Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ciencia, única vía de acceso á realidade...?

viernes, 05 de octubre de 2018
Penso que esta pregunta esixe algunhas matizacións, porque hai que saber que se entende por ciencia e por realidade. Neste espazo pouco máis se pode facer que apuntar unhas lixeiras ideas sobre a marcha, recoñecendo, por suposto, as miñas limitacións para articular unha exposición rigorosa. Pero o que si lles vou a ofrecer son unhas liñas definitorias das que eu parto nesta colaboración.

Sen dúbida, trátase de coñecementos encamiñados a investigar e interpretar os fenómenos naturais e os eventos socias, e tal vez se poida engadir hoxe tamén a produción artificial, obtidos mediante a observación e as experimentacións neses diferentes ámbitos en estruturas moi específicas dos mesmos. Por suposto, entran en función as preguntas, a construción de hipóteses e a formulación de teorías sistematizadas co apoio en principios e aplicando leis que se descobren na mesma investigación. É dicir, utilízase un método cualificado de científico e o resultado do proceso valídase mediante a aplicación do PRINCIPIO DE FALSABILIDAD (de Karl Popper) e a pertinente VERIFICACIÓN, se hai criterios pertinentes para facelo.

Cando falo da ciencia teño todo isto moi en conta; pero tampouco exclúo a referencia institucional a comunidade científica de homes e mulleres que se dedican a eses traballos de investigación e á creación de novos coñecementos, que son quen os contrastan con outros coñecementos que, por non enmarcarse dentro destas esixencias paramétricas, non soen ser cualificados de científicos, e incluso se chega a negar a súa garantía epistemolóxica e a poñer en cuestión a utilidade social, coa conseguinte irrelevancia nos plans do ensino. Exemplo témolo na mesma Filosofía e no enmascaramento da Ética con contidos espurios de sensibilidade ideolóxica.

Pois ben. Partindo de todo isto, xa podemos preguntarnos se é a ciencia a única vía de acceso a realidade. Persoalmente, e sen ocultar as miñas apuntadas limitacións, afirmo que non, que existen outras vías, que incluso, nalgúns casos, complementan a científica. Xa se refire Thomas Kuhn ao que el denomina “anomalías científicas”, o que quere dicir encontrarse con algo inesperado na investigación científica normal, e que preludian a necesidade de cambiar de PARADIGMA, é dicir, das teorías, leis e técnicas que se veñen aplicando na comunidade no proceso científico normal.

Xustamente este é o caso do cardiólogo holandés PIM VAN LOMMEL, quen investiga as coñecidas como “Experiencias Próximas a Morte”, que son minuciosamente tratadas na súa obra CONCIENCIA MÁS ALLÁ DE LA VIDA” (Atlanta, 2.012).

Interésame deixar constancia de que este científico “non é crente”; pero non pensa que a CONCIENCIA SEXA PRODUTO DO CEREBRO. E pretende encontrar algún grado de RACIONALIDADE, na investigación da “morte clínica”, na física cuántica.

Sabido é que hoxe os físicos que se dedican ao estudo da REALIDADE CUÁNTICA afirman que está fora das leis que rexen na realidade da que se ocupa a física clásica: o mundo no que os obxectos teñen unha colocación no espazo e nas secuencias temporais, onde predomina un certo DETERMINISMO, que facilita a previsión consecutiva de fenómenos futuros.

Fai o cardiólogo referencia a “morte clínica” (non necesariamente biolóxica), con encefalograma plano, sen circulación sanguínea nin actividade electromagnética, no transcurso duns dez minutos. O paciente que despois deses dez minutos se recupera e narra algunhas experiencias que non é posible que as percibira, aínda estando consciente, porque ocorreron fora da habitación ou, no seu caso, do quirófano, semella ter unha instantánea da súa vida e unha prognoses (coñecemento anticipado) do seu futuro, que pode ser confirmado.

Pregúntase como pode producirse un tal coñecemento sen actividade cerebral, e isto levo a pensar que o paradigma materialista non parece adecuado para explicalo.

Polo tanto, estamos en presenza dunha “anomalía científica”, referida por T. Kuhn. Pero...como o racionaliza Pim Van Lommel mediante as achegas da física cuántica?. Digamos algo antes acerca da realidade cuántica.

Nesta realidade rexe o PRINCIPIO DE INCERTEZA, cambiando a nosa visión do mundo, habitual e científica en clave clásica, posto que en virtude del só cabe facer neste ámbito da realidade predicións de posibilidades, non de certezas. Pero estes mesmos físicos aplican outros principios, como o de ACCIÓN A DISTANCIA, cando observan que, separadas dúas partículas que estaban unidas, como dúas partes dun electrón, se unha delas (a calquera distancia) cambia o sentido de xiro, faino tamén a outra.

O cardiólogo leva este principio ao campo biolóxico, explicando que as bacterias aloxadas en animais salvaxes, que nunca tiveron contacto cos antibióticos, experimentan a mesma resistencia a eles que as súas variedades que si estiveron expostas a estes fármacos. Engadamos, ademais, que nalgúns transplantes de corazón o receptor pode experimentar sentimentos e ideas propias do donante, porque ese corazón ten o ADN específico deste: É a coñecida como MEMORIA TRANSPLANTADA.

