VMW (Vilalba Most Wanted)
Domínguez, Baruk - lunes, 08 de octubre de 2018
2005. Por aquel ano andaba eu entre os 14 e os 15, bastante máis do primeiro ca do segundo (évos o que ten nacer a finais de novembro). Tamén andaba a camiño entre o seminario de Mondoñedo e o instituto de Vilalba, entre a infancia e a xuventude, entre compañeiros que deixei atrás e amigos que volvía recuperar despois dun tempo. En resumo, foi aquela unha época de grandes cambios e decisións na que, en vez de ligar e facer botellón, pasaba boa parte do meu tempo libre xogando a videoxogos de deportes. Un auténtico 'catacracker'.
15 de novembro daquel mesmo ano. Sae á venda unha esperadísima nova edición da exitosísima serie de xogos de carreiras 'Need for Speed'. Esta chamábase 'Most Wanted' e, con respecto a outras versións anteriores, tiña como novidade principal o aliciente de poder escapar da policía e facer falcatruadas diversas montado en coches espectaculares. Un 'chuladote' -sempre e cando non saísemos do ámbito puramente dixital-.
15.409 habitantes. Esa era a poboación de Vilalba por aqueles tempos. Hoxe somos mil menos, pero bastante parecidos. Iso si. Houbo un suceso afortunado? que, segundo semellaba, ía cambiar o transcorrer das cousas. Pero o certo é que tampouco foi para tanto...
22 de decembro de 2017. A chuvia de cartos. O manido 71.198. Os manidos 520 millós. Dicía daquela o alcalde que ía supor unha inxección non só para o municipio, senón para toda a comarca. E nada máis lonxe da realidade...
Kierkegaard dixo unha vez que en todo gozo é condición indispensable saberse dominar. Cando a un se lle enchen os petos coa plausibilidade dos desexos que alberga no seu maxín, resulta case sempre mal negocio, especialmente cando non hai máis capacidade para embridar esa besta desbocada.
Galopando pola extensa chaira, unha recua de cabalos de vapor son hoxe os reis dos carreiros e os herdeiros da fortuna. Os condotieros da 'famiglia Malatesta' dominan a planicie cos seus aires impulsivos e as súas ansias irrefreables de dominar o mundo (ou, polo menos, as súas estradas).
Zafándose dos xinetes negros, a alba Mercedes avanza a fume de carozo camiño dos dominios dos Andrade. Na ribeira do Madalena, a carón do Rañego, tópase de socato cunha petisa de dous anos e coa súa nai en estado de boa esperanza. Afortunadamente, e a pesar do brío soberbio co que son desafiadas, logran esquivar ese primeiro envite. Pero ela volve, día tras día, berrando e ruxindo, co obxectivo de reclamar o control absoluto dos seus dominios. E faise necesario que algúen faga algo...
P.D. Se alguén quere ou pode facer algo, especialmente se lle gustan os acrósticos, ten máis información xuntando cadanseu signo inicial dos parágrafos anteriores. Sorprendentemente doado. Se o fai ben, obterá catro números e tres letras. Sorprendentemente curioso. De nada, Merche.

Domínguez, Baruk
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora