación nas loitas populares de As Encrobas, Xove e Baldaio; como anos despois As Enchousas, a carón dos labregos desafiuzados (1984), coa impresionante imaxe lembrada de Moncho subido ó cazo da escavadora cando querían derrubar as casas.
Novamente foi detido. Levaba os feitos por bandeira e mesmo, os seus verdugos -co tempo- caen na reflexión e arrepentimento. Moncho non esquece verbas para o consolo, escribe o seu credo máis íntimo e veraz, o dun Cristo liberador en loita diante do medo e a dor e, desde aí, fai un canto á esperanza e á fe, xustificando ese camiño da vida, de sementeira fértil cara á luz que nos axude a erguer todos os días. Pon en valor a oración para a reflexión, para a reconciliación con nós mesmos. Andamos a buscar milagres por tódolos lados, e non vemos que o gran milagre cotián da multiplicación do Pan está na Gaiteira e nas Pontes, no Cebreiro e A Garda. Son aparicións dun mesmo Cristo que atende as doenzas do espírito, restablece alentos físicos e, cando nos xuntamos, dános a man e di: Vide, non teñades medo.
Fronte ergueita en dignidade, sen resignarse á derrota.
Moncho, para nós serás sempre a memoria da xustiza:
canto máis grande é a dor, ...máis decidida é a loita!
Facho de luz e de lume, anceio que inspira a fe da Galiza!
(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, na entrega de A navalla do Manuel, a título póstumo, a Moncho Valcárce, recibíndoa a Fundación que leva o seu nome, en acto celebrado na campa de Santa Isabel de Outeiro de Rei, o 8 de setembro de 2018, cabodano de Manuel María. A imaxe de Moncho, e da vilalbesa María Guerrero).