Con fundamento en todo isto, Pim Van Lommel ofrece a súa teoría: Cree que hai unha Conciencia Universal, e que a nosa conciencia é unha parte dela que se encontra, como nas holografías, en todo. O cerebro, neste caso, considérao como un INTERFAZ: Só transmite o que recibe. Consecuentemente, pensa que a esencia da nosa conciencia pode descansar no designado como baleiro do universo, desde onde ten unha conexión coa Conciencia non local. O que o leva a pensar que o ADN que permanece en cada célula debe desempeñar un rol esencial como “interfaz”, a cargo do denominado ADN lixo (“ADN basura”, en castelán). Creo que aquí debemos entender por “interfaz”, como na informática, “unha conexión funcional entre dous sistemas, programas, ..., que proporciona unha comunicación de distintos niveis permitindo o intercambio de información” (Wikipedia).

Afirma o físico inglés, de Cambridge, John Polkinghorne, que a ciencia si é realmente apaixonante, porque o descubrimento activa o apetito intelectual; pero escápase a o seu autocontrol, que só se pode levar a cabo acudindo a realidade social da Ética, por exemplo. Polo tanto, a teoría cuántica confírmanos que non existe unha epistemoloxía universal, posto que o mesmo mundo cuántico hai que coñecelo dentro dos límites que impón o “principio de incerteza” (“Principio de Incertidumbre”), unha nova vía de acceso a unha realidade que non era coñecida, mais estaba aí. Ademais a vinculación das entidades separadas (holismo) maniféstase na realidade subatómica en forma ben diferente á considerada no mundo da física clásica.

Con estes conceptos previos, que lles parece reflexionar un pouco acerca do reducionismo en favor exclusivamente da ciencia, como única vía de acceso a realidade, para comprender ata onde resulta insostible?. Pero preguntémonos, incluso, QUE É A REALIDADE E A QUE REALIDADE NOS ESTAMOS REFIRINDO, porque para Van Lommel a realidade está nas ondas da Consciencia (aquí con S) non local ou, quizá, máis aló, na proto–Consciencia, no baleiro absoluto, no buraco negro da enerxía, do que proceden as ondas da Consciencia non local que capta o noso cerebro. (Así o explica Gonzalo Haya, médico e psiquiatra, nun interesante artigo, comentando ao cardiólogo).

Certamente, e cada vez máis, a realidade preséntasenos moi complexa. Os científicos ocúpanse de desentrañar as cousas reais; pero non se ocupan da realidade en si mesma. Sen embargo, á medida que van profundando, encóntranse con esta, que se lles ofrece en diversas formas, e parece que perden a orientación no seu proceso cognitivo, sentíndose incluso inmersos nun campo de realidades virtuais. Cando isto ocorre, consciente ou inconscientemente, fan metafísica, porque o habitual neles, como é reducir a complexidade a un pequeno número de leis, non resulta operativo neste caso, e teñen que aceptar unha perda de certezas de matiz científico, porque o azar e o desorde (o caos) impóñense, e necesitan cambiar de chip, xa que a realidade coa que se encontran non se lles manifesta nun estado estable e permanente, senón dinámico, a mercé da evolución, das mutacións e, incluso, de certas crises. E, loxicamente, impóñense os cambios metodolóxicos, é dicir, hai que cambiar a vía de acceso a realidade: Xa non se pode soster, polo tanto, na miña modestísima opinión, ese reducionismo científico, posto que a necesidade de botar man doutros métodos, e darlle o seu valor as intuicións, incluso a certos saberes pre–científicos derivados da natureza humana, proporcionan novas sendas de investigación.

Non podo entregarme a afondar un pouco máis nisto dos “saberes pre–científicos derivados da natureza humana”; pero talvez sería necesario “cavilar” sobre o “acto virtual” de Suárez, pois, como di D. Sergio Rábade Romeo, “estamos ante unha importantísima modificación da doutrina tradicional (fai referencia a Escolástica), xa que, entre potencia e acto, pode haber potencias, especialmente facultades como o entendemento e a vontade, que contan con todos os requisitos para que, sen necesidade dun principio alleo, podan pasar a acto, porque, en posesión de todos eses requisitos, están en ACTO VIRTUAL (......). Así mesmo, esta noción de “acto virtual” fainos sospeitar que aquí está a orixe da concepción do innatismo virtual, por exemplo, en Descartes”. (Páxina 592 da obra “Raíces históricas de la Teoría del Conocimiento”, Escolar y Mayo Editores S.L., Madrid, 2.017). Por suposto, é mester facer unha extrapolación analóxica.

A que ven, pois, ese teimoso intento de suprimir, ou debilitar, os contidos filosóficos no ensino?. Se os froitos que dan non os saborea quen ten o poder de tomar decisións nesta materia, talvez non estaría de máis que revisara os seus argumentos por si ocultan algún sofisma dimanante de asesoramentos ideolóxicos indocumentados.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES