Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O coidado do coidador

miércoles, 10 de octubre de 2018
Se algo me ensinou a vida é que coidar a unha persoa supón un acto de amor que se empeña en aproveitar o tempo ao máximo coa persoa á que coidamos. É, polo tanto, unha tarefa laboriosa que require dunha gran dose de empatía e moreas de paciencia. Nesta situación, podemos observar escenas que só o infindo agarimo pode sobrelevar. Agora ben, temos que ser capaces de analizar a situación de coidado dunha maneira obxectiva. Se o facemos hai que dicir que a situación en si contribúe a mermar a liberdade da persoa que se encarga da situación de coidado provocando un aluvión de renuncias e aprazamentos que a cercarán no contexto de coidado.

Cando unha persoa vai perdendo capacidades, sobre todo cognitivas, o seu mundo tórnase unha especie de bucle do tempo no que se repiten constantemente rutina e recordos. Para o coidado é o seu contexto ideal, acorde coa súa situación física e psicolóxica; pero, para o coidador constitúe un continuo dèjá vu no que se ve obrigado a vivir. Paralelamente a isto, temos que ser conscientes de que vivimos nunha sociedade que, en certa medida, demonizou as residencias baixo o concepto obsoleto de asilo. A primeira reflexión que podemos facer é que as residencias de hoxe en día distan moito dos asilos dos 80. Por outra banda, temos que deixar de pensar no coidado dos maiores como algo persoal ou familiar para convertelo nun problema social. Se o facemos darémonos conta de que precisamos servizos intermedios que contribúan ao respiro do coidador habitual. Neste sentido, temos os centros de día ou residencias que permiten deixar ao noso familiar nunha estancia temporal. Ou quizais sería mellor aumentar as axudas na propia casa para que a persoa non teña que mudarse coa confusión que isto conleva. Ou ben, facer un servizo de respiro familiar que non mude os hábitos da persoa dependente e contribúa ao coidado do coidador.

O incremento da esperanza de vida enfróntanos novamente co reto do benestar, coa creación de servizos que nos permitan recorrer o ciclo vital con dignidade. A formación destes servizos require, por outra parte, tratar o coidado familiar dende unha perspectiva moral e dicir que non pasa absolutamente nada por deixar á persoa uns días nun lugar no que sabemos que estará ben atendida e tomarnos unhas vacacións. Existen múltiples formas de coidar, algunhas pasan incluso por deixar á persoa na residencia ante a imposibilidade de proporcionarlle na casa o que sanitariamente necesita. Isto non pode servir para xulgar a quen toma a decisión do internamento.

O único rexeitable dende un punto de vista moral é o abandono total da persoa, vendo na residencia un lugar para esquecer. Noutro extremo, temos ao coidador que día a día vela por manter o benestar da persoa. Non chega con admiralo, hai que apoialo procurándolle respiros que coiden, tamén, da súa saúde física e psicolóxica porque dela depende o benestar global da persoa ao seu cargo. Apoiar ao coidador é imprescindible para asegurar un ciclo vital digno de ser vivido…
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